As autoestradas Sevilla-Cádiz e Tarragona-Alacante quedan libres de peaxe 28 anos antes de que o faga a AP-9

Unha das portaxes da AP-9 © Audasa

O vindeiro martes 31 de decembro será o derradeiro día no que se cobre peaxe nas autoestradas AP-7 entre Tarragona e Alacante e na AP-4 entre Sevilla e Cádiz. Nese momento rematará a concesión para a explotación de ambas as dúas infraestruturas, construídas case á vez que a AP-9 galega

A AP-4 foi inaugurada no ano 1971 e regresa á xestión pública 49 anos despois, mentres que o treito da AP-7 está en funcionamento dende 1974, hai 46 anos. A concesión da AP-9 sumará 69 anos

En concreto, a AP-4 foi inaugurada no ano 1971, regresando á xestión pública 49 anos despois. O treito da AP-7 que ficará libre de peaxe está en funcionamento dende 1974, hai 46 anos. Pola contra, a AP-9 seguirá en mans de Audasa ata o ano 2048, cando fagan 69 anos da posta en servizo do seu primeiro treito. Xa o pasado ano a AP-1 entre Burgos e Eibar regresou á xestión pública, despois de 40 anos de explotación privada. Foi inaugurada en 1978, un ano antes que a AP-9. 

O pasado 12 de decembro Abertis, que xestionaba as dúas autoestradas que serán liberadas de xestión privada, completou un dos últimos pasos para a devolución da concesión, asinando un ERE para 136 traballadores e traballadoras. O persoal afectado é o encargado do cobro das peaxes, mentres que os traballadores e traballadoras que se viñan ocupando dos traballos de conservación da autoestrada, serán subrogados polo Ministerio de Fomento, e continuarán contratados e contratadas para ocuparse do mantemento da infraestrutura.

Tanto a AP-4 coma a AP-7 quedan libres de peaxe, como tamén o fixo o ano pasado a AP-1. Non sucedera o mesmo, por exemplo, no caso da AP-8 entre Irún e Bilbao, que no ano 2003 rematou a súa concesión privada e que dende entón vén sendo xestionada polas deputacións forais de Biscaia e Guipúscoa, que optaron por manter o cobro de peaxes para a utilización desta vía fundamental na comunicación interna no País Vasco. 

A supresión da peaxe beneficiará aos 25.200 vehículos que diariamente circulan pola AP-4 e aos 44.300 que o fan pola AP-7

Aínda que de momento o Ministerio de Fomento se fará cargo do mantemento de forma directa, o Goberno central xa anunciou que lanzará un concurso para externalizar este labor. Ademais, nos últimos anos foron varias as ocasións nas que dende o Ministerio e dende a Xunta se apuntou á posiblidade de poñer en marcha mecanismos de cobro aos condutores pola utilización das autovías públicas.

Na AP-4 a supresión da peaxe beneficiará aos 25.200 vehículos que diariamente circulan por esta autoestrada. Ata agora un turismo tiña que pagar 7,45 euros por percorrer os seus 85,9 kms. Mentres, a AP-7 conta con 23.469 usuarios e usuarias diarias entre Tarragona e Valencia e 20.844 entre Valencia e Alacante. Os turismos que quixesen atravesar os seus 384 quilómetros tiñan que pagar 47,4 euros. Como referencia, a AP-9 entre Fene e Tui (196 kilómetros) ten un custo de 21,6 euros.

No ano 2021 regresarán á xestión pública a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona 

A finalización das concesións da AP-1, AP-4 e AP-7 forma parte dun proceso no que, de forma sucesiva, regresarán á xestión pública a maior parte das autoestradas que entraron en servizo na década dos 70 e comezos dos 80, dentro do impulso construtivo dos últimos anos do franquismo e os primeiros da democracia. Xa en 2003 a AP-8 entre Irún e Bilbao -aberta en 1971- regresou á xestión pública, o pasado ano fíxoo a AP-1 entre Burgos e Vitoria-Gasteiz e agora vano facer os treitos Sevilla-Cádiz e Alacante-Tarragona. 

Continuarán a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (ambas o 31 de agosto de 2021). En 2026 será a quenda da polémica AP-6 entre Collado Villalba e Adanero (cunha data de fin da concesión que nos últimos anos bailou ao son de varias sentenzas xudiciais) e da AP-68 entre Zaragoza e Bilbao. E en 2029 chegará o momento da AP-15 entre Irún e Tudela (inaugurada en 1976).

Obras da AP-9 na ría de Vigo, xa coa ponte de Rande construída Dominio Público Praza Pública

Só hai unha autoestrada cunha concesión privada máis duradeira e que rematará máis tarde que a AP9: a tamén galega AP-53 entre Santiago e Lalín

Haberá que agardar ata o ano 2048 para o remate da concesión de Audasa. A liberación da concesión privada chegará, en principio, 69 anos despois da inauguración do primeiro treito (A Barcala-Santiago norte, 27 de abril de 1979) e coincidirá co final da concesión de varias autoestradas construídas entre 1999 e 2011 (a denominada segunda xeración de autoestradas), como a AP-7 Málaga-Estepona, a AP-51 Villacastín-Ávila, a AP-71 León-Astorga ou a AP-61 Segovia-San Rafael.

O atraso na devolución da AP-9 a xestión pública só é comparable ao que sufrirá a AP-66 que une Asturias e León, inaugurada en 1983 e cuxa concesión chegará ata o ano 2050, 67 anos. Só hai unha autoestrada cunha concesión máis duradeira e que rematará máis tarde: a tamén galega AP-53 entre Santiago e Lalín, inaugurada en 2002 e que chegará en mans privadas ata o ano 2074.   

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.