Condena a Audasa por un lesionado medular: “A vía atopábase en condicións pésimas”

Ramal da AP-9 a Ferrol nas proximidades da peaxe de Guísamo e fragmento da sentenza CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral e Praza Pública

Un xulgado obriga á concesionaria da AP-9 a asumir os 334.000 euros que custou a atención sanitaria dun ferido no accidente múltiple por xeo rexistrado en Guísamo en xaneiro de 2010

“Audasa actuou con neglixencia nas súas actuacións” e “a vía atopábase en condicións pésimas”. Esas son algunhas das duras consideracións que inclúe a sentenza que emitiu con data deste xoves 18 de outubro o xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Betanzos na que condena á concesionaria da AP-9 a aboar á aseguradora dun condutor sinistrado nun accidente múltiple os 334.000 euros que custou a atención sanitaria da lesión medular que sufriu, que o deixou tetrapléxico.

Os feitos remóntanse ao accidente múltiple rexistrado a primeira hora da mañá do 3 de decembro de 2010 nas proximidades da peaxe de Guísamo, no comezo do ramal da autoestrada que comunica con Ferrol. O choque en cadea dunha quincena de vehículos foi provocado, segundo ratifica esta nova condena e xa estableceran outras sentenzas previas citadas nela, polo xeo acumulado na estrada, que dificultaba que mesmo os axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar se puidesen manter en pé. Audasa, pola contra, tentou culpar á “condución neglixente” dos propios accidentados, algo que non puido probar no xuízo.

Estaba activa unha alerta amarela climatolóxica, polo que a sentenza desbota o argumento da concesionaria de que a aparición de xeo era imprevisible

Segundo a sentenza, estaba activa unha alerta amarela climatolóxica, polo que se desbota o argumento da concesionaria de que a aparición de xeo era imprevisible. Igualmente, a empresa argumentou que fixera todo o posible e activara o seu dispositivo para esas situacións, pero a sentenza di que Audasa “limitouse, en principio, a conectar os paneis luminosos da vía así como os sinais acústicos establecidos nos túneles, únicas medidas adoptadas para paliar a situación”, advertencias aos condutores que tampouco tiveron relevancia para o accidente en cuestión xa que no ramal no que se produciu “non existía pórtico luminoso”.

A sentenza lembra que sobre aquel accidente múltiple xa se pronunciaron en similar senso, culpando a Audasa, outras dúas resolucións previas doutros dous xulgados distintos, avaladas posteriormente pola Audiencia Provincial da Coruña, que “atribúen a culpa exclusiva do accidente á agora demandada baixo a premisa de falta de previsión e mantemento da vía o día de autos”.

Sentenzas que nos últimos anos condenaron a Audasa por neglixencias no mantemento da AP-9 CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza xa rexeitara a pretensión de Audasa de que outro condutor sinistrado no mesmo accidente múltiple demostrase que pagara a peaxe replicándolle que ela mesma non o denunciara por impago

Naquelas sentenzas, repasadas por Praza.gal no marco dunha ampla análise sobre como Audasa culpa aos condutores para tentar eximirse das súas propias neglixencias na AP-9, os xulgados rexeitaron o intento da concesionaria de evitar a súa propia responsabilidade poñendo en dúbida que os condutores tivesen dereito a reclamar porque non acreditaran o pagamento da peaxe. Porén, a Audiencia da Coruña retrucáralle dicindo que “o feito de que o vehículo circulaba pola autoestrada acredita” por si só a relación contractual entre o usuario e Audasa, engadindo que esta non presentara “denuncia ou reclamación algunha contra algún dos condutores dos vehículos afectados por impago da peaxe”. A Audiencia foi clara ao sentenciar que “na calzada non había restos de sal nin da aplicación de calquera outra substancia fundente” e estableceu que “a responsabilidade na causación do sinistro que nos ocupa corresponde única e exclusivamente á actuación neglixente da concesionaria”.

Por outra parte, na nova sentenza agora coñecida o xuíz, Roberto Barba, do xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Betanzos, tamén inclúe unha valoración sobre o comportamento dos avogados: “A excelente labor levada a cabo polos letrados no acto da vista, ambas con excelentes plantexamentos e fundamentos moi logrados, así como cunha corrección e educación exquisita á hora de facer valer as súas teorías, non soamente fronte ao Tribunal, senón á súa vez entre eles, actuación impoluta que desgrazadamente escasea cada vez máis nos tribunais do noso país”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.