En Marea lanza unha batería de iniciativas contra o “espolio” da AP-9

Alexandra Fernández e Antón Sánchez este venres no Parlamento de Galicia Dominio Público En Marea

A formación quere “actuar politicamente contra a o espolio descarado e ilegal por uns gobernos que serven a intereses privados a costa da economía dos galegos e galegas”

En Marea presentou este venres en Santiago unha batería de iniciativas que vén de rexistrar no Congreso dos Deputados contra o “espolio” da AP-9 e coas que pretende desbloquear a transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada e rematar cos “privilexios fiscais” das concesionarias. Nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, o vicevoceiro de En Marea na Cámara autonómica, Antón Sánchez, e a deputada no Congreso Alexandra Fernández salientaron que as medidas pretenden “actuar politicamente contra a o espolio descarado e ilegal por uns gobernos que serven a intereses privados a costa da economía dos galegos e galegas”.

Por unha banda, En Marea presentou unha proposición de lei coa que pretende desbloquear o veto que o Goberno central e a Mesa do Congreso presidida pola popular Ana Pastor impuxeron a que se puidese sequera debater nesa cámara a petición unánime do Parlamento de Galicia de que a titularidade da autoestrada pase a mans da Xunta. Contra ese veto están presentados recursos xudiciais tanto de En Marea como do BNG.

En Marea pide que rematen os beneficios fiscais e que as autoestradas que volvan a mans públicas non sexan novamente entregadas en concesión

Por outra banda, En Marea tamén presentou dúas proposicións non de lei para o seu debate nas comisións de Fomento e Facenda do Congreso nas que reclaman a fin dos privilexios fiscais das concesionarias de autoestradas que lles permiten non ter que aboar ata o 95% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) aos concellos polos que transcorren.

Por outra parte, En Marea, como parte do grupo confederal de Unidos Podemos, xa presentou en decembro outra proposición non de lei na que insta ao Goberno a non volver a licitar as autoestradas radiais quebradas nin as que nos próximos anos verán vencer o seu período concesional. A súa intención é que esas infraestruturas pasen a ser xestionadas directamente pola Administración.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.