Pedro Sánchez e Yolanda Díaz escenifican o acordo para un novo goberno de coalición aínda pendente dos apoios das formacións minoritarias
Son 48 páxinas que de nada servirán se PSOE e Sumar non logran obter antes dun mes o apoio doutras formacións minoritarias, principalmente do nacionalismo catalán e vasco, pero tamén do deputado co que conta o BNG. Pero se o conseguen, o acordo asinado no mediodía deste martes por Pedro Sánchez e Yolanda Díaz debera marcar as principais liñas de acción dun novo goberno de coalición que aspira a prolongarse durante catro anos. Un pacto que pon o seu foco principalmente no social, con redución da xornada laboral e máis permisos para conciliar coa vida familiar.
O acordo asinado este martes, negociado por un equipo que pola banda socialista contou coa participación do deputado e candidato á presidencia da Xunta José Ramón Gómez Besteiro, compromete a redución da xornada laboral máxima legal "sen redución salarial" ata as 37 horas e media semanais en 2025. Faino cunha aplicación progresiva que faría que en 2024 a xornada sexa xa dun máximo de 38,5 horas. Acadada a redución ata as 37,5 horas en 2025, "constituirase unha mesa cos interlocutores sociais que avalíe os resultados da redución e siga avanzando na diminución da xornada legal tendo en conta as características dos distintos sectores de actividade, a evolución da produtividade e as circunstancias económicas".
Sánchez e Díaz asinaron este martes o acordo negociado nas últimas xornadas por un equipo no que está o galego Besteiro
O pacto tamén se copromete a estender o permiso de paternidade e maternidade que actualmente é de 16 semanas ata as 20 semanas, "incorporando maior flexibilidade co traballo a tempo parcial desde a semana 16". Tamén compromete avanzar, en liña coa normativa europea, na implantación de permisos retribuídos para coidados. Así, o recentemente creado permiso de 8 semanas sen remunerar dispoñible ata que o fillo ou filla teña 8 anos pasará a ter remuneradas "polo menos 4 semanas" a partir de agosto de 2024.
En materia de soldos, o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) "seguirá medrando ao longo da lexislatura para asegurar o seu poder adquisitivo, garantíndose no Estatuto dos Traballadores que aumentará acompasado ao 60% do salario medio". Igualmente, reformarase para simplificala a tramitación do Ingreso Mínimo Vital (IMV).
O acordo tamén anuncia unha "reforma global do sistema fiscal español para mellorar a súa progresividade" para "que contribúan máis quen hoxe se esforzan menos (grandes empresas e patrimonios e rendas do capital principalmente) e quen incumpre coas súas obrigas tributarias".
PSOE e Sumar tamén din apostar por unha "ambiciosa política de investimento público a medio e longo prazo" en materia de vivenda pública "para elevar o seu peso ata o 20% do parque total de vivenda".
O acordo non contempla ningún compromiso de actuacións territoriais concretas en Galicia, como si fai con outras comunidades
O texto divulgado este martes non contempla ningún compromiso con actuacións territoriais concretas en Galicia, como si fai con outras comunidades, ao garantir un mellor financiamento á Comunitat Valenciana ou determinadas actuacións no Corredor Mediterráneo de mercadorías ferroviarias.
Nese último eido o pacto di apostar por un impulso xeral do transporte en tren "asegurando a conectividade en todo o territorio" e "consolidándoo como unha alternativa máis eficiente e menos contaminante". Así, en liña con medidas similares doutros países europeos, impulsarase "a redución dos voos domésticos naquelas rutas nas que exista unha alternativa ferroviaria cunha duración menor de dúas horas e media", salvo en casos de conexións con grandes aeroportos de enlaces con voos internacionais.