0 Gardados para despois

Fomento non transferirá a AP-9 a Galicia para non "desmantelar" o Estado e Feijóo acátao con "lealdade"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Rematou a partida. O Goberno de España non vai transferir á Xunta as competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, acudiu este luns a Santiago para se reunir de novo co presidente da Xunta e certificar que o gabinete de Mariano Rajoy non se moveu un centímetro de onde estaba a respecto da demanda que a unanimidade do Parlamento de Galicia formulou por dúas veces en apenas un ano. Desta volta o Ministerio non se ampara no seu errado cálculo sobre un eventual rescate da concesión nin nunha hipotética rebaixa de peaxes que obrigaría a compensar a Audasa. O Goberno popular considera que a mensaxe política que traería consigo acceder á petición galega non lle convén na actual conxuntura e por iso non a vai atender.

En comparecencia conxunta no salón nobre da Presidencia da Xunta, no compostelán Pazo de Raxoi, De la Serna e Alberto Núñez Feijóo escenificaron o acto final dunha obra que comezara a representarse en decembro do pasado ano cando, acabado de chegar ao cargo como remuda de Ana Pastor, o ministro xa deixara claro que baixo o seu mandato a transferencia non ía chegar, senón que se ía substituír por unha comisión para supervisar a infraestrutura. Oito meses despois o titular de Fomento di, como daquela, que "entende" a "reivindicación que se fai", pero conclúe que a AP-9 "ten que seguir no ámbito competencial" do seu Ministerio. Caso contrario, o "si" a Galicia "daría lugar a unha batería de procesos similares que acabaría nun certo desmantelamento das infraestruturas do Estado ao longo e ancho do territorio español".

Fomento xa non ampara a negativa en cálculos económicos, senón que a xustifica na vontade política de evitar "un desmantelamento das infraestruturas do Estado"

Como deslizaran en público e en privado diversos cargos do PP galegos nas últimas semanas, o razoamento que os conservadores lanzan para vetar a transferencia ten Cataluña como pano de fondo. "A ninguén se lle escapa que estas peticións se producen en distintas comunidades autónomas e no actual contexto político constitúen un elemento que xera, en ocasións, certa tensión política", di De la Serna, quen apela a "analizar" a petición "non só en Galicia", senón cunha "visión global na actual conxuntura".

De la Serna dixo "non" e, ao seu carón, Núñez Feijóo admitiu meter a petición nunha gabeta ata un futuro indefinido. A Xunta, asegura, non vai "renunciar á transferencia", pero vai deixar de pedila e renuncia a efectos prácticos á lei aprobada por todos os grupos do Parlamento. "Son perfectamente consciente" dos "condicionantes que está vivindo España dende o punto de vista da organización territorial" e por iso acata a decisión. "Porque son un presidente leal ao meu país, a España". 

Feijóo di non "renunciar" á transferencia pero asume a negativa do Goberno de Rajoy: "son un presidente leal ao meu país, a España"

"Renunciar" formalmente á transferencia, admite o presidente, sería "incumprir o compromiso dado ao electorado galego". Pero "non sería razoable pola miña parte omitir un dato incuestionable, as tensións territoriais ás que está sometida España" e das que "saben todos os españois". "Hai comunidades -debulla- que están solicitando autoestradas de conectividade de España con Francia" e tal cuestión "ten unha importancia política enorme". Por todo isto, o xefe do Goberno galego eloxia a "prudencia" do gabinete de Mariano Rajoy e asume a decisión, porque "neste momento hai que apoiar ao Goberno de todos, ao Goberno de España" fronte á "deslealdade máxima" de Cataluña, dixo sen mencionar o proceso soberanista. 

Pagamento das bonificacións de peaxes

O presidente e o ministro instan a poñer o foco en que Fomento asumirá de agora en diante o pagamento das compensacións ás que dende 2006 tamén achegaba fondos a Xunta

Coa transferencia desbotada de vez tanto De la Serna como Feijóo procuran desprazar o foco cara á operación pola cal será o orzamento do Ministerio o que asuma o pagamento das compensación a Audasa por non cobrar peaxe nos treitos de Rande e A Barcala, nas contornas de Vigo e da Coruña, respectivamente. Fomento faino despois de reformular o sistema polo que calcula os fondos que lle corresponden á concesionaria e admitir, na mesma operación, que Audasa estivo a beneficiarse dende 2006 de un "enriquecemento inxusto". Aínda que ata agora a Xunta pagaba a metade deste importe -uns 6 millóns ao ano- o método de cálculo estaba unicamente nas mans do Goberno de España por ser, precisamente, a Administración que ten as competencias sobre a infraestrutura.

O ministro De la Serna chama a ter en conta que este acordo é "moi especial" e responde á "decisión política do presidente Mariano Rajoy" e Feijóo aplaude que se realizase en "moi poucos meses". Agora, agrega, o que toca é "seguir traballando" para mellorar a "conectividade" da AP-9 "con independencia da titularidade da autoestrada" dende a devandida comisión de supervisión e con obras como a conexión coa Cidade da Cultura a través dun novo enlace en Santiago, cuxa licitación Fomento anunciou xusto antes da visita do ministro á capital galega.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente aplaude a "valentía" de Fomento por construír o que falta da autovía Santiago-Lugo, iniciada hai 20 anos

A autovía A-54, que nun futuro unirá as cidades de Santiago e Lugo polo centro do país a través de municipios como Arzúa, Melide ou Palas de Rei ten en servizo en torno á metade do seu trazado: uns 40 quilómetros dende a capital lucense a Palas e unha ducia máis dos accesos a Compostela ata a contorna do aeroporto da Lavacolla. Este luns, despois de ratificaren que non se producirá a transferencia da AP-9 a Galicia, o ministro de Fomento e o presidente da Xunta desprazáronse ata Melide para poñeren a "primeira pedra" dun novo fragmento da A-54, algo menos de 12 quilómetros que supoñen, subliñan os gobernos galego e español, que todo o vial estará xa inminentemente "en servizo ou en obras".

Feijóo e De la Serna asistirón á colocación da "primeira pedra" do treito de Palas a Melide da A-54

Alberto Núñez Feijóo non aforrou eloxios para un evento do Ministerio de Fomento que, a xuízo do xefe do Goberno galego, cómpre cualificar como de "valentía", por "destinar a Galicia os recursos e os esforzos para empezar a acurtar o inxusto déficit en comunicacións que arrastraba esta terra". "Todos temos xa a absoluta certeza de que os extremos desta liña se van unir e de que o van facer xa máis pronto que tarde", proclamou Feijóo sobre unha autovía cuxa planificación inicial se remonta a comezos dos anos 90 do século pasado e que, tras a inauguración do treito ata Lavacolla en vésperas do Xacobeo 99, non sería impulsada de novo a efectos prácticos ata 2009, cando José Blanco volveu destinar partidas á obra dende o propio Ministerio.

O goberno de Rajoy organizou ata tres inauguracións de treitos desta autovía durante o ano electoral de 2015

Os treitos impulsados na etapa de Blanco foron, precisamente, os que lle permitiron ao Goberno de Mariano Rajoy organizar ata tres inauguracións doutros tantos treitos da A-54 durante o ano electoral de 2015 mentres a parte central da autovía, a de Palas a Melide, avanzaba cunha lenta tramitación por mor de atrancos ambientais. Os Orzamentos do Estado para 2017 reservan 10 millóns de euros para as obras inauguradas este luns por Feijóo e De la Serna e outros 30 para o que irá de Lavacolla a Arzúa.