Neste 9 de novembro de 2023, xusto nove anos despois da primeira gran consulta pola independencia catalá durante o procés, PSOE e Junts pecharon o acordo polo que os posconverxentes votarán a favor de Pedro Sánchez na investidura que se celebrará xa a vindeira semana. Supón a aprobación dunha futura lei de amnistía, do nomeamento dun mediador internacional entre os dous partidos e, segundo ambos, tamén "abrir unha nova etapa e contribuír a resolver o conflito histórico sobre o futuro político de Catalunya".
PSOE e Junts acordan abrir "unha nova etapa" para "resolver o conflito histórico" de Catalunya
No documento de catro páxinas, PSOE e Junts deixan claras as súas diferenzas pero comprométense a "desenvolver unha dinámica para a súa resolución en termos diferentes aos da última lexislatura e procurar a gobernabilidade durante a XV lexislatura".
Confirmado o acordo, Feijóo equiparouno co 23-F ou cos asasinatos de ETA e chamou á "reacción" nas rúas por parte da cidadanía. O líder do PP cre que "España perdeu, os independentistas gañan e o PSOE desaparece" e advirte dun "ataque sen precedentes á democracia española". "O golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, o golpe do terrorismo de ETA durante décadas e o golpe perpetrado polo independentismo catalán en 2017 foron desafíos á liberdade e á convivencia en España. Neste caso, o desafío aos valores da Constitución está protagonizado por un candidato á presidencia do Goberno", dixo quen acusou a Sánchez de emprender un "proceso de capitulación".
Feijóo chama á "reacción" nas rúas ante un acordo que equipara co terrorismo de ETA ou co 23-F
No documento, o relato constata as discrepancias: "Junts considera lexítimo o resultado e o mandato do referendo do 1 de outubro, así como a declaración de independencia do 27 de outubro de 2017". Ao tempo, aclárase que "o PSOE nega toda legalidade e validez ao referendo e á declaración, e mantén o seu rexeitamento a calquera acción unilateral".
Socialistas e soberanistas entenden que "se poden alcanzar acordos importantes sen renunciar ás súas respectivas posicións" e ante as "profundas discrepancias" e as "desconfianzas mutuas" activan un mecanismo "internacional" para "acompañar, verificar e realizar o seguimento de todo o proceso de negociación", así como dos acordos. A primeira reunión, segundo aclarou Carles Puigdemont en rolda de prensa, será xa este mes e celebrarase fóra de España porque el pensa acudir.
O acordo aclara que Junts proporá un referendo "amparado" na Constitución e o PSOE, un amplo desenvolvemento do Estatut de 2006
O texto aclara que "Junts proporá a celebración dun referendo de autodeterminación sobre o futuro político de Catalunya" e que estará "amparado no artigo 92 da Constitución", o que supón tamén unha renuncia, máis ou menos expresa, á unilateralidade. Pola súa banda, o PSOE responde que defenderá un amplo desenvolvemento do Estatut de 2006 e "o pleno despregue e o respecto ás institucións de autogoberno e á singularidade institucional, cultural e lingüística de Catalunya". Non hai, xa que logo, ningunha alusión a un referendo acordado.
Tampouco sobre o financiamento, do que tamén se amosan as posturas contrarias. "Junts proporá de entrada unha modificación da LOFCA que estableza unha cláusula de excepción de Catalunya que recoñeza a singularidade na que se organiza o sistema institucional da Generalitat e que facilite a cesión do 100% de todos os tributos que se pagan en Catalunya". O PSOE, pola súa banda, aposta por "medidas que permitan a autonomía financeira e o acceso ao mercado de Catalunya" e un diálogo "singular" sobre o impacto do actual modelo.
Ademais, abordarase un plan para promover o regreso a Catalunya da sede social das empresas que cambiaron nos últimos anos a súa localización.
En canto á amnistía, Junts e PSOE acordan aprobación dunha lei para "procurar a plena normalidade política, institucional e social como requisito imprescindible para abordar os retos do futuro inmediato". Incluirá aos responsables e cidadáns que, "antes e despois da consulta de 2014 e do referendo de 2017, foron obxecto de decisións ou procesos xudiciais vinculados a estes eventos". O número 3 do PSOE, Santos Cerdán, explicou desde Bruxelas que non se detallan nomes concretos e que abrangue os implicados no procés desde 2012 e ata este 2023.
A lei de amnistía non detallará nomes concretos e abranguerá todos os implicados no 'procés' desde 2012 ata 2023
"Neste sentido, as conclusións das comisións de investigación que se constituirán na próxima lexislatura teranse en conta na aplicación da lei de amnistía na medida que puidesen derivarse situacións comprendidas no concepto lawfare ou xudicialización da política, coas consecuencias que, no seu caso, poidan dar lugar a accións de responsabilidade ou modificacións lexislativas". Xa que logo, déixase en condicional a inclusión destes casos que implican a persoas próximas a Carles Puigdemont, como o seu avogado Gonzalo Boye.
Tamén alude o documento á "ampliación da participación directa de Catalunya nas institucións europeas e demais organismos e entidades internacionais", sen ampliar moito máis, e explicita que o pacto pretende "a estabilidade da lexislatura", pero dependendo dos "avances e cumprimentos dos acordos que resulten das negociacións". Puigdemont, desde Bruxelas, xa advertiu que, de non haber avances, a lexislatura non ten precorrido.
Pouco despois, a executiva de Junts ratificaba por unanimidade o acordo co PSOE que as bases do partido votarán a fin de semana. Antes, no Parlament, ERC e a formación nacionalista conservadora rexeitaban unha proposta da CUP para impulsar un referendo.