O órgano consultivo avalou en 2000 a prórroga da concesión agora cuestionada pola UE pero hai dous meses salientou o “significativo aforro económico” que suporía recuperar a infraestrutura no canto de subvencionar as viaxes
A prórroga da concesión da AP-9 ata 2048 decidida en 2000 polo Goberno de José María Aznar e agora cuestionada pola Comisión Europea por non realizarse cun novo concurso público foi decidida co aval do Consejo de Estado, o principal órgano consultivo e supervisor da legalidade do Goberno de España. A aquel ditame agárranse tanto os populares que defenden a actuación daquel executivo como os socialistas agora no goberno, enfrontados a unha complexa situación na que deben xustificar ante as autoridades comunitarias decisións do seus antecesores.
Pero se en 2000 o Consejo de Estado consideraba correcto legalmente ampliar a concesión da AP-9, o pasado xullo, no seu ditame sobre os descontos nas peaxes que xa aplica o Ministerio de Transportes, o órgano consultivo considerou que debía estudarse como alternativa a posibilidade de rescatar a concesión porque ao seu ver resultaría máis barato.
O ditame do Consejo de Estado previo á prorroga da concesión decidida en 2000 limitouse a validar a legalidade do decreto co que se tramitou. O Goberno de Aznar decidía ampliar a concesión de 2023 a 2048 como compensación pola execución como treito libre de peaxe de 9,1 quilómetros entre Fene, a onde chegaba daquela a autoestrada, e Ferrol. E a consideración ao respecto do Consejo de Estado foi que “as obras a executar teñen un carácter subordinado respecto ás inicialmente concedidas, segundo o evidencia a lonxitude do seu trazado, 9,1 quilómetros, fronte aos 207 quilómetros obxecto da primitiva concesión”.
Hai dúas décadas o Consejo de Estado consideraba que a ampliación da AP-9 ata Ferrol tiña "un carácter subordinado" á concesión orixinal, e salientaba que a empresa concesionaria ía encargalas a unha construtora "mediante concurso aberto"
O órgano consultivo salientaba que “a concesionaria asume expresamente o compromiso de adxudicar as obras mediante concurso aberto” e valoraba que “non suscita dúbida algunha por outra parte a este Consejo de Estado a posibilidade [...] de que o novo treito sexa configurado como parte, nova, claro está, da concesión inicial, sen necesidade de que se constitúa unha concesión autónoma, por canto non deixa de formar parte estruturalmente daquela”. Non era necesario sacar a concurso unha nova concesión, viña dicir, porque só se ampliaban uns poucos quilómetros a concesión inicial, mentres que a prórroga do prazo de vixencia era unha simple compensación á concesionaria para manter o equilibrio económico-financeiro que se vía modificado con esa nova obra.
O Consejo de Estado tamén se pronunciou sobre o decreto co que en xullo o actual Goberno de España implantou rebaixas de peaxes na AP-9. Ao igual que en 2000, o órgano consultivo avalou a legalidade do texto, pero engadiu diversas consideracións a xeito de opinións sobre a súa oportunidade e utilidade. O Consejo de Estado puxo o foco no impacto futuro nos orzamentos públicos das dúas próximas décadas cos de 2.394 millóns de euros a pagar de xeito acumulado segundo as previsións do propio ministerio.
Ante eses compromisos futuros, o Consejo de Estado dicía que “debería ponderarse, como xa suxeriu o Consejo de Obras Públicas [órgano asesor do Ministerio de Transportes], a conveniencia de proceder ao rescate da concesión, o que outorgaría maior flexibilidade á hora de adoptar as medidas de interese público que se consideren pertinentes e conlevaría previsiblemente un significativo aforro económico”.
Hai cinco anos o Goberno de Rajoy estimou o custo do rescate, para desbotalo, en 4.300 millóns, incluíndo no cálculo a facturación total prevista pola concesionaria, e agora só as rebaixas parciais de peaxes que vén de decidir o actual executivo xa hipotecan 2.400 millóns ata 2048
A posibilidade do rescate da AP-9 xa foi posta sobre a mesa, pero para desbotala, polo Goberno de Mariano Rajoy, cando hai cinco anos a estimou nuns 4.300 millóns de euros como argumento para opoñerse a sequera tramitar no Congreso a proposta do Parlamento de Galicia de transferir á Xunta a titularidade da autoestrada. Se a vía cambiaba de titular, viña dicir o anterior executivo central, podería derivar en que se obrigase ao Estado a asumir un rescate que se calculaba sumando futuros ingresos por peaxes.
Porén, o cálculo para indemnizar a Audasa por retirarlle a concesión debera ter, segundo varios expertos consultados por Praza.gal, outros puntos de partida, como o patrimonio e a débeda da empresa ou os seus beneficios, e non a súa facturación. Iso faría que a cifra non superase os 3.000 millóns de euros, contía máis aproximada aos preto de 2.400 millóns que o ministerio vén de comprometer ata 2048 para subvencionar as rebaixas de peaxes.