A rebaixa incluída nos orzamentos do Estado para 2021 segue sen data polo que na actualización de taxas habitual de cada 1 de xaneiro pesará máis o 1% de incremento a pagar polas obras rematadas hai agora tres anos que a caída da inflación
A inflación negativa dos prezos rexistrada en 2020 e a obriga de redondear as peaxes de 5 céntimos en 5 céntimos fará que a gran maioría dos treitos das autoestradas galegas, tanto de titularidade estatal como da Xunta, vexan conxeladas as taxas da maioría dos seus treitos, algúns dos cales mesmo experimentarán lixeiras reducións, especialmente para os vehículos pesados. Non sucederá o mesmo na AP-9, na que varios treitos volverán subir porque a caída da inflación será compensada polo aumento do 1% anual das peaxes co que gobernos centrais de PSOE e PP decidiron compensar durante 20 anos á concesionaria, Audasa, polo custo de ampliación da ponte de Rande inaugurada hai agora tres anos malia seguir pendentes de rematarse varias obras na súa contorna.
Ese 1% de encarecemento para pagar as obras aplicarase agora por cuarto ano consecutivo á espera de que o Goberno central tramite a prometida rebaixa de peaxes da autoestrada, comprometida co BNG para votar a favor da investidura de Pedro Sánchez como presidente e incluída nos orzamentos do Estado para 2021, pero aínda sen data concreta de aplicación.
Coa suba aplicada, e segundo publicou Audasa neste 31 de decembro, os prezos oficiais das peaxes quedan como se ve na táboa que segue a este texto. Como exemplo, entre Ferrol e A Coruña a peaxe pasa de 4,85 euros a 4,90, entre A Coruña e Santiago de 6,90 a 7, entre Santiago e Pontevedra de 5,95 a 6 euros, mentres que entre Pontevedra e Vigo queda en 4 euros.
A actualización das peaxes das autoestradas estatais en función principalmente da inflación foi feita pública polo Ministerio de Transportes na noite deste mércores, pouco máis de 24 horas antes do comezo da súa entrada en vigor, fixando nun 0,11% a rebaixa con carácter xeral, que será a que se aplique na tamén estatal AP-53 entre Santiago e Lalín. Pola contra, no caso da AP-9 a aplicación a esa cifra do 1% de incremento polas obras de Rande e doutras correccións menores previstas na concesión en función dos tráficos deixará unha suba do 0,92%, que se deixará notar en subas de cinco ou dez céntimos nos percorridos máis longos.
O que xa non se aplicaría nas peaxes de 2021 na AP-9 é o outro aumento do 0,8% que se aplicou nos últimos tres anos en compensación por un desfase rexistrado anos atrás no cálculo da gratuidade das viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra implantada en 2013 polo Ministerio de Fomento.
Nas autoestradas titularidade da Xunta haberá unha conxelación xeral da maioría dos treitos, con lixeiras rebaixas fundamentalmente para os vehículos pesados
A comezos de decembro a Xunta fixo pública a actualización para 2021 das peaxes das autoestradas da súa titularidade, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, nas que a caída da inflación e o redondeo deixan unha conxelación xeral da maioría dos treitos, varios dos cales mesmo verán reducidas as peaxes en cinco céntimos para os vehículos pesados. No caso dos vehículos lixeiros, só no treito A Ramallosa-Baiona, un dos menos empregados das dúas autoestradas, haberá unha rebaixa de cinco céntimos.
Ademais das peaxes directas, Xunta e Estado destinan millóns de euros a pagar peaxes en sombra e están por ver as compensacións pola caída do tráfico provocada polo coronavirus
Por outra banda, máis alá das peaxes directas que pagan as persoas usuarias (a Xunta gastará máis en 2021 en pagar autovías xa construídas con peaxe en sombra que en facer novas estradas e o Estado segue a asumir gratuidades como as de Rande e A Barcala), está por ver a compensación que poidan recibir as autoestradas das administracións competentes en cada caso pola caída do tráfico polas restricións fronte ao coronavirus.