Audasa pechou 2020 con 33 millóns de euros en beneficios malia á pandemia

Aviso na AP-9 en Vigo sobre as restricións de desprazamentos pola COVID © Miguel Riopa / Audasa

Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española S.A. (Audasa), a empresa que ten a concesión da AP-9 ata o 18 de agosto de 2048, chegara á metade do ano 2020 perdendo cartos por primeira vez en tres décadas. Aquelas contas semestrais, marcadas polo confinamento total, deron a volta no segundo semestre do ano e, segundo vén de indicar nas cifras remitidas á Comisión Nacional do Mercado de Valores, finalizou o exercicio cunha substanciosas ganancias superiores aos 33 millóns de euros, un 20% menos que o ano anterior.

A sentenza que declarou ilegal o xeito en que o Goberno de Rajoy lle reduciu a Audasa a compensación por liberar de peaxes Rande e A Barcala permítelle sumar ás contas de 2020 máis de 11 millóns de anos anteriores

Os beneficios de Audasa víronse engrosados non só pola mellora da situación epidemiolóxica e a recuperación dos desprazamentos. Tamén polo efecto da sentenza xudicial que, en febreiro de 2020, considerou ilegal o xeito en que o Goberno de Rajoy lle reducira a compensación mediante peaxe na sombra por liberar de portaxe os tramos da ponte de Rande e da Barcala

Coa anulación xudicial daquela decisión, detalla Audasa nas súas contas, puido anotar no exercicio 2020 "os ingresos de peaxe na sombra dende o 29 de xullo de 2017 ao 31 de decembro de 2019". Son 11,5 millóns de euros máis IVE, aos que se engaden outros 938.000 euros en conceptos de xuros. Ao ano 2020 corresponden 5,1 millóns de euros deste incremento "extraordinario", resalta a empresa.

É así como Audasa finalizou o ano cos devanditos 33,7 millóns de euros de beneficios, unha redución de algo máis dun 20% anual. Se non fose polas consecuencias da sentenza xudicial sobre a peaxe na sombra, resalta a compañía, a mingua dos beneficios roldaría o 48,9% pero, en calquera caso, non pecharía o exercicio en números vermellos.

Con estes condicionantes sobre a mesa, os beneficios redúcense uns catro puntos máis do que diminuíron os seus ingresos por peaxes, que se situaron en 127,9 millóns de euros durante 2020, case un 17% menos que en 2019. Pero, non obstante, as ganancias minguan menos que o tráfico nos tramos de peaxe tradicional, que cunha media diaria de algo máis de 15.000 vehículos supuxo case un 30% menos que o o ano anterior.

As contas de Audasa reflicten uns ingresos por portaxes de 128 millóns de euros durante 2020

Alén da diminución de ingresos a causa da pandemia, especialmente durante os meses do confinamento máis estrito, a COVID-19 trouxo tamén consigo unha aceleración das tendencias que Audasa viña salientando dende hai anos nas súas contas anuais, como é o caso do incremento dos pagamentos a través de vías automáticas. "Os tránsitos de pagamento foron abonados no 93,7% das viaxes a través de vías non manuais", sinala a empresa, que salienta que esta proporción supón que "o pago automático aumenta 8 puntos porcentuais". "A empresa -asegura- priorizou este sistema como medida de seguridade para usuarios e empregados.

Estas contas da concesionaria da AP-9 en 2020 chegan en vésperas de que o Ministerio de Transportes concrete o plan de descontos para a autoestrada consignados nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, produto dun pacto entre o PSOE e o BNG por importe duns 55 millóns de euros. Segundo avanzou a principios deste mes de abril o propio ministro, José Luis Ábalos, o seu departamento prevé implantar as rebaixas dende xullo e nelas contémplanse, entre outros, a subvención ao 100% de todas as viaxes de volta para vehículos con telepeaxe e un 20% de desconto adicional para usuarios habituais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.