"Son dúas filosofías distintas de cidade e de mobilidade; é evidente que se enfrontan dous modelos diferentes". Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, advirte das dúas ideas que agroman no debate que leva semanas asentado na Coruña sobre a reforma da súa principal vía de entrada. O futuro da avenida da Vedra vai máis aló dos cambios nunha infraestrutura, senón que se presenta desde o Concello como unha "oportunidade histórica" para apostar por unha idea de cidade e transporte diferente. E os apoios á alternativa que propoñen PP e Fomento son cada vez máis importantes.
O goberno local da Marea recoñece a súa "grata sorpresa" polo importante apoio á súa proposta de humanización da Vedra
Arquitectos, urbanistas, técnicos, ecoloxistas ou plataformas como Stop Accidentes mostráronse a favor dunha humanización que tamén prevé apoiar o PSOE cunha moción no pleno. "Foi unha grata sorpresa apañar máis apoios mesmo dos que pensabamos; estamos comprobando como todo o que sexa gañar espazo fronte ao coche e priorizar criterios ambientais a medio prazo acaba sendo un éxito seguro", insiste Varela.
O goberno da Marea presentou un proxecto de "humanización" ao Ministerio do Fomento no que variaba a idea inicial -e fundamental- de aumentar un carril en cada sentido nun vial que é máis unha continuación da autoestrada que unha entrada acougada á cidade. O proxecto do Concello aposta polas sendas peonís, carrís ciclistas, prioridade de transporte público e proliferación de especies vexetais -cunha importante mediana con árbores- que diminúan os efectos da contaminación acústica e por emisión de dióxido de carbono. En definitiva, facer da estrada un bulevar que se basee na sustentabilidade, salubridade e criterios de ecoloxía urbana, máis aínda nunha zona que hai vinte anos non estaba urbanizada.
O Concello aposta por sendas penonís, carrís-bici e prioridade do transporte público, pero o PP e Fomento queren aumentar os carrís
"A nosa reivindicación ten tamén que ver cunha zona que é urbana e que hai vinte anos non o era; a xente vive e cruza dun lado ao outro, con barrios ás dúas beiras", di o concelleiro. Unha contorna de 20.000 persoas con zonas verdes, paradas de buses, colexios, equipamentos deportivos e de ocio... E partida en dous por unha estrada na que se superan os 80 km/h. "Porque a seguridade viaria é fundamental neste caso; a nosa proposa é tecnicamente viable e moi desexable, sobre todo no que ten que ver con este aspecto porque hai que facer compatible a vida dos peóns, que é moita, co tránsito dos vehículos", engade Varela.
"Non se trata de aumentar a boca do embude, senón de que o número de coches que entran na cidade sexa menor", di o concelleiro Xiao Varela
Fomento dixo non á proposta do Concello da Coruña e o PP local lanzou unha campaña contra os "embudos" que disque se producirán de non aumentarse o númer de carrís nunha cidade afeita ao caos de tráfico. "Aumentando os carrís o que pasa é que o embude se produce máis abaixo; non se trata de aumentar a boca do funil, senón que o número de coches que entren na cidade sexa menor", di o concelleiro, que resume así as radicais diferentes concepcións de cidade que xorden.
Ademais, os populares alertan do perigo que suporía que se perdesen os 12 millóns de investimento comprometidos por Audasa para o financiamento da obra e desde o Concello pregúntanse que intereses "a maiores", ademais de que a súa autoestrada penetre máis na cidade, ten unha empresa privada. Por iso, revisarase o convenio e as presumibles contrapestracións que se lle engadan a esta compañía.
O goberno da Marea aposta por desconxestionar de coches unha cidade ateigada e pon a vista nun futuro máis inmediato coa estación intermodal -"estratéxica e a grande aposta da lexislatura"- e xa máis adiante co tren de proximidade e, en definitiva, cunha mellor conexión a través de transporte público con toda a área metropolitana. Desde o PP insístese en que son necesarios máis carrís pola masiva presenza de automóbiles, pero o tráfico na avenida descendeu un 10% nos últimos cinco meses, desde que se puxo en marcha a terceira rolda. Uns 27.000 coches menos de entrada e uns 25.000 menos de saída. E o descenso será maior cando se abra o vial 18 que conecta a saída da AP-9 e coa futura entrada en servizo da intermodal.
O PP argumenta no elevado tráfico a necesidade de máis carrís, pero descendeu un 10% tras a apertura da terceira rolda
Malia as diferenzas, Fomento e Concello buscarán unha solución de consenso e a ministra Ana Pastor e o alcalde Xulio Ferreiro xa acordaron a creación dun equipo de traballo conxunto que comezará a traballar esta semana. O goberno local incorporou propostas do Goberno central -melloras de mobilidade no nó de saída da autoetrada e conexións que eviten cruzamentose facilitarán maior fluidez- e medita reducir algo a mediana, ampliar un chisco os carrís e a beiravía. "Con algún cambio e pequenas melloras, agardo que cheguemos a un acordo. Os técnicos están afinando unha proposta definitiva do que era un bosquexo e é claro que non lle podemos quitar capacidades ao Ministerio", aclara Varela.
Fomento e Concello traballarán nun equipo conxunto e desde o goberno local agardan chegar a unha solución de consenso
"A aposta é máis ampla, é por un modelo de cidade", engade o concelleiro de Rexeneración Urbana. Unha aposta por unha avenida do século XXI ou unha cidade para os coches, acerta a resumir o Concello. A confrontación de dous modelos que conseguiu o seu primeiro obxectivo: o debate público entre unha cidadanía interesada e corresponsabilizada no futuro dunha urbe con problemas por resolver. Un dos máis importantes, o que afecta á mobilidade e ao tráfico.