Pasarelas sobre o mar: as dúas promesas 'estrela' da Xunta na Coruña, aparcadas ou atrasadas

Recreación da pasarela prevista entre As Xubias (A Coruña) e Santa Cristina (Oleiros) CC-BY-SA Xunta

A comezos de abril de 2022, a Xunta desprazaba á Coruña un dos últimos Consellos de goberno con Feijóo como presidente, a poucos días da súa dimisión e da súa marcha a Madrid para liderar o PP a nivel estatal. Alí, entre variados anuncios para a cidade e a comarca, a promesa de dúas actuacións estrela: unha plataforma para o baño na zona portuaria do Parrote e unha pasarela peonil que uniría a urbe con Santa Cristina, en Oleiros, na outra beira da entrada da ría do Burgo. Un ano despois, o proxecto para a ponte xa está descartado polo Executivo galego e o da estrutura flotante vén de ser aprazado ata, como mínimo, o verán de 2024. 

Feijóo anunciaba na Coruña, nun dos seus últimos Consellos da Xunta como presidente, unha plataforma para o baño no Parrote e unha pasarela peonil para unir a cidade e Oleiros

Así o anunciaban Xunta e Autoridade Portuaria a pasada semana, tras a sinatura dun convenio de colaboración -acto con fotos incluídas- para a construción desa plataforma flotante. Fora anunciada máis dun ano antes e suporá un investimento de 3,1 millóns, a maior parte deles achegados pola administración autonómica e 200.000 euros polo Porto. 

O presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, xustificou o atraso nunha "tramitación complexa" e na tardanza dos informes e a documentación necesaria, ademais de anunciar a convocatoria dun concurso de ideas que quedaría resolto entre xuño e xullo. A estrutura, que se anunciou para este ano, non estaría lista, como moi cedo, ata o verán de 2024, aínda que tampouco a data é segura

Recreación da plataforma mariña no Parrote, na Coruña CC-BY-SA Xunta

O proxecto prevé bancadas para tomar o sol, casetas para material deportivo ou ramplas de acceso e sería compatible coa actividade marisqueira, segundo se asegurou nun acto ao que acudiron tamén a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Todos advertiron do "reclamo turístico" que suporá a obra, ademais do beneficio para a cidadanía. 

A plataforma flotante, anunciada para este ano, non estará lista ata, como mínimo, o verán de 2024; a ponte foi descartada pola Xunta

"Creo que a Xunta é a administración que está facendo máis pola Coruña", dixo nese mesmo acto Ethel Vázquez. A conselleira foi unha das protagonistas do outro gran proxecto caído e anunciado hai un ano pola Xunta, tamén como gran defensora: a ponte entre Oza e Santa Cristina. Asegurara que a obra, cun orzamento de 8 millóns de euros, tería un "mínimo impacto visual", que era "un proxecto necesario" e que sería usada por "2.300 peóns e ciclistas ao día". E advertira da necesidade de apoio dos Concellos da Coruña e Oleiros, aínda que auguraba que non se perderían os fondos europeos que o financiarían no caso de que o rexeitasen. 

Desde Oleiros insistiron ata o final na súa negativa e o consistorio coruñés aceptou e amosou o seu apoio á pasarela pero con algunha modificación, como a de situar o seu inicio no hospital Materno Infantil e non no núcleo das Xubias ou solucionar o paso de ciclistas a través da reforma prevista na veciña Ponte da Pasaxe e non coa nova estrutura. 

Diego Calvo, Ethel Vázquez, Martín Fernández Prado e Gonzalo Trenor, na sinatura do acordo pola plataforma do Parrote CC-BY-SA Xunta

Ata que logo dunha reunión en decembro do pasado ano, a Xunta decidía "aparcar" o proxecto pola "falta dun apoio claro por parte do Concello da Coruña", segundo sinalaban fontes do Executivo autonómico. Desde a administración local declaraban a súa "perplexidade" ante a renuncia e coincidían coa de Oleiros no seu diagnóstico final sobre a pasarela: "Era todo fume e detrás non había nada de nada". 

A Xunta decidiu "aparcar" o proxecto da pasarela peonil pola "falta de apoio claro da Coruña"; o Concello cualificou de "tomadura de pelo" o anuncio e actitude da Xunta

Era unha “alfombra sobre a ría” que "revolucionará a mobilidade de peóns e de ciclistas", segundo anunciaba a Xunta hai un ano. Oito meses despois, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, anunciaba que a Xunta fora "obrigada a adoptar a decisión de aparcar o investimento ante a falta dunha postura claramente favorable por parte do Concello da Coruña" e que non descartaba retomar no futuro o proxecto "no caso de darse as condicións de apoio e consenso necesarias".

Días despois, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, rexeitaba a proposta da conselleira Vázquez de buscar financiamento no Executivo central e falaba de "tomadura de pelo" por parte da Xunta. "É unha vergonza o desprezo do Goberno autonómico á cidade, empeza a ser unha broma de mal gusto a falta de investimento", dixera.  

Feijóo, xunto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na inauguración da pasarela na Agrela © Xunta

As palabras non se diferenciaban moito das que este mesmo goberno e o anterior, liderado pola Marea Atlántica, dedicaran aos comunicados e declaracións que a Xunta fixera respecto doutra pasarela inaugurada polo Goberno autonómico na Coruña e con semellante polémica darredor. Unha pequena ponte de 200 metros que une o polígono industrial da Agrela coa área comercial Marineda City e que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, considerara "emblema da Coruña", "escultura excepcional" ou "arco de entrada" da cidade.

En 2019 Feijóo inaugurou con máis dun ano de atraso unha pasarela de 200 metros para acceder a un centro comercial, elevada pola Xunta a "emblema da Coruña" e "escultura excepcional"

Fora inaugurada con máis dun ano de atraso, chegou con polémica polos fastos organizados para a súa inauguración e por ser erixida polo PP como símbolo do investimento da Xunta na Coruña. Custou algo máis de 1,5 millóns de euros e o 80% desta cantidade foi financiada a cargo dos fondos europeos FEDER. Menos de seis meses despois da súa apertura, volvía estar en obras, co pavimento levantado e pechada á circulación

"É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", dixera na súa inauguración Feijóo, que cre que a obra estaba "tan ben feita, que quedará para sempre". Durou menos de seis meses antes de volver ser reparada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.