Os ingresos por peaxes da AP-9 aumentan catro veces máis que o número de vehículos que a usan

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

Tres subas nos prezos das peaxes en apenas un ano combinadas cun incremento do tráfico. É a combinación que permitiu a Autopistas del Atlántico, concesionaria da autoestrada AP-9, anotar melloras en todos os seus resultados económicos no primeiro semestre do 2019.

No primeiro semestre de 2019 Audasa ingresou 71,4 millóns de euros por peaxes e logrou un beneficio neto de 18,8 millóns de euros, un 17,52% máis que no mesmo período do ano anterior

Audasa vén de remitir á Comisión Nacional do Mercado de Valores os seus resultados da primeira metade do exercicio e todas as cifras son boas para a compañía. O tráfico medio diario aumentou un 2,10% con relación ao mesmo período do ano anterior, ata superar os 23.000 vehículos por xornada. Pero esa suba non se corresponde co avance da recadación por peaxes nin cos beneficios, que aumentan moito máis.

Segundo as cifras achegadas pola empresa ao regulador, de xaneiro a xuño os ingresos nas cabinas de portaxe ascenderon ata os 71,42 millóns de euros, isto é, un avance interanual que se achega ao 8%, practicamente catro veces máis que o incremento do tráfico. Mentres, os beneficios nese período avanzan aínda máis, un incremento do 17,52% que se traduce nunhas ganancias de 18,76 millóns de euros despois de impostos -25,01 millóns antes da correspondente tributación.

A propia compañía explica a orixe destas cifras na súa información a potenciais investidores. Ese incremento do 7,5% anual é "consecuencia tanto dun ascenso do tráfico de cobro" e da "revisión anual de tarifas", isto é, das subas de prezos do 3,51% que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2019 "pola revisión de tarifas e a recuperación dos 227 millóns de euros investidos por Audasa na ampliación da AP-9 en Rande e en Santiago de Compostela". No caso da ponte sobre a ría de Vigo as obras derivadas da ampliación continuaron ata dez meses despois da suba das peaxes.

Na súa propia análise das contas Audasa sinala a suba das peaxes como unha das orixes do incremento da recadación, pero insta a ter en conta que o seu prezo está "por baixo da media estatal"

Malia estes indicadores, Audasa tenta contrastar a imaxe de ganancias disparadas introducindo un matiz na análise dos seus propios beneficios. "O prezo medio actual para automóbiles na AP-9 sitúase un 8% por baixo da media estatal, con 11 céntimos de euro por quilómetro na AP-9 fronte aos 12 céntimos de peaxe media nas autoestradas españolas de titularidade estatal", di nun comunicado remitido aos medios, no que tamén subliña que os sistemas de pagamento automático xa son empregados no 87% dos desprazamentos por esta autoestrada.

Contencioso co Estado

Como en anteriores presentacións de resultados, Audasa informa os seus accionistas de que segue a litigar contra o Estado polo "efecto negativo sobre a recadación que segue supoñendo" a modificación do sistema para calcular a compensación que a compañía recibe pola liberación de peaxes en Rande e na Barcala. Daquela o Ministerio de Fomento dera en admitir que Audasa se beneficiara durante anos dun "enriquecemento inxusto" e a compañía láiase de que dexou de ingresar "8,8 millóns de euros dende que se comezou a aplicar" o que define como "modificación unilateral e non xustificada" do acordo. 

A concesionaria da autoestrada láiase de que o Estado lle rebaixase a compensación polas bonificacións en Rande e na Barcala, contra as que segue a litigar

Neste contexto xeral, a concesionaria da AP-9 asegura ser "optimista" en canto ás posibilidades de que os seus principais indicadores continúen a medrar "no curto prazo". "Esperamos seguir crecendo ata recuperar niveis de tráfico suficientes que permitan uns ingresos axeitados á tendencia que historicamente mantivemos malia aos anos de crise económica xeral", sinala a concesionaria. O documento remitido aos accionistas non fai mención ningunha á posibilidade de que a transferencia de competencias sobre a autoestrada á Xunta chegue a completarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.