As autoestradas AP-2 e AP-7 en Catalunya e Aragón quedan libres de peaxe malia seren do mesmo tempo que a AP-9

Autoestrada AP-7 ao paso por Mollet del Vallés CC-BY-SA Jorge Franganillo

En 1976 inaugurábase o primeiro treito -entre Lleida e El Vendrell- da autoestrada AP-2, que une Zaragoza e El Vendrell, preto de Barcelona. Uns anos antes, en 1969, abríase ao público o primeiro treito -entre Granollers e Montmeló- da autoestrada AP-7 que une Alacante e La Jonquera, na fronteira con Francia, aínda que o groso da vía inaugurouse entre 1971 e 1979.

Os treitos entre Zaragoza e El Vendrell e Tarragona e La Jonquera foron construídas maioritariamente nos anos 70, moi pouco antes que a vía galega, que rematará a súa concesión no ano 2048

A AP-2 e a AP-7 son noticia esta semana porque este mércores finalizou a súa concesión privada, regresando a mans públicas e desaparecendo as peaxes que se pagaban pola súa utilización. Son dúas autoestradas da mesma xeración que a AP-9 galega, pois o primeiro treito (Santiago-A Barcala) inaugurouse en 1979 e en 1981 fíxoo o Pontevedra-Vigo. A vía galega pertence tamén á primeira xeración de autoestradas que se construíu en España, vías de peaxe que entraron en funcionamento nesa década dos setenta, a cabalo entre os últimos anos da Ditadura e os primeiros da democracia.

Aínda que se planificaron, construíron e inauguraron períodos semellantes, haberá unha gran diferenza na data de finalización da súa concesión e no seu regreso á titularidade pública. A concesión orixinal da AP-9 chegaba ata o 2012, e foi posteriormente ampliada en tres ocasións (ata o 2013, 2023 e, finalmente, 2048). Quedan, polo tanto, 27 anos para o remate da concesión, coa posibilidade de que nese momento fique libre de peaxe.

A liberalización das peaxes na AP-2 e no treito catalán da AP-7 únese ás que tiveron lugar en xaneiro de 2020 na autoestrada AP-4 (Sevilla-Cádiz) e no treito Alacante-Tarragona da AP-7 e en decembro de 2018 na autoestrada AP-8 entre Burgos e Euskadi, todas elas construídas tamén ao mesmo tempo que a AP-9.

O pasado ano quedaron libres de peaxe as autoestradas entre Cádiz e Sevilla e Alacante e Tarragona

En 2026 será a quenda da polémica AP-6 entre Collado Villalba e Adanero (cunha data de fin da concesión que nos últimos anos bailou ao son de varias sentenzas xudiciais) e da AP-68 entre Zaragoza e Bilbao. E en 2029 chegará o momento da AP-15 entre Irún e Tudela (inaugurada en 1976). Todas elas son vías que se inauguraron un pouco antes que a AP-9, entre 1969 e 1978, e cuxa concesión rematará 20 e mesmo 30 anos antes que na autoestrada galega. 

É máis, antes de que chegue ese ano 2048 no que a AP-9 regresará á xestión pública, outras vías -todas elas construídas e inauguradas moito máis tarde que a Ferrol-Tui- rematarán a súa concesión. É o caso da AP-51 Villacastín-Ávila (inaugurada en 2002; fin da concesión en 2036), da AP-61 Segovia-San Rafael (de 2003 a 2031 ou 2036), da AP-7 Málaga-Estepona (de 1999 a 2046) e da AP-47 Alto das Pedrizas-Málaga (de 2011 a 2047). Todas parte da denominada segunda xeración de autoestradas.

Peaxe da AP-7 preto de Martorell CC-BY-SA Flextron

Pago polo uso das autovías

O futuro sistema de pagamento nas autovías "non se parecerá en nada" ao actual modelo de peaxes nas autoestradas, promete a Ministra de Transportes

Aínda que o regreso á titularidade pública de todas estas vías de pago está significando, de momento, a fin das peaxes en case todas elas, dende hai tempo está sobre a mesa a incorporación de fórmulas de pago polo uso das autovías, unha posibilidade que cada vez máis se dá por segura para os vindeiros anos e que se comezará a aplicar de forma inminente. 

Precisamente este martes a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, asegurou ao pé da autoestrada AP-7 que o futuro sistema de pagamento nas autovías "non se parecerá en nada" ao actual modelo de peaxes nas autoestradas. Así, prometeu que as tarifas serán homoxéneas en todo o Estado e que, ademais, se aplicará a máxima de "quen contamina, paga".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.