Pensado para financiar a aposta polo transporte público que supón o novo complexo intermodal, aínda non rematado, o ministerio asume que vai “incrementar a intensidade de tráfico”
“A apertura do centro comercial Vialia e a posta en servizo da nova estación intermodal”, xunto coa gratuidade do treito Redondela-Vigo, “incrementarán a intensidade de tráfico no acceso a Vigo” a través da AP-9. Ese feito e os seus efectos, incluída unha posible nova ampliación da autoestrada coas súas correspondentes compensacións a Audasa, están plasmados oficialmente por escrito polo Ministerio de Transportes e comezarán a comprobarse este xoves, cando abra o centro comercial Vialia de Vigo. Un complexo pensado para financiar a aposta polo transporte público que supón a nova estación intermodal da cidade, aínda non rematada, impulsada desde hai máis dunha década polo mesmo ministerio que agora teme os seus efectos no transporte rodado.
A finais de xullo, cando aprobou as rebaixas de peaxes na AP-9 que teñen unha especial incidencia na área de Vigo, o Ministerio de Transportes plasmou no Boletín Oficial del Estado (BOE) a posibilidade de que, novamente, “xurda a necesidade de aumentar a capacidade da autoestrada” nesa zona, na que aínda están pendentes de rematarse actuacións derivadas da recente ampliación da ponte de Rande e do treito que vai desde ela ata o ramal de acceso á cidade. Nese ramal AP-9V, duns catro quilómetros e que segue tendo dous carrís por sentido, o ministerio admite que “actualmente xa se produce durante algunhas horas ao ano conxestión en dito treito”, e dá por feito que a apertura do centro comercial, a intermodal e a gratuidade dos tráficos que se incorporan á autoestrada en Redondela vai aumentar aínda máis a intensidade.
As rebaixas de peaxes xa están en vigor, e agora chegan os outros dous elementos aos que teme o ministerio. Este xoves ábrese o centro comercial e nos próximos meses quedará rematado tamén o resto do complexo intermodal, unha aposta polo transporte público que pode acabar derivando en maior tráfico rodado particular na súa contorna. O ministerio, de feito, teme que a conxestión non só afecte ao ramal de acceso a Vigo senón mesmo ao tronco principal da autoestrada que comunica Rande co nó de Puxeiros e O Porriño.
O complexo intermodal e comercial de Vigo, no que xa está en funcionamento a estación de tren e este xoves abren as tendas, rematarase nuns meses, máis de dez anos despois de derrubarse a anterior estación
A decisión tomada hai década e media de que o AVE do Eixo Atlántico chegase a Vigo soterrado para superar a división da cidade que supuñan as vías en superficie implicou ter que derrubar a anterior estación ferroviaria para soterrar a nova. Unha custosa obra en beneficio do transporte público cuxo financiamento se obtivo coa construción sobre as vías a través dunha concesión privada dun centro comercial Vialia, denominación comercial dese tipo de complexos de Adif. Un complexo comercial que á súa vez permite integrar a soterrada estación ferroviaria executada por Adif coa estación de autobuses competencia da Xunta que foi trasladada ao seu carón desde a afastada Avenida de Madrid para facilitar a intermodalidade. A esas actuacións súmase a remodelación da contorna urbana por parte do Concello, con fondos tamén achegados por Adif e Xunta e que inclúe un túnel de acceso ao centro comercial e á AP-9.
A anterior estación de tren foi derrubada hai agora dez anos, en agosto de 2011, para deixar sitio para todas esas actuacións. En 2015, coa inauguración do AVE do Eixo Atlántico, entrou en servizo a nova estación ferroviaria soterrada con diversos espazos provisionais. E este xoves ábrese o centro comercial, cando aínda non están rematadas nin a estación de autobuses que facilite a intermodalidade nin a remodelación da contorna, afectadas pola paralización da construción que provocou a pandemia o pasado ano pero tamén por atrasos administrativos e construtivos previos.
Para o treito en que se prevén conxestións o Concello quere crear un novo enlace en Teis
Por outra banda, o treito da AP-9 de acceso a Vigo no que xa se avanzan posibles problemas polo aumento do tráfico inducido pola apertura da intermodal é o que o Concello de Vigo quere converter en urbano e crear un novo enlace, en Teis, que permita a circulación cara ao centro da cidade, o que aínda sumaría máis tráfico.