Besteiro intensifica a campaña e apunta a Feijóo: "Non é o superheroe que mostraba a TVG"

Gómez Besteiro, xunto á candidata do PSdeG á alcaldía de Mos, Victoria Alonso CC-BY-SA PSdeG

Besteiro respondeu ás críticas de Rueda a Sánchez sobre anuncios en campaña: "Cos cartos de todos, o PP malvendeu as caixas galegas e privatizou a sanidade pública"

Con cada vez maior protagonismo na campaña, o actual delegado do Goberno de España en Galicia, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este venres a Mos onde, acompañado da candidata do PSdeG á alcaldía, Victoria Alonso, visitou a ponte sobre a A-55 e anunciou a "inminente" presentación a información pública da obra do túnel Vigo-Mos-Porriño

Foi un dos proxectos de infraestruturas cos que reivindicou a xestión do Executivo central fronte aos "ataques" doutras administracións e líderes políticos como Núñez Feijóo ou Alfonso Rueda, a quen respondeu polas súas críticas a Pedro Sánchez por "empregar cartos de todos" en proxectos que anuncia en campaña electoral.

Gómez Besteiro, xunto a José Tomé, candidato do PSdeG á reelección en Monforte CC-BY-SA PSdeG

"Cos cartos de todos, o PP malvendeu as caixas galegas e privatizou a sanidade pública", retrucou Besteiro, que celebrou os “benditos anuncios” do Executivo central que “cos cartos de todos" fai "estas cousas marabillosas que benefician a inmensa maioría dos cidadáns”. Ademais, Besteiro comprometeuse a “seguir traballando” a favor da xente para “desenvolver os proxectos e as débedas históricas e, por exemplo, bonificar as peaxes da AP-9”, mentres o PP prorrogaba a privatización ata 2048.

O socialista ironiza cun Feijóo ao que ve "máis frouxo, minguado": "Non é o Alberto que estabamos acostumados a ver a través da TVG, onde era un superheroe"

Só horas antes, o xoves, Besteiro arroupou a José Tomé en Monforte, onde o tamén presidente da Deputación de Lugo opta á reelección. Foi nun mitin ante 500 persoas onde o delegado do Goberno cargou tamén contra Feijóo. "Este non é o Alberto que estabamos acostumados a ver a través da TVG, onde era un superheroe", ironizou. "Agora vémolo máis frouxo e diso tamén se dá conta a xente, tamén os votantes do PPdeG, que ven que está torpe, que non se defende, minguado... ", insistiu.  

Monforte foi a terceira parada no xoves de Besteiro, que acumula máis actos de partido que o propio secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, candidato ademais á reelección nas Pontes. O actual delegado do Goberno tiña previsto visitar este venres cinco municipios, achegándose xa aos trinta desde que comezara a campaña electoral ás municipais, alén das visitas institucionais derivadas do seu cargo.  

Gómez Besteiro, xunto á candidata do PSdeG á alcaldía de Mos, Victoria Alonso CC-BY-SA PSdeG

O que se presume como futura alternativa á presidencia da Xunta polo PSdeG, primarias mediante, reivindica o labor do Executivo central, como fixo este venres en Mos ao destacar a suba das pensións ou a carga de traballo nos estaleiros galegos como logros impulsados polo goberno de Pedro Sánchez.  

O delegado gobernamental e posible candidato do PSdeG á Xunta implícase de cheo nas municipais e suma cerca de trinta concellos visitados en actos de partido desde que comezara a campaña

“O que lle parece mal ao PP é que por onde andamos os socialistas esteamos defendendo as cousas boas que estamos a facer e as que queremos facer no futuro”, dixo quen acusou o PP de levar a cabo "unha política e unha campaña de oposición". "Fan campaña en negativo, con moi pouca ilusión e preocupándose de cousas que aos galegos e ás galegas nin lles van nin lles veñen". 

Respecto do futuro túnel Vigo-Mos-Porriño, de máis de 4 quilómetros, salientou a importancia fundamental desta intervención para evitar a sinistralidade da A-55 e “darlle un cambio á situación do tráfico” nesta vía, ademais de humanizar a superficie, "tanto por riba do túnel como por debaixo de Puxeiros”.

Gómez Besteiro aplaudiu tamén a noticia coñecida onte da posta en marcha do estudo informativo para a conexión do tren de alta velocidade entre Vigo e O Porto, que supón unha “noticia fantástica que pon en marcha a coordinación entre os gobernos de España e Portugal para facer realidade unha conexión que todos desexamos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.