A AP-9 gañou 40,7 millóns de euros en 2018 tras lograr os maiores ingresos por peaxe da década

Control de Tráfico na AP-9 durante a pasada Semana Santa © Goberno de España

Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española S.A. (Audasa) segue sendo un rendible negocio que avanza sen excesivos sobresaltos entre os múltiples avatares políticos, sociais e económicos. A empresa concesionaria da autoestrada AP-9 vén de presentar ante a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) as súas contas do ano 2018 e os resultados volven ser de cuantiosos beneficios. Máis de 40 millóns de euros en ganancias despois de impostos grazas ao maior volume de ingresos por peaxes no que vai de década, 144 millóns de euros.

Os ingresos das portaxes ascenden na AP-9 por quinto ano consecutivo ata superar os 144 millóns de euros

Os beneficios de Audasa reducíronse en 2018 nuns 3 millóns de euros con relación ao ano anterior. Como a propia compañía explica aos seus accionistas, a causa fundamental é o impacto dos investimentos en obras de ampliación como as da ponte de Rande e os carrís á altura de Santiago. Pero por esas mesmas obras, en virtude dos convenios asinados co Estado, a empresa aplicou as sucesivas subas nas portaxes -"incremento moderado de tarifas", segundo a definición incluída nas súas contas- que axudan a manter os beneficios por riba da barreira dos 40 millóns por cuarto ano consecutivo. Serán integramente destinados ao pago de dividendos aos accionistas.

Agregadas ao incremento do tráfico -21.202 vehículos diarios, un 1,92% máis que en 2017-, as subas nos prezos da autoestrada, que Audasa prevé continuar durante 2019, permitiron á empresa concesionaria da principal autoestrada galega disparar a súa recadación ata os 144,1 millóns de euros, un 2,4% máis que nos anteriores doce meses. 

Audasa láiase do "impacto negativo" dos cambios no cálculo das compensacións pola liberación das peaxes en Rande e na Barcala e lembra aos seus accionistas que segue a litigar contra o Estado por este motivo

Atendendo á información achegada á CNMV, a suba nos ingresos de Audasa chega directamente dos petos das persoas usuarias, que cada vez empregan máis a tarxeta ou a telepeaxe -apenas un 21% é abonada en efectivo-. Non é así no caso da Administración.

En 2018 o Ministerio de Fomento deu en admitir que Audasa se beneficiara durante anos dun "enriquecemento inxusto" coa compensación pola liberación de peaxes en Rande e na Barcala e modificou á baixa o cálculo desta compensación. Como nas anteriores contas, Audasa láiase de que esta decisión tivo un "impacto negativo na recadación" e estima que leva perdido xa un "importe acumulado de 6,5 millóns". Por este motivo, lembra, "recorreu xudicialmente" e segue a litigar contra o Estado.

Desta volta as contas da AP-9 refírense tamén a outro procedemento xudicial, o iniciado pola Fiscalía por mor dos recorrentes colapsos de tráfico na contorna da ponte de Rande durante as súas obras de ampliación, inauguradas antes de que estivesen rematadas, o que permitiu á empresa aplicar xa a prevista suba de peaxes. Faino para tranquilizar os accionistas, xa que considera que a demanda da Fiscalía non dará lugar a "ningunha responsabilidade" e por iso non reserva cartos para facerlle fronte.

Audasa non reserva fondos para facer fronte á demanda da Fiscalía polos colapsos de tráfico durante as obras de Rande xa que considera que non dará lugar a "ningunha responsabilidade" para a compañía

Neste sentido, Audasa admite que o Ministerio Público a demandou argumentando que as obras en Rande afectaron "de forma relevante e constante á fluidez do tráfico" e "provocaron retencións e atrasos para os usuarios". Pero a concesionaria defende que "actuou en todo momento de acordo co contrato concesional" e que o fixo, ademais, "co coñecemento e autorización" do Goberno de España. Ademais, razoa, advertía nos paneis informativos de que estaban a desenvolverse obras, polo que os condutores podían "optar pola utilización" da autoestrada ou por "outra vía alternativa".

Audasa finaliza así as conclusións nunhas contas que reflicten tamén que continúa a tendencia á redución de persoal que traballa para a AP-9. Se o cadro medo de 2017 era de 247 persoas, desta volta explica que queda xa en 209 "aos que se engaden 70 empregados de servizos de subcontratas". A compañía resalta tamén que "abonou en 2018 un total de 43,8 millóns de euros en impostos e cotizacións ás Administracións públicas". O documento nin sequera menciona a posibilidade de que as competencias sobre a autoestrada sexan transferidas polo Goberno central á Xunta nin aos posibles efectos que esta decisión política poida traer consigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.