A AP-9 gaña usuarios por quinto ano consecutivo malia as repetidas subas nas peaxes

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

O Ministerio de Fomento vén de publicar os datos oficiais de tráfico nas autoestradas no ano 2018, que revelan que a AP-9 incrementou o seu número de usuarios e usuarias nun 2,1%, ata superar a cifra de 24.000 vehículos diarios de media (24.036), a primeira vez que supera este límite dende o ano 2011. 

O número de usuarios e usuarias creceu un un 16,4% dende o 2013

Trátase do quinto ano consecutivo de incremento a pesar dos sucesivos aumentos no prezo das peaxes na autoestrada galega. Dende o ano 2013, un momento no que as estatísticas de Audasa chegaron ao seu punto máis baixo por mor da crise económica, o número medio diario de vehículos que pagan para circular por esta vía aumentou un 16,4%

De seguro que o incremento no número de usuarios e usuarias da AP9, unido ao aumento no prezo das peaxes, se traducirá nun crecemento nos ingresos totais que a autoestrada recibe por este concepto, que no 2017 foron 141 millóns de euros e no primeiro semestre de 2018 uns 66 millóns.

O prezo das peaxes aumentou 3 veces en 12 meses: un 1,91%, un 2% e un 3,51%. En total, máis de sete puntos

Nun período de 12 meses o prezo das peaxes aumentou en tres ocasións. O 1 de xaneiro de 2018 o incremento foi do 1,91%, para compensar a suba do IPC. O 31 de outubro produciuse un aumento extraordinario, do 2%, tralo acordo para levar a cabo as obras de ampliación da Ponte de Rande e para compensar a Audasa polos vehículos que desde 2013 non pagan as viaxes de volta no mesmo día nos traxectos entre Vigo e Pontevedra. Finalmente, o 1 de xaneiro de 2019 produciuse unha nova actualización dos prezos de acordo coa suba media do IPC (+1,71%) mais outro 1,8% para continuar compensando a Audasa polas obras de ampliación en Rande e Santiago e pola gratuidade dalgunhas viaxes entre Vigo e Pontevedra. En total, outro 3,51%.

Analizando a variación do tráfico nos meses seguintes as estas subas no prezo, obsérvase un forte incremento en xaneiro de 2018, superior ao 4%, e pola contra un lixeiro descenso en novembro. Porén, estas variacións poden deberse a moitos outros factores, e haberá que observar as evolucións futuras para ver se se manteñen as tendencias.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.