José Ramón Gómez Besteiro é o único aspirante ás primarias da formación socialista en acadar o mínimo do 6% dos avais da militancia
O PSdeG xa ten candidato para as vindeiras eleccións galegas. O deputado socialista no Congreso pola provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, é o único aspirante ás primarias da formación socialista en acadar o mínimo do 6% dos avais da militancia para concorrer a este proceso, do que finalmente non participa o deputado no Parlamento e ex-secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero e para o que non pasou o corte o coruñés Manuel Losada Fernández.
Besteiro vén de ser proclamado de maneira provisional como candidato socialista á Presidencia da Xunta tras facer entrega este mércores do máximo de avais permitidos, un total de 1.024 sinaturas, na sede do partido en Santiago.
Dende o PSdeG informan de que a Comisión Nacional de Ética do partido aprobou a proclamación de Besteiro como candidato de maneira provisional, posto que agora se abre un período de reclamacións que rematará coa "proclamación definitiva" –de non haber impedimentos– "transcorridas 24 horas do remate do proceso".
Durante o derradeiro debate de política xeral no Parlamento, ao que Besteiro asistiu como convidado, o socialista xa prognosticou que o Goberno do PP na Xunta está nun "fin de ciclo" e "enfrontado con todo o mundo". Foi nesa primeira sesión, o pasado 9 de outubro, cando o socialista ratificou que participaría das primarias do PSdeG.
Tras varios anos apartado da primeira liña política, José Ramón Gómez Besteiro foi designado por Pedro Sánchez como Delegado do Goberno a comezos do pasado abril. Apenas tres meses despois de recuperalo como representante do seu Executivo en Galicia, o líder do PSOE apostou por el tamén para as eleccións do 23 de xullo.
Como deputado socialista no Congreso, Besteiro abriu a lexislatura cun discurso no que puido falar en galego por primeira vez na Cámara Baixa e agora forma parte do equipo negociador que trata de acordar a investidura de Sánchez de volta como presidente do Goberno.