A Xunta avanza que mesmo reducirá cinco céntimos o custe de varios treitos para os vehículos pesados nas súas vías mentres na AP-9 agárdase pola concreción da prometida rebaixa incluída nos orzamentos do Estado
En 2019 a inflación situouse por baixo do 1% e iso, xunto coa obriga de redondear as tarifas de 5 céntimos en 5 céntimos, fixo que neste 2020 as peaxes das autoestradas ficasen conxeladas nun bo número de treitos. Pero como neste ano a crise do coronavirus fixo que a inflación mesmo fose negativa, en 2021 haberá treitos de autoestradas que incluso custarán menos.
Este martes a Xunta comunicou a través dunha nota de prensa que prevé conxelar as tarifas na maior parte dos treitos e para a maioría dos tipos de vehículos das dúas autoestradas autonómicas de peaxe, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. Ademais, en varios dos treitos mesmo reducirá as peaxes en cinco céntimos, especialmente nos casos dos vehículos pesados, que teñen peaxes de por si superiores e nas que polo tanto o redondeo é máis habitual que produza variacións dos prezos. No caso dos vehículos lixeiros, só no treito A Ramallosa-Baiona, un dos menos empregados das dúas autoestradas, haberá unha rebaixa de cinco céntimos.
No caso das autoestradas de titularidade estatal, a concreción da caída da inflación nas peaxes aínda non foi feita pública polo Ministerio de Transportes, que tampouco detallou aínda cando nin como se aplicará a rebaixa de peaxes na AP-9 prometida e incluída nos orzamentos do Estado que veñen de ser xa aprobados inicialmente. No caso de que esa rebaixa de peaxes prometida non estea en vigor o 1 de xaneiro, nesa data as peaxes da AP-9 non só variarían pola actualización anual da inflación senón que habería que sumar a esa cifra, sexa o seu resultado positivo ou negativo, un novo aumento do 1% comprometido anualmente ata 2038 en compensación á concesionaria, Audasa, polas súas obras de ampliación da ponte de Rande inauguradas hai agora tres anos por Mariano Rajoy antes de que estivesen rematadas.
O pasado 1 de xaneiro a AP-9 aumentou un 2,69% pola inflación, as obras de Rande e unha compensación por un erro de cálculo que houbo que pagarlle durante tres anos pero que xa rematou
O que xa non se aplicaría nas peaxes de 2021 na AP-9 é o outro aumento do 0,8% que se aplicou nos últimos tres anos en compensación por un desfase rexistrado anos atrás no cálculo da gratuidade das viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra implantada en 2013 polo Ministerio de Fomento.
Na última actualización de peaxes da AP-9, o pasado 1 de xaneiro de 2020, o ministerio estableceu unha actualización pola inflación inferior ao 1% que sumada aos anteditos 1% a maiores pola ponte de Rande e 0,8% pola compensación deixou o aumento das peaxes na autoestrada nun 2,69%. Desta volta, e á espera de que se concrete a prometida rebaixa de peaxes incluída nos orzamentos, a conxelación da inflación e o remate da compensación do 0,8% podería deixar as tarifas practicamente iguais en boa parte dos treitos da AP-9, algo similar ao que podería suceder na AP-53 entre Santiago e Lalín, a outra autoestrada de peaxe de titularidade estatal en Galicia.
Ademais das peaxes directas, Xunta e Estado destinan millóns de euros a pagar peaxes en sombra e están por ver as compensacións pola caída do tráfico provocada polo coronavirus
Por outra banda, máis alá das peaxes directas que pagan as persoas usuarias (a Xunta gastará máis en 2021 en pagar autovías xa construídas con peaxe en sombra que en facer novas estradas e o Estado segue a asumir gratuidades como as de Rande e A Barcala), está por ver a compensación que poidan recibir as autoestradas das administracións competentes en cada caso pola caída do tráfico polas restricións fronte ao coronavirus.