Fomento aprobou este venres a actualización das tarifas de todas as autoestradas en función da inflación, ao que no caso da Autoestrada do Atlántico hai que sumar outro 1,8% máis por anteriores decisións de PP e PSOE
Se en 2019 as peaxes entre Vigo e A Coruña pola AP-9 sumaban un total de 16,40 euros, a partir do próximo 1 de xaneiro pasarán a ser 45 céntimos máis, ata un total de 16,85 euros. É o resultado da aprobación oficial este venres polo Ministerio de Fomento, segundo avanzou a concesionaria da autoestrada, Audasa, da actualización anual das peaxes de todas as autoestradas estatais en función da inflación do último ano, suba inferior ao 1% pero á que no caso da AP-9 hai que engadir outros dous aumentos en compensación polas obras e bonificacións acordadas nos últimos anos polos gobernos centrais de PP e PSOE que elevan o incremento total a un 2,69%.
Este será o último ano en que se aplica unha suba do 0,8% por un cálculo erróneo na gratuidade das viaxes de volta Vigo-Pontevedra; o outro 1% polas obras de Rande seguirá a sumarse ata 2038
No caso da Autoestrada do Atlántico, á suba da inflación hai que sumar outras dúas: un 1%, que se seguirá aplicando de xeito anual ata 2038, en compensación á concesionaria, Audasa, polas obras de ampliación da ponte de Rande; e outro 0,8%, que se aplicará desta volta por terceiro e último ano, en compensación por un desfase rexistrado no cálculo da gratuidade das viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra implantada en 2013 polo Ministerio de Fomento.
A aplicación desa suba das peaxes (unha vez redondeada de cinco en cinco céntimos en función de se ese redondeo xa supuxo encarecementos adicionais en anos anteriores) supón o antedito paso de 18,40 a 18,85 euros nas viaxes dos vehículos lixeiros entre A Coruña e Vigo, ou pasar de 21,55 a 22,20 euros para as viaxes ao longo de toda a autoestrada, entre Ferrol e Tui.
En traxectos más curtos, entre Ferrol e A Coruña a peaxe pasa de 4,75 a 4,85 euros, entre A Coruña e Santiago de 6,75 a 6,90 euros, entre Santiago e Pontevedra de 5,75 a 5,95 euros, entre Pontevedra e Vigo de 3,90 a 4 euros e entre Vigo e Tui de 2,70 a 2,80 euros.
As novas tarifas para todas as posibles peaxes aparecen recollidas no seguinte cadro, distribuído este mesmo venres por Audasa, que salienta que salienta que a AP-9 “mantén as peaxes un 7,1% por baixo da media española” e lembra os distintos descontos dispoñibles, dos cales o único que asume a propia empresa e non as arcas públicas é a bonificación do 25% nas viaxes de volta en xornada laborable para os usuarios con sistema de telepeaxe.