0 Gardados para despois

Galicia, refén de Audasa ata 2048

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 18 de agosto de 2048 disolverase o matrimonio forzoso entre Galicia e Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A. Ata esa data, se ninguén o evita, continuará vixente a concesión outorgada polo Goberno franquista no ano 1973 e que inicialmente tiña que rematar no 2013. Restan, polo tanto, trinta e catro anos para poder desligar a principal vía de comunicación terrestre do país dunha empresa cuxos propietarios nada teñen que ver cos concesionarios orixinais, un grupo de bancos españois, toda vez que dende o ano 2008 o Grupo Itínere, no que se integra Audasa, está en mans do estadounidense Citigroup. Pero, como chegamos ata aquí?

A orixe da empresa que, un verán máis, desata a ira cidadá mentres os gobernos galego e español se limitan a lanzar mornas advertencias e un expediente informativo, está na concesión franquista que, apenas dez anos despois da súa posta en marcha, regresou a mans públicas por orde do Estado. En plena vaga expansiva da crise do petróleo de finais dos 70 o Goberno de Felipe González mercaba Audasa e integrábaa, xunto a Aucalsa e Audenasa, na nova Empresa Nacional de Autopistas (ENA), nunha operación que implicou estender a concesión dez anos máis, ata 2023.

Aznar prorrogou a concesión ata 2048 e, xusto despois, vendeu a autoestrada

Así, como empresa pública, Audasa seguiu construíndo treitos da autoestrada -e cobrando peaxes- ata que en 1992 completou o trazado entre A Coruña e Vigo. Aos poucos a AP-9 deixou de ser unha infraestrutura e comezou a gañar inxentes cantidades de cartos que, en última instancia, ían parar ás arcas públicas. Esta era a situación cando, en 1998, a meteoroloxía soltou o buque Discoverer Enterprise das súas amarras nos estaleiros de Astano, indo impactar á ponte das Pías e deixando illada a cidade de Ferrol. Aquel accidente impulsou o Executivo de José María Aznar no ano 2000 a encargarlle a ENA que estendese a autoestrada ata Ferrol e, como contraprestación, estendeulle a concesión ata 2048, o límite vixente.

Neste escenario a galega era a autoestrada máis rendible do Estado e, en 2003, o gabinete de Aznar meteuna no paquete da súa derradeira gran privatización, a da propia ENA. A empresa das autoestradas públicas foille adxudicada por 1.586 millóns de euros ao grupo empresarial encabezado por un dos emblemas da burbulla inmobiliaria española, Sacyr, no que tamén participaban Caixa Galicia e Caixanova. A crise do ladrillo impulsou a Sacyr a vender a súa filial de autoestradas, Itínere, que xa en mans de Citigroup, nacionalizado polo Goberno federal estadounidense tras a caída de Lehman Brothers, segue a recortar servizos e postos de traballo malia gañar case 10 millóns de euros no primeiro semestre do ano.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Máis de 300.000 euros diarios en peaxes no que vai de ano

A teimosía en provocar atascos nunhas cabinas de peaxe atendidas por cada vez menos persoal e máis máquinas prodúcese nun contexto no que, tras anos de caídas, Audasa ve como comeza a repuntar a súa recadación. Segundo os datos que a empresa lle achegou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) entre xaneiro e xuño deste ano ingresou 59,1 millóns de euros por este concepto, isto é, algo máis de 300.000 euros ao día.

Este resultado na metade do exercicio económico supón un leve incremento a respecto do mesmo período do ano anterior, cando chegara aos 58,4 millóns de euros nun ano, o 2013, no que as persoas que usaron a AP-9 pagaron un total de 125,2 millóns de euros, unha cantidade nada desprezable pero inferior ao ano 2009, o primeiro no que a autoestrada estivo nas mans de Citigroup e no que recadou 156,2 millóns de euros.

Estas cifras prodúcense nun contexto no que Audasa teima tamén en subir as súas tarifas sen aplicar desconto ningún -en función dos horarios ou por uso frecuente, por exemplo- ao xeito doutras autoestradas do Estado. Tras a última suba a empresa bateu o seu propio récord e, por primeira vez, percorrela nun turismo integramente, de Ferrol a Tui, xa custa máis de 20 euros.