En 1973 Autopistas del Atlántico recibiu do Goberno franquista a concesión que lle permitiría cobrar por circular pola autoestrada entre Fene e Tui ata o ano 2012, subliñando o texto da adxudicación que a concesión non se podería estender máis aló do ano 2018. Posteriormente, tres prórrogas ampliaron a concesión ata o ano 2013 primeiro, ata o 2023 despois e, finalmente, ata o ano 2048, grazas á prórroga de 25 anos outorgada no ano 2000 polo Goberno de Jose María Aznar, xusto antes de privatizar a Empresa Nacional de Autopistas. Sen esa derradeira prórroga, estaríamos a tan só cinco anos do remate da concesión da AP-9, vía que inaugurou o seu primeiro treito en 1979, hai case 40 anos.
Burgos-Eibar (2018), Sevilla-Cádiz (2019), Tarragona-Alacante (2019), Zaragoza-Barcelona (2021) e La Jonquera-Tarragona (2021) rematarán a súa concesión nos tres vindeiros anos
A AP-9 pertence á primeira xeración de autoestradas que se construíu en España, vías de peaxe que entraron en funcionamento nesa década dos setenta, a cabalo entre os últimos anos da Ditadura e os primeiros da democracia, e que foron xestionadas por empresas con concesións duns 30 ou 35 anos, en ocasións prorrogadas, coma a galega. A maior parte desas concesións están a piques de rematar e nos vindeiros anos asistiremos a unha sucesión de noticias que darán conta do regreso á xestión pública de importantes autoestradas. Está por ver, iso si, que iso implique que nesas vías desaparecen as peaxes. O Ministerio de Fomento nin o confirmou nin o desmentiu e simplemente indicou que analizaría a cuestión "cando chegue o momento da reversión e estas pasen á Administración Xeral do Estado".
A AP-1 entre Burgos e Eibar (o 30 de novembro de 2018) será a primeira en rematar a súa concesión privada, exactamente 40 anos despois da súa inauguración (1978). Porén, xa en 2003 a AP-8 entre Irún e Bilbao -aberta en 1971- regresou á xestión pública. A AP-4 entre Sevilla e Cádiz e a AP-7 entre Tarragona e Alacante (ambas o 31 de decembro de 2019) serán as seguintes. Continuarán a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (ambas o 31 de agosto de 2021). En 2026 será a quenda da polémica AP-6 entre Collado Villalba e Adanero (cunha data de fin da concesión que nos últimos anos bailou ao son de varias sentenzas xudiciais) e da AP-68 entre Zaragoza e Bilbao. E en 2029 chegará o momento da AP-15 entre Irún e Tudela (inaugurada en 1976).
O Goberno asumiu o pasado ano o rescate de nove autoestradas, pola quebra das súas empresas concesionarias. Isto terá un custo para o Estado de ao redor de catro mil millóns de euros
Todas elas son vías que se inauguraron un pouco antes que a AP-9, entre 1969 e 1978, aínda que forman perte dese primeiro impulso construtivo. En calquera caso, en todas elas a súa concesión rematará 20 e mesmo 30 anos antes que na autoestrada galega. É máis, antes de que chegue ese ano 2048 no que a AP-9 regresará á xestión pública, outras vías -todas elas construídas e inauguradas moito máis tarde que a Ferrol-Tui- rematarán a súa concesión. É o caso da AP-51 Villacastín-Ávila (inaugurada en 2002; fin da concesión en 2036), da AP-61 Segovia-San Rafael (de 2003 a 2031 ou 2036), da AP-7 Málaga-Estepona (de 1999 a 2046) e da AP-47 Alto das Pedrizas-Málaga (de 2011 a 2047). Todas parte da denominada segunda xeración de autoestradas.
A situación que se vive coa AP-9, que no 2048 acumulará case 70 anos de concesión dende a inauguración do seu primeiro treito, só é comparable a outra vía do noroeste: a AP-66 que une Asturias e León, concretamente Campomanes e La Virgen del Camino. Inaugurada en 1983, a súa concesión chegará ata o ano 2050, 67 anos. O treito da AP-7 entre Estepona e Guadiaro e a AP-71 entre León e Astorga aínda volverán á titularidade pública máis tarde, no 2054 e no 2055, aínda que ambas foron inauguradas en 2002.
A autoestrada cunha concesión máis duradeira é a AP-53 entre Santiago e Lalín, inaugurada en 2002 e que chegará en mans privadas ata o ano 2074
Hai que lembrar, ademais, que o Goberno asumiu o pasado ano o rescate de nove autoestradas, pola quebra das súas empresas concesionarias: a R-2 Madrid-Guadalajara, a R-3 Madrid-Arganda del Rey, a R-4 Madrid-Ocaña, a R-5 Madrid-Navalcarnero, a M-12 Aeropuerto de Barajas, a AP-36 Ocaña-La Roda, a AP-41 Madrid-Toledo, a AP-7 Circunvalación de Alacante e a AP-7 Cartaxena-Vera. Isto terá un custo para o Estado de ao redor de catro mil millóns de euros
Finalmente, cómpre salientar que a autoestrada cunha concesión máis duradeira e que rematará máis tarde é tamén galega, pero non é a AP-9, senón a AP-53 entre Santiago e Lalín, inaugurada en 2002 e que chegará en mans privadas ata o ano 2074.