A pasarela "emblema da Coruña", en obras tras medio ano aberta porque chovía ao pavimentala

Feijóo, xunto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na inauguración da pasarela © Xunta

"Estou convencido de que está tan ben feita que quedará para sempre". Núñez Feijóo advertía a finais de 2019, durante a súa inauguración, que a pasarela que une o polígono industrial da Agrela coa área comercial Marineda City na Coruña faría honra ao que el e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, consideraron "emblema da Coruña", "escultura excepcional" ou "arco de entrada" da cidade.

A pasarela que une un polígono industrial e unha área comercial, de 200 metros, foi cualificada de "emblema da Coruña" ou "escultura excepcional" por Feijóo

Esta pequena ponte de 200 metros, de forma curvada e sen apoio central que foi inaugurada con máis dun ano de atraso, chegou con polémica polos fastos organizados para a súa inauguración e por ser erixida polo PP como símbolo do investimento da Xunta na Coruña. Custou algo máis de 1,5 millóns de euros e o 80% desta cantidade foi financiada a cargo dos fondos europeos FEDER. Esta semana, menos de seis meses despois da súa inauguración, a pasarela está en obras, co pavimento levantado e pechada á circulación ata, polo menos, a vindeira fin de semana. 

Segundo a Consellería de Infraestruturas, os traballos son obrigados polos "problemas" creados pola adversa climatoloxía na pasarela durante as obras de pavimentación, "realizadas en época de moita choiva". Os labores de agora son, segundo aclarou a Axencia Galega de Infraestruturas, "unha reparación puntual aproveitando estes días de confinamento, xa que durante os traballos deberá manterse cortado o tránsito peonil".

A Consellería de Infraestruturas xustifica a "reparación puntual" polos "problemas" que as choivas crearon durante a súa pavimentación

A inauguración da obra, tantas veces requirida pola Asociación de Empresarios da Agrela e reclamada xa polo goberno local bipartito de PSOE e BNG hai oito anos, cando abriu o centro comercial, chegou no Nadal de 2019 con varios meses de atraso. Formalizada a adxudicación a finais de xaneiro de 2018, o prazo de execución era de nove meses. En abril dese ano, a Xunta anunciaba decembro daquel exercicio como o final dunha obra que acababa de comezar. En setembro, o Goberno galego teimaba na mesma data

Algo máis tarde, e visto que os traballos non ían todo o rápido previstos, a Consellería de Infraestruturas confiaba en que a inicios de 2019 estivese lista a pasarela, que pasou logo a ter como obxectivo a súa finalización en setembro, cando tampouco quedou rematada. Finalmente, e logo de que a estrutura fose colocada en verán, Feijóo acudiu a finais de decembro á inauguración dunha ponte que chegaba cun ano e case dous meses de atraso. Incluía, ademais, o logotipo da Xunta de Galicia. 

"É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", dixera Feijóo, que cre que a obra "está tan ben feita, que quedará para sempre". Durou menos de seis meses. Segundo a Consellería de Infraestruturas, o custo da reparación agora acometida "é asumida pola empresa construtora". Os traballos a realizar durarán, en función das condicións meteorolóxicas", ata a fin de semana que vén. E consisten no fresado do pavimiento e pulido de formigón, a aplicación do morteiro na plana da viga para evitar enchoupamentos e a preparación final do firme. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.