A Audiencia Provincial de Pontevedra anula a sentenza do Xulgado do Mercantil número 1 que condenara a Audasa a devolver as peaxes que cobrou durante as obras de Rande cando se producían atascos, concretamente en 81 momentos nos o tráfico se viu afectado con importantes retencións entre o 4 de febreiro de 2015 e o 30 de maio de 2018.
A Audiencia de Pontevedra estima o recurso de apelación interposto por Audasa
A Sección Primeira da Audiencia estimou o recurso de apelación interposto por Autopistas del Atlántico e desestimou os interpostos polo Ministerio Fiscal e polo resto de partes de proceso contra o ditame de hai pouco máis dun ano. Así, revoga a resolución de hai pouco máis dun ano.
Naquela sentenza, o xulgado acollera parcialmente a demanda contra a concesionaria da AP-9 interposta pola Fiscalía, á que se adheriran as asociacións Adicae e En Colectivo, así como varios particulares. Os demandantes sostiñan que Audasa incorrera nunha práctica abusiva prohibida pola Lei de Defensa dos Consumidores e Usuarios ao cobrar integramente a peaxe malia que no tráfico xeráranse problemas de fluidez por mor das obras de ampliación da ponte de de Rande.
A Audiencia aclara que os tribunais civís "non poden exercer un control de razoabilidade sobre as condicións da concesións nin controlar a determinación do prezo"
Agora, a Audiencia considera que os tribunais civís "non poden exercer un control de razoabilidade sobre as condicións da concesión", tal e como informa o TSXG. Os xuíces consideran que cando a normativa de consumo inclúe como obxecto de control de abusividade "as prácticas contractuais non negociadas individualmente" ten en conta unha realidade diferente á deste caso, na que se enxuízan as condicións fixadas para a explotación dunha concesión administrativa.
Segundo a Audiencia, non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias concretas relacionadas co cumprimento de contrato de uso da auoestrada. Así, os xuíces consideran que non existe relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo. E explican que este importe é fixado pola Administración en función de varios criterios sobre os que non pode entrar a xurisdición civil, que "non pode exercer un control de razoabiliade sobre as condicións da concesión nin poden controlar a determinación do prezo".
Os xuíces consideran que non existe relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo
Para os xuíces, o importe que o condutor paga cada vez que usa a vía "non retribúe, en proporción e equilibrio perfectos, a circulación segura e fluída no tramo correspondente". E lembran que os traballos en Rande tiñan uns "previsibles inconvenientes" e eran realizados "baixo a vixilancia e control da Administración".
"Non é función dos tribunais civís examinar a bondade dos acordos relativos ao contrato de concesión, a valoración de se procede a redución das peaxes, en función das condicións nas que se presta o servizo, acordar o seu aumento con carácter extraordinario ou incidir na duración do prazo da concesión", insisten.
Ademais, a sentenza lembra que "desde a perspectiva do usuario, este limita a súa liberdade a contratar ou non contratar, coñecedor de que no caso de asumir o contrato usando a autoestrada, tanto este como as condicións de uso regúlanse polas normas administrativas". Os maxistrados conclúen que o exemplo destas limitacións é que a concesionaria, unha vez rematada a obra, "carece de liberdade para fixar unha peaxe superior".
A sentenza agora anulada tamén ordenaba á concesionaria a cesar no futuro nesa “práctica abusiva” de cobrar as peaxes cando se produzan na vía incidencias que a DGT cualifique coas cores negra (estrada cortada), vermella (circulación difícil, moi lenta con paradas frecuentes e prolongadas) ou amarela (circulación irregular, lenta con paradas esporádicas) “sempre que a ditos usuarios non se lles facilitase información sobre o estado da vía” que lles permita elixir outro itinerario distinto á peaxe.
O avogado de Audasa pedira revogar a sentenza na vista de apelación ao considerar que había "contradicións" nas declaracións das testemuñas, ademais de advertir de que a concesionaria está obrigada a cobrar sempre polas peaxes e que as reclamacións deberían ser discutidas nun tribunal contencioso-administrativo e non no Mercantil.
A Fiscalía, pola súa banda, reclamaba que os beneficiarios da devolución das peaxes debían ser todos os condutores quie pasaron pola autoestrada durante os máis de tres anos de obras.
Durante aquela causa xudicial, a Fiscalía afeara que o daquela presidente, Mariano Rajoy, inaugurase a ampliación de Rande o 30 de decembro de 2017 malia que "continuaron realizándose traballos na calzada". A sentenza contabilizabad ata 13 ocasións posteriores a aquela data en que o tráfico resultou afectado. Na causa, a Avogacía do Estado púxose do lado de Audasa sinalando que o contrato concesional non obrigaba á empresa a deixar de cobrar as peaxes, postura que evidenciaba o medo a que unha sentenza contraria fixese que a concesionaria reclamase posteriormente ao Ministerio de Transportes, unha vía que si se abre agora.