O pasado xoves, cando a Comisión Europea (CE) revelou nunha sintética nota informativa que ve ilegal a ampliación da concesión da autoestrada AP-9 sen concurso público e por iso dá o primeiro paso dun procedemento de infracción contra o Estado español, Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de presidente da Xunta e pouco despois, o PP de Galicia a través dun comunicado, apresuráronse en advertir que as prórrogas a Audasa producíranse baixo gobernos de España de varias cores políticas. Os conservadores puñan o foco na aprobada en 1994 polo PSOE de Felipe González e mesmo se remontaban aos anos 70, á ampliación de apenas un ano nos tempos da UCD, cando a autoestrada aínda non tiña ningún tramo en servizo.
A UE confirma que emprendeu accións contra España só pola última prórroga a Audasa, a aprobada polo Goberno de Aznar no ano 2000, apenas tres anos antes de privatizar a concesionaria da AP-9
Pero, pouco despois, a CE ratificou o que podía deducirse da súa nota. Unha portavoz oficial do Executivo comunitario confirmou, a preguntas de Praza.gal, que o cuestionamento a España se centra só na última prórroga, a do ano 2000, a vixente. Isto é, a aprobada polo Goberno do PP de José María Aznar para estender a concesión por 25 anos máis, de 2023 a 2048, a cambio de que Audasa ampliase a autoestrada ata Ferrol a xeito de compensación polo accidente do Discoverer Enterprise na ponte das Pías. Tres anos despois, o mesmo Goberno privatizaba Audasa e o resto de concesionarias da agora desaparecida Empresa Nacional de Autopistas (ENA).
Non entra, daquela, a observar a prórroga por dez anos (de 2013 a 2023) outorgada polo gabinete de González en 1994, aínda que a asociación En Colectivo -denunciante do caso ante Bruxelas, que confía en lograr mesmo unha ampla devolución de peaxes- tamén aludía a ela. Menos aínda na extensión de apenas un ano aprobada en 1977 pola UCD, cando España non era membro da daquela denominada Comunidade Económica Europea e cando aínda non existía a directiva comunitaria que, dende 1993, establece que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión que só pode adxudicarse mediante licitación", é dicir, por concurso, como lembra agora a CE.
O PP galego admite que as prórrogas da concesión son "cuestionables", pero pon o foco nas que non investiga a Unión Europea e sinala a antigos dirixentes como Touriño ou José Blanco e mesmo á UCD
Este é o pano de fondo co que o apercibimento europeo -que o Goberno de España debe responder en dous meses, indicando como prevé axustar a situación á legalidade- vén de irromper nun panorama político que, no que atinxe á AP-9, está marcado polo debate do traspaso de competencias á Xunta que segue tramitándose no Congreso. Tamén, pola habitual controversia a respecto das tarifas da autoestrada, sobre as que dende o pasado verán rexen os pronunciados descontos acordados polo Goberno de España co BNG.
Neste contexto, o PP de Galicia dá en admitir que "dende a perspectiva actual", as prórrogas que levaron a concesión ata o 18 de agosto de 2048 -sen esa decisión, finalizaría o mesmo día de 2023- "son, loxicamente, cuestionables". Non obstante, subliña as decisións que a CE non investiga e resalta, por exemplo, que cando o Goberno de González prorrogou a concesión en 1994, o secretario de Estado de Infraestruturas era o ex-presidente Emilio Pérez Touriño. Tamén carga contra o ex-ministro José Blanco pola súa xestión da autoestrada e insta a PSOE e Unidas Podemos a non "bloquear" o traspaso da AP-9 no Congreso.
Ana Pontón: "O camiño que debe percorrer o Estado é poñer fin á abusiva concesión"
Dende a oposición parlamentaria galega, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve na comunicación da Comisión Europea "o camiño que debe percorrer o Estado" a respecto desta autoestrada: "Poñer fin á abusiva concesión" e con ela, "acabar coas peaxes que levamos demasiado tempo pagando e lastran a economía de familias e empresas". Se, como indica a UE, a prórroga da concesión "non cumpre coa legalidade, o que hai que facer é poñerlle fin" e propiciar unha situación na que, resalta, a AP-9 xa estaría se antes da prórroga do 2000 non se aprobase a de 1994, que levou o remate da concesión de 2013 a 2023.
Gonzalo Caballero: "Foi o PP o que privatizou Audasa"
Para o PSdeG, resulta significativo que cando a UE sinala a posible ilegalidade da prórroga outorgada polo gabinete de Aznar, que "Feijóo nunca cuestionou", o presidente da Xunta e do PP en Galicia "se limite a criticar" ao Goberno actual, "que rebaixa as peaxes", sinala o seu vicevoceiro parlamentario, Pablo Arangüena. Na mesma liña, o secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, subliñaba este venres que "foi o PP o que privatizou Audasa" inmediatamente despois de "concederlle a prórroga ata 2048".
Sexa como for, é o actual Executivo do PSOE e Unidas Podemos o que ten sobre a mesa un emprazamento comunitario que o obriga, nun prazo de dous meses, a indicar á Comisión Europea que fórmula propón para emendar a ilegalidade. Se a cuestión non queda resolta tras esas alegacións, a Comisión emitirá o denominado "ditame motivado", emprazando formalmente o Estado a cumprir nun prazo que adoita ser tamén duns dous meses. Se non o fai, chegaría o momento de acudir ao Tribunal de Xustiza da UE e abriríase a porta ás sancións. Unha eventual retirada da concesión a Audasa implicaría, con alta probabilidade, fortes compensacións económicas para a compañía.