O resultado global que PSdeG e PP acaden neste partido xudicial pode determinar o Goberno da Deputación provincial
O Concello da Fonsagrada vai ser unha das claves das eleccións do vindeiro 28 de maio. Non só está en xogo unha importante alcaldía, centro da súa comarca, que no ano 2019 se decidiu por un único edil, senón que o resultado global que PSdeG e PP acaden neste partido xudicial pode determinar o Goberno da Deputación provincial. Hai catro anos a esquerda foi quen de reter a Deputación de Lugo por un único deputado e representante que se elixe no partido xudicial da Fonsagrada foi gañado polos socialistas por apenas 130 votos de diferenza sobre os populares.
Nos últimos meses o PP redobrou os seus esforzos en varios concellos deste partido xudicial, que inclúe ademais Baleira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín. E tamén o fai o PSdeG, que ten nesta localidade un importante feudo, unha Alcaldía que conserva dende o ano 2003.
Gómez Besteiro puxo en valor “a boa xestión” do Alcalde e do seu equipo, que deu “grandes resultados para os veciños"
Este domingo, Jose Ramón Gomez Besteiro, Delegado do Goberno en Galicia, e o voceiro socialista no Parlamento galego, Luis Álvarez Martínez, apoiaron nun acto a Carlos López, alcalde e candidato do PSdeG á reeleción. No encontro, que contou cunha importante asistencia de militantes, simpatizantes e veciñanza, participou tamén a deputada autonómica Patricia Otero.
Gómez Besteiro puxo en valor “a boa xestión” do Alcalde e do seu equipo, que deu “grandes resultados para os veciños", salientando, por exemplo, que A Fonsagrada recibiu máis de 180.000 euros do Goberno central para completar a rehabilitación da antiga Casa Consistorial, que o concello forma parte do programa UNICO do Estado para estender a Banda Ancha e que o municipio terá un novo Cuartel da Garda Civil.
“Temos un proxecto para A Fonsagrada para aumentar e mellorar os servizos dos veciños e promover a actividade económica e a creación de emprego, e así fixar poboación”, destacou o candidato
Na súa intervención Carlos López salientou que “temos un proxecto para A Fonsagrada para aumentar e mellorar os servizos dos veciños e promover a actividade económica e a creación de emprego, e así fixar poboación”. O candidato á reelección lembrou fitos importantes para o concello que conseguiu o Goberno municipal socialista, como a posta en servizo do Residencial Rois co apoio da Deputación de Lugo, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), melloras no ámbito das infraestruturas, a accesibilidade, zonas verdes e espazos de convivencia, “unha aposta forte” polo tecido asociativo social, cultural e deportivo ou a promoción do Camiño de Santiago.
De cara ao vindeiro mandato, o candidato do PSdeG marca como prioridade a construción do polígono industrial, para o cal conseguiu preto de 2,5 millóns de euros da Deputación. "Seguiremos traballando pola Fonsagrada con ilusión, honestidade e responsabilidade, coma nestes anos, nos que logramos avances importantes”, concluíu.