A Coruña: entre a rolda "ata Madrid" e a inauguración dun anaco da Mariña

Feijóo, Ana Pastor e Negreira, camiñando pola Terceira Rolda © Xunta

Hai dúas semanas e máis de oito anos despois de que se colocase a primeira pedra, a Terceira Rolda da Coruña abriuse case na súa totalidade ao tráfico. Nunha inauguración chea de políticos e fotografías varias, Núñez Feijóo e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiron á apertura dunha vía clave para a cidade, quince anos máis tarde de que fose concibida e aínda coa maioría dos expropiados pendentes da súa indemnización. 

Aceleráronse as obras nestes últimos catro anos -os do goberno popular de Negreira- malia que o actual alcalde renegaba do trazado agora definitivo durante a súa etapa na oposición. Censuraba un percorrido que parte en dous o núcleo rural de San Cristovo, pero que mellora sen dúbida a comunicación dos barrios e as conexións externas, malia que quedan aínda por rematar dous enlaces co campus universitario e coa zona de Novo Mesoiro. A vía desafoga a entrada na cidade por Alfonso Molina e conecta a A-6 con Riazor. Para Feijóo, algo do máis destacable é qeu "permitirá chegar desde Madrid á praia de Riazor sen pasar por ningún semáforo". Desde a praia ata o enlace coa Terceira Ronda xa hai catro semáforos. 

A case totalidade da Terceira Rolda inaugurouse quince anos despois de asinarse o acordo e oito despois da primeira pedra

Esta AC-14 orixinouse hai máis de quince anos, en 2000, cando o ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez e o falecido conselleiro Xosé Cuíña asinaron o acordo para levala a cabo. O proxecto do primeiro tramo, do que se encargaría a Xunta, non foi presentado ata 2003, mentres que a parte que chegaría ata a A-6 correspondíalle a Fomento. Foi en novembro de 2006 cando se colocou a primeira pedra, pero os atrasos foron constantes e as críticas -tamén do PP e de Negreira-,  habituais. O tramo que se inaugurou hai quince días non se comezou a construír ata hai seis anos.

Agora, estes 4,2 quilómetros completos podería soportar uns 10.000 vehículos ao día, segundo advertiu a ministra Ana Pastor, e permitirá chegar en dez minutos desde o centro da cidade ata o aeroporto de Alvedro. A desconxestión de tráfico nalgunhas zonas non evita, no entanto, que se siga deixando nun caixón ben pechado calquera plan de transporte metropolitano serio e asumible para os vindeiros anos. Unha alternativa pública que non está nin se lle espera. Pero o importante, a poucos días de rematar o prazo permitido, era inaugurar. 

Negreira aproveitou o último día para inauguracións e abriu o 40% da reforma da Mariña; ao día seguinte, os obreiros continuaban os traballos

Tamén o era no caso da reforma da Mariña. Aproveitando o luns -o último día no que os partidos puideron cortar cintas e atribuírse méritos-, Carlos Negreira e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, inauguraron o 40% dunha zona que segue en obras. Ao día seguinte de que fose supostamente aberta, os obreiros continuaban traballando. E facíano entre a xente que si podía pasear pola zona, malia que os traballos non remataron. 

Concello e Fomento autorizaron quendas extras de noite para os obreiros na Mariña e na Terceira Rolda respectivamente

Foi un simulacro para abrir 12.000 metros cadrados cando aínda quedan outros 18.000 que deberían estar listos o vindeiro 30 de abril, aínda que esa data só é aproximada e a inauguración, no caso de que se acabase nesas datas, estaría prohibida. O que non son un simulacro son os ritmos de traballo na Mariña da Coruña. O Concello permitiu que o horario dos obreiros incluíse tamén a noite pero nega sempre que eses esforzos extras teñan intención electoralista ningunha. Tampouco o cre Fomento, que aos dous días de inaugurar a Terceira Ronda anunciou tamén unha quenda de traballo nocturno para "axilizar ao máximo" as obras do treito pendente. Será de 9 da noite a 8 da mañá e funcionará "en días laborables e festivos" ata maio. Ata o mes das eleccións municipais. Se cadra as obras rematan. Negreira prometera en 2009 que a vía estaría finalizada en 2010, hai cinco anos. 

Feijóo, Ana Pastor e Negreira, entre outros políticos, na Terceira Rolda © Xunta
Negreira e Enrique Losada, na reforma da Mariña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.