0 Gardados para despois

O BNG recorre ante o Constitucional o veto á transferencia da AP-9

Redacción | @prazapublica

O BNG presenta un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional (TC) polo veto do Congreso á Lei de transferencia da AP-9 que foi aprobada no Parlamento galego. Para o Bloque, ese veto "vulnera o dereito dos deputados e deputadas de xeito individual e como grupo parlamentario ao exercer a representación do pobo galego en condicións de plena igualdade".

O BNG presenta un recurso de amparo ante o TC polo veto do Congreso á Lei de transferencia da AP-9 aprobada polo Parlamento

“Solicitamos ao TC a retirada dese veto para restablecer os nosos dereitos como deputados e como grupo, pero tamén para restablecer a dignidade deste Parlamento agraviada por ese veto”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen admitiu os “receos” do Bloque ante este alto tribunal “pero é a única vía ante este atropelo antidemocrático e prepotente, que supón ademais un desprezo aos galegos e as galegas aos que se nos está dicindo que non temos dereito a reivindicar melloras nunha infraestrutura vital para o país”.

En rolda de prensa, Pontón lamentou que o PP e Feijóo non asumisen liderar a presentación deste recurso, -que se formalizará o vindeiro luns ante o TC-, pero subliñou que o BNG “non está disposto a tirar a toalla” para conseguir a transferencia da AP-9 como primeiro paso para acabar coa "estafa das peaxes". "O peor que podemos facer como país é achantar ante un abuso que ten como responsables directos á presidenta do Congreso e deputada electa por Pontevedra, Ana Pastor, e o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, co silencio cómplice de Feijóo”, engadiu. 

"O peor que podemos facer como país é achantar ante un abuso que ten como responsables a Ana Pastor e Rajoy, co silencio cómplice de Feijóo"

“Feijóo nin está nin se lle espera, calquera outro responsable tería feito algo máis que responder co silencio ante este novo agravio, e sen ese silencio o Goberno central non se atrevería a ir tan lonxe”, criticou. O BNG lembra que, desde a súa posta en marcha, as peaxes na AP-9 ascenden a máis de 2.500 millóns de euros e o beneficio da concesionaria supera os 900 millóns de euros, “negocio redondo para Audasa, pero un lastre para as empresas e para as persoas usuarias”.

Ademais, salientou que o Estado ten só tres autoestradas coa concesión máxima de 75 anos de peaxe, "dúas están en Galicia, que pese a ter o 6% da poboación soporta o 10% de quilómetros de autoestradas de pago de todo o Estado".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.