0 Gardados para despois

Ana Pastor avala o veto de Rajoy a transferir a AP-9 a Galicia con datos cada vez máis erróneos

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Mesa do Congreso dos Deputados, nunha decisión do 5 de setembro transmitida este xoves ao Parlamento de Galicia e desvelada polo BNG, vén de acordar por segunda vez que nin sequera se debata a petición unánime da Cámara galega de que a titularidade da autoestrada AP-9 pase do Goberno central á Xunta. Faino amparándose nun informe emitido polo Goberno en xuño no que este argumentaba que a transferencia podería implicar un maior custo do xa orzamentado para as arcas estatais, motivo que lle permite vetar a tramitación. Ese informe, enviado ao Congreso en xuño, xa contiña erros de cálculo a respecto deses posibles custos futuros, pero en xullo o propio Goberno modificou o xeito en que compensa a Audasa polos treitos sen peaxe para reducir precisamente eses custos futuros. Porén, esa novidade de xullo non está incluída no informe de xuño que a Mesa do Congreso vén de dar por válido coa sinatura da súa presidenta, Ana Pastor, ela mesma ex-ministra de Fomento e deputada por Pontevedra.

O cálculo do custo hipotético que o traspaso tería para o Estado é de xuño e non inclúe a rebaixa dos ingresos de Audasa que o propio Goberno decretou en xullo, o que se engade a outras eivas anteriores

A primeira petición unánime do Parlamento de Galicia para que o Congreso debatese a súa proposta de transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta foi rexeitada pola Mesa do Congreso o ano pasado. O Goberno argumentou daquela que o texto abría a porta a que, unha vez traspasada, a Xunta puidese decidir un rescate da mesma que supuxese algún tipo de custo para as arcas estatais, e estimaba que este podía ascender a máis de 4.300 millóns de euros. Os populares escudáronse no artigo 134.6 da Constitución, que permite ao Executivo frear os proxectos de lei que impliquen aumento de gastos ou diminucións de ingresos. Porén, o informe no que sustentaron o seu veto incluía cálculos erróneos do que custaría ese hipotético rescate, que basearon exclusivamente nos ingresos por peaxes.

Tras aquela negativa, o Parlamento de Galicia volveu consensuar unha nova proposta matizada na que se eliminou calquera referencia ao rescate da concesión. Pero con data de 29 de xuño o Goberno volveu enviar ao Congreso outro veto á súa tramitación acompañado doutro informe económico máis elaborado que o anterior no que incrementaba o custo total futuro que podería supor a AP-9 para o Estado ata os 4.570 millóns. Porén, ese informe de 29 de xuño nada di dunha decisión tomada posteriormente polo propio Ministerio de Fomento que implica cambios neses cálculos.

En xullo Fomento admitiu que Audasa estaba a ter un "enriquecemento inxusto" e reduciu a cantidade coa que a compensa polos treitos sen peaxe de xeito que os novos importes "son inferiores aos compromisos de gasto autorizados [en 2006]"

Un mes despois daquel informe no que agora se basea a Mesa do Congreso para validar o veto do Goberno, Fomento publicou no Boletín Oficial del Estado (BOE) un Real Decreto co que modificou o sistema de cálculo co que o ministerio e a Xunta viñan asumindo a medias o pagamento a Audasa polos treitos liberados de peaxe aos usuarios. Naquel decreto o propio ministerio admitía que o sistema anterior, no que baseou os informes para vetar a transferencia, viña sendo “prexudicial para as administracións implicadas, e ven supondo un certo enriquecemento inxusto para a sociedade concesionaria”. E o propio ministerio salientaba que “os novos importes de compensación calculados [co novo sistema] son inferiores aos compromisos de gasto autorizados [en 2006], o cal permite e motiva que a Administración Xeral do Estado asuma por completo o financiamento” permitindo que a Xunta deixe de pagar unha parte.

Ese cambio de xullo, no que o propio Goberno admite que no futuro pagará menos a Audasa do que prevía, non aparece no informe dun mes antes que agora vén de dar por válido a Mesa do Congreso para vetar a tramitación da petición galega. Un veto que agora valida a presidenta da Cámara, Ana Pastor, que foi ministra de Fomento, cargo no que xa se amosara contraria á transferencia, e é deputada por Pontevedra, malia que o PPdeG insiste en que seguirá a reclamar a transferencia incluso levando a contraria aos dirixentes estatais do partido.

En xullo o presidente Feijóo e o ministro de Fomento verbalizaron un argumento político distinto do económico que emprega o PP para evitar o debate: Cataluña

Pero xunto cos supostos argumentos económicos, este pasado verán tanto o presidente Feijóo como o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, verbalizaron outro argumento de tipo político para xustificar que non se transfira a AP-9: o conflito político en Cataluña non permite darlle a Galicia a xestión da autoestrada porque "daría lugar a unha batería de procesos similares que acabaría nun certo desmantelamento das infraestruturas do Estado ao longo e ancho do territorio español", dixo o ministro. "Son perfectamente consciente", respondeu Feijóo, dos "condicionantes que está vivindo España dende o punto de vista da organización territorial", e por iso dixo acatar a decisión. "Porque son un presidente leal ao meu país, a España", sentenciou. Este xoves, preguntado pola ratificación do segundo veto do Goberno, o presidente Feijóo dixo non ver “ningunha novidade e ningunha sorpresa” e salientou o feito de que Fomento asuma en solitario o custo da supresión de peaxes que ata o de agora asumía a medias a Xunta. Un custo que, co novo sistema de cálculo, vai ser menor para Fomento que o que pagaba antes cando a Xunta asumía a metade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.