En vésperas das eleccións municipais de 2019, os proxectos de estacións intermodais das cidades galegas viraron en campo de batalla da Xunta e do PP cos gobernos municipais da esquerda e tamén co Goberno de España. O feito de que estas operacións urbanísticas impliquen os tres niveis de goberno deu lugar a diversas acusacións cruzadas de adiamentos, demoras ou malas planificacións.
O certo é que nos últimos anos foron sendo desbloqueadas e mesmo inauguradas varias destas estacións, aínda que nalgúns casos aínda continúen as obras. Así, co apelido "intermodal", entraron en funcionamento durante 2021 as novas estacións de autobuses de Ourense e Santiago e tamén a de Vigo, integrada no novo centro Vialia. Na Coruña, durante 2022 tamén foron desbloqueados o groso de trámites.
Nos devanditos catro casos, as estacións intermodais implicaron xuntar nun único espazo as terminais de trens e autobuses. Cuestión distinta, por este motivo, son os proxectos das tamén chamadas intermodais en Pontevedra e Ferrol, toda vez en ambas cidades as estacións de bus e tren xa estaban previamente unha ao carón da outra, polo que os novos proxectos son, esencialmente, reformas arquitectónicas -a pontevedresa xa avanzada e a de Ferrol aínda sen comezar, toda vez que o Concello vén subliñando que prioriza gañar servizos ferroviarios- que non implican reordenacións urbanísticas relevantes.
Adif, Xunta e Concello de Lugo asinan o convenio para a construción da nova estación intermodal da cidade, con senllas novas terminais de tren e autobús e unha remodelación urbana para integrar un complexo que prevén ter rematado en 2025
É por todo isto polo que o convenio asinado este venres en Lugo supón o desbloqueo da última gran operación para xuntar bus e tren nas sete principais cidades galegas. É a última malia ser das primeiras en botar a andar ata que, en 2012, o Goberno do PP de Mariano Rajoy a paralizou sen prazo, tal e como acabaría admitindo dous anos máis tarde.
A alcaldesa lucense, Lara Méndez, rubricou este venres xunto ao novo secretario de Estado de Transportes, David Lucas; a presidenta do Adif, María Luisa Domínguez e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o acordo que suporá substituír a vella estación ferroviaria por un novo edificio que implica unha ampla reforma urbanística na contorna. Todo dentro dun complexo que inclúe tamén unha nova estación de autobuses, a cal remudará a que funciona dende os anos 70 do século pasado no antigo campo da feira, a escasos 80 metros da Muralla romana.
O custo da intermodal lucense achégase aos cincuenta millóns de euros. Son, concretamente, 49,3 millóns dos que, segundo o asinado no convenio, o 63% chegará a través do Adif (30,9 millóns), o 27,9% da Xunta (13,7 millóns) e o 9,5% restante, 4,7 millóns de euros das arcas municipais. A empresa pública estatal será a encargada de executar a nova estación do tren e tamén de urbanizar o seu exterior, o que implica unha "remodelación do viario e dos accesos".
Adif construirá a nova estación do tren e a Xunta, a de autobuses. O Concello de Lugo encárgase da conexión dos barrios a ambas beiras da intermodal e urbanizar a zona. "Tardou, pero xa non ten punto de retorno", sinala a alcaldesa, Lara Méndez
Esa nova contorna conectará cun paso inferior peonil entre os barrios de Paradai e do Sagrado Corazón de cuxa construción se encarga o Concello xunto coa urbanización do novo trazado viario da zona. Isto implica, destaca Lara Méndez, conectar dous barrios que "durante anos estiveron illados pola vía do tren". A nova conexión, destaca o Adif, contará con carril bici, ramplas e zonas axardinadas. Esta, agrega Méndez é unha actuación pola que o goberno local lucense "apostou dende o principio pola relevancia que ten para a seguridade cidadá e a integración urbana da zona, que finalmente asumiremos Concello e Adif ante a negativa da Consellería de Infraestruturas a colaborar no seu financiamento".
Á Xunta, pola súa banda, correspóndelle construír a nova estación de autobuses, un edificio de dous andares con 23 dársenas para os vehículos. Paralelamente, o departamento de Infraestruturas do Goberno galego executará tamén o aparcadoiro subterráneo, con 240 prazas e un deseño responsabilidade para adaptalo "ás necesidades da terminal ferroviaria".
Sinala o secretario de Estado que o proxecto da intermodal lucense "non só implica a propia estación" porque vén acompañado da "mellora do sistema ferroviario en Lugo e a súa provincia" coas actuais obras en marcha cara a Monforte e Ourense. Neste sentido, indica a presidenta do Adif, o novo complexo é a "mellor fórmula para integrar no espazo da actual estación unha nova dotación adaptada ás necesidades de tráfico e da modernidade que se está a acadar coas melloras" nesa liña.
O Ministerio de Transportes encadra a intermodal lucense na mellora da liña ferroviaria cara a Monforte e Ourense e a conexión coa alta velocidade á Meseta, obras actualmente en marcha
Esas obras, con horizonte de remate en 2024, teñen tamén por obxectivo mellorar a conexión da capital lucense coa alta velocidade ferroviaria á Meseta máis de década e media despois de que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo chegase a prometer unha liña de alta velocidade específica de Ourense a Lugo financiada pola Xunta. Isto nunca chegou a suceder.
No que atinxe aos servizos de tren e autobús para lograr a intermodalidade en sentido estrito, os respectivos gobernos non especifican se Renfe -responsable do servizo ferroviario- e a Xunta -de quen son competencia o groso dos autobuses interurbanos que saen e chegan a Lugo- teñen previsto acordos de coordinación. Tras a inauguración da estación de autobuses na intermodal de Santiago, Feijóo situara esa coordinación de horarios como un "desafío" de "futuro".
Defende Lara Méndez que "os e as lucenses estamos de noraboa" porque "con esta sinatura se inicia o procedemento para executar unha dotación" que "tardou, pero xa non ten punto de retorno". Os prazos apuntados polos tres gobernos apuntan a unha previsión segundo a cal a comezos do vindeiro 2024 xa estaría en construción a nova estación de autobuses, que requirirá ano e medio de traballos. "Na primavera ou no verán" de 2025, calcula Adif, xa estaría rematada tamén a nova estación do tren.
O futuro da antiga estación de autobuses
A Xunta mantivo durante anos que prevé demoler a vella estación de autobuses para dedicar o seu espazo a unha "nova praza pública" peonil cunha parada de autobuses. Tras reunirse coa líder do PP local, a conselleira afirma agora que "asume o compromiso" de "mantela parcialmente en uso como intercambiador de transporte"
A entrada en funcionamento da nova intermodal lucense suporá a fin da actual estación de autobuses na súa función actual. Nos últimos anos a Xunta veu asegurando ter xa un plan pechado para ese céntrico espazo e en 2019 mesmo chegou a presentar o proxecto que, explicara daquela Ethel Vázquez, implicaba "demoler as instalacións da estación" e, no seu lugar, "habilitar unha nova praza pública con zonas de paseo, mobiliario urbano, parque infantil, zonas verdes e unha parada de autobús" que "servise como intercambiador e dende o que habilitar un bus lanzadeira á estación intermodal".
No entanto, nos últimos días o Goberno galego deu en mudar a súa postura despois de que a candidata do PP local para as eleccións do 28M, Elena Candia, asegurase que os populares prefiren manter en pé a vella estación. Así, na véspera da sinatura do convenio, Candia mantivo un encontro con Vázquez tras o que dixo "ratificar" que "o edificio actual continuará con servizos de autobuses interurbanos". Este venres, a conselleira dixo "asumir" o "compromiso de manter parcialmente en uso como intercambiador de transporte a vella terminal". Entre a actual estación de autobuses de Lugo e a estación do tren, futura intermodal, hai apenas 800 metros de distancia a pé, aínda que a metade do traxecto a través dunha rúa con pronunciada pendente.