O Goberno de España xa autorizara hai dúas semanas o concurso para a intermodal de Lugo por 21 millóns e agora engade as novas decisións en plena campaña
O Consello de Ministros deste martes autorizou ao Ministerio de Transportes a licitación dunha nova estación de tren para Ourense. Tamén autorizou contratar a ampliación de carrís da Avenida Alfonso Molina da Coruña (A Vedra), a que dá continuidade á AP-9 ata o centro da cidade.
As dúas actuación suman preto de 150 millóns de euros e a súa autorización prodúcese en plena campaña electoral para as municipais do 28 de maio, ao tempo que o presidente Pedro Sánchez vén anunciando todo tipo de medidas de gasto público. Tamén tras autorizar hai apenas dúas semanas a nova intermodal de Lugo.
No caso da estación de Ourense as obras agora autorizadas licitaranse por 130 millóns de euros e supoñen a construción dun novo edificio para pasaxeiros máis grande que o actual e a cobertura parcial da praia de vías para facilitar a conexión entre os barrios da cidade actualmente divididos polas infraestruturas ferroviarias.
Na Coruña licítase ampliación de carrís de Alfonso Molina pero o ministerio aínda ten en redacción a súa integración ambiental
As novas actuacións súmanse a outras que xa se foron rematando nos últimos anos no marco da chegada á cidade da liña de alta velocidade coa meseta, como a remodelación da praia de vías, a construción dun aparcamento subterráneo ou o traslado por parte da Xunta da estación de autobuses, o que na actualidade xa garante a intermodalidade.
Ampliación da avenida coruñesa de Alfonso Molina
No caso da Coruña o agora autorizado polo Consello de Ministros é a ampliación de carrís e remodelación dos existentes na Avenida Alfonso Molina (A Vedra) na que desembocan tanto a AP-9 como a AC-11 procedente de Oleiros. Neste caso o propio Goberno admite que aínda non ten listo o proxecto de integración ambiental que prevé para a contorna como compensación pola ampliación do espazo para os vehículos.
Trátase dunha ampliación da oferta de carrís que habitualmente supón un conseguinte aumento da demanda. Neste caso, o ministerio xustifícaa por unha reorganización dos carrís na Vedra para evitar os denominados movementos de “trenzado” que provocan problemas de seguridade viaria.
Estas novas actuacións en Ourense e A Coruña chegan en plena campaña electoral despois de que hai dúas semanas, o pasado 3 de maio, o Goberno de España tamén autorizase a licitación da nova estación de tren de Lugo por 21,6 millóns de euros, xunto á que a Xunta trasladará a de autobuses para garantir tamén nesa cidade a intermodalidade.