"Emblema da Coruña", "escultura excepcional" ou "arco de entrada" da cidade. Así definiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a pasarela que une desde este mércores o polígono industrial da Agrela coa área comercial Marineda City.
Unha pequena ponte de 200 metros, de forma curvada e sen apoio central que foi inaugurada con máis dun ano de atraso, logo de investirse nela algo máis de 1,5 millóns de euros, o 80% desta cantidade financiada a cargo dos fondos europeos FEDER por, entre outras cousas, "favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores".
A pasarela peonil e para bicicletas, de 200 metros, custou algo máis de 1,5 millóns e inaúgurase máis dun ano despois da data prevista
A inauguración da obra, tantas veces requirida pola Asociación de Empresarios da Agrela e reclamada xa polo goberno local bipartito de PSOE e BNG hai oito anos, cando abriu o centro comercial, chega con varios meses de atraso. Formalizada a adxudicación a finais de xaneiro de 2018, o prazo de execución era de nove meses. En abril dese ano, a Xunta anunciaba decembro daquel exercicio como o final dunha obra que acababa de comezar. En setembro, o Goberno galego teimaba na mesma data.
Algo máis tarde, e visto que os traballos non ían todo o rápido previstos, a Consellería de Infraestruturas confiaba en que a inicios do presente ano 2019 estivese lista a pasarela, que pasou logo a ter como obxectivo a súa finalización en setembro, cando tampouco quedou rematada. Finalmente, e logo de que a estrutura fose colocada en verán, Feijóo acudiu este mércores á inauguración dunha ponte que chega cun ano e case dous meses de atraso. Inclúe, ademais, o logotipo da Xunta de Galicia.
Feijóo non dubidou en usar as redes sociais para asegurar que a obra "muda radicalmente a mobilidade do corazón empresarial da área metropolitana da Coruña". "E do norte de Galicia", engadiu no seu discurso na inaugración, no que asegurou que a ponte consolida a zona "como un espazo seguro, sustentable e atractivo".
Feijóo refírese á ponte como "unha escultura excepcional" que "muda radicalmente a mobilidade do corazón empresarial da área da Coruña e do norte de Galicia"
“Estamos a falar dunha escultura excepcional, dunha obra de enxeñaría que preserva a seguridade viaria, conecta aos traballadores do polígono e que facilita as visitas ao centro comercial”, destacou Feijóo, que engadiu que coas obras realizadas "avánzase, tamén, na aposta decidida da Xunta por fomentar unha mobilidade limpa que sirva de alternativa ao vehículo particular".
"É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", dixo Feijóo, que cre que a obra "está tan ben feita, que quedará para sempre".
O proxecto incluíu, ademais, o acondicionamento da zona e a construción dunha senda duns 700 metros ata a parada de bus do espazo comercial, un camiño que ten espazo para o tránsito das bicicletas, ao igual que a propia pasarela. Uns traballos que elevan o investimento aos 2,3 millóns segundo a Consellería de Infraestruturas, cuxa titular estaba presente no acto deste mércores xunto a moitos outros cargos políticos.
Debe ser o espazo ciclable unha das características que facilita que a obra sexa financiada nun 80% por fondos comunitarios. Cumpriría cun dos requisitos destes fondos para o "fomento da mobilidade urbana sostible" ao incorporar "melloras na rede viaria" ou a posibilidade de "transporte ciclista e peonil". Nunha zona, a da estrada AC-552, entrada e saída dun dos maiores centros comerciais do Estado, que sofre atascos e aglomeracións de coches cada pouco, moi especialmente nestas datas previas do Nadal.
O 80% do custo da obra é achegado polos fondos comunitarios FEDER ao "fomentar a mobilidade urbana sostible"
No seu conxunto, o espazo comercial Marineda City conta con 6.000 prazas de aparcamento e ten, segundo os datos da propia empresa, uns 17 millóns de visitas cada ano. Só por dúas das grandes vías da contorna, a AG-55 e a AC-552, transitan cada día 15.000 e 20.000 vehículos, respectivamente, segundo a Memoria de Tráfico da Rede de Autoestradas Pública de Galicia. No polígono da Agrela, os problemas de tráfico son habituais e a demanda de mellores conexións de transporte público son constantes.
Durante as primeiras horas tras a súa inauguración, foron numerosos os cidadáns que optaron por usar o aparcamento en superficie dun supermercado dunha beira da ponte para ir camiñando desde alí ao centro comercial e evitar entrar no párking.
Desde as formacións con representación no pleno municipal, a Marea Atlántica destaca que se inaugure "por todo o alto unha pasarela peonil que será a maior obra da Xunta na Coruña nos últimos catro anos". "Chega un ano tarde", denuncia a formación.
"Feijóo pretende maquillar a falta de compromisos coa Coruña durante os seus dez anos de goberno", denuncian BNG e Marea Atlántica
Ademais, desde o BNG advirte de que con esta inauguración "Feijóo pretende maquillar a falta de compromisos coa Coruña durante os seus dez anos de goberno". "Desde que é presidente da Xunta, os investimentos do Goberno Galego na cidade limítanse a escolas infantís financiadas por unha fundación privada --a de Amancio Ortega--, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos e agora a construción dunha pasarela que dá acceso a unha grande superficie comercial", di.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia de "tender pontes" para reforzar as comunicacións entre os polígonos da cidade e crear novos empregos.
"Só un goberno estable como o da Xunta ten capacidade de executar investimentos que melloren a vida dos coruñeses", dixo pola súa banda a portavoz municipal do PP, Beatriz Mato, tras criticar o executivo local socialista e o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez.