Segundo o ministerio, “o 19,4% dos tránsitos que realicen os vehículos lixeiros nos treitos de pago directo pasarán a ser gratuítos fronte ao 8% previo"
“Previsiblemente, esta mesma semana”, despois de que o Consello de Ministros deste martes aprobe o decreto que as regula e entre en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOE, comezarán a ser efectivas para os usuarios as novas rebaixas de peaxes na AP-9, que chegan a 27 anos do remate da concesión da autoestrada, o 18 de agosto de 2048. Este luns a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, concretou na Coruña os detalles das bonificacións, que no caso dos vehículos lixeiros só serán aplicables con dispositivo de telepeaxe e primarán as viaxes recorrentes.
Segundo os datos facilitados polo ministerio, “de media uns 61.485 usuarios únicos pagan por recorrer a estrada cada día laborable” e coas novas rebaixas “o 19,4% dos tránsitos que realicen os vehículos lixeiros nos treitos de pago directo pasarán a ser gratuítos de forma inmediata fronte ao 8% previo”.
O camiño para chegar a estes descontos iniciouse en xaneiro de 2020, co acordo de investidura polo que o BNG apoiou a Pedro Sánchez
O camiño para chegar a estes descontos iniciouse hai ano e medio, en xaneiro de 2020, co acordo de investidura polo que o BNG apoiou a Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España a cambio, entre outras cuestións, da transferencia da AP-9 a Galicia, aínda non concretada e pendente da súa tramitación no Congreso dos Deputados, e dunha rebaixa das peaxes para os usuarios “recorrentes”. Posteriormente, a finais do pasado ano o Ministerio de Transportes incluíu nos seus orzamentos para este ano partidas por 55 millóns de euros para rebaixar as peaxes pero matizando ao tempo que a medida requiriría dunha tramitación administrativa para consolidala no tempo en anos sucesivos.
Foi o pasado abril cando o daquela ministro José Luis Ábalos avanzou a data en que esa tramitación podería estar lista e amosou a súa esperanza en que as rebaixas estivesen implantadas “en xullo”. E o pasado 13 de xullo o Consello de Ministros autorizou de xeito excepcional o compromiso de gasto plurianual nos orzamentos do Estado para facer fronte ás rebaixas ata o remate da concesión da autoestrada, en 2048, que o Ministerio de Transportes cuantifica en 2.300 millóns de euros.
Agora, tras avanzar este domingo o presidente Pedro Sánchez que este martes o Consello de Ministros aprobará definitivamente as rebaixas, este luns a nova ministra de Transportes, Raquel Sánchez, concretounas. Son estas:
Vehículos lixeiros
As bonificacións para vehículos lixeiros requirirán dispoñer de sistema de telepeaxe
Todas as bonificacións para vehículos lixeiros requirirán dispoñer de sistema de telepeaxe:
- Gratuidade de todas as viaxes de volta con telepeaxe: Será gratis o 100% das viaxes de volta todos os días do ano para os vehículos lixeiros sen que teñan que facer un mínimo de viaxes ao mes. Considerarase viaxe de volta cando se realice en sentido inverso no mesmo traxecto dentro das 24 horas seguintes á viaxe de ida, sen necesidade de que se produza no mesmo día natural. Ata agora a concesionaria tiña un desconto do 25% para a viaxe de volta dentro do mesmo día laborable en calquera treito e, por outra banda, o Estado asumía a gratuidade da viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra tamén en días laborables.
- Bonificación a maiores do 20% para quen faga máis de 20 viaxes ao mes: Tamén aplicable só con sistema de telepeaxe, ademais do desconto anterior nas viaxes de volta, os vehículos que fagan máis de 20 viaxes mensuais en calquera treito, que se poden contabilizar como 10 viaxes de ida e volta ao mes, terán un desconto adicional do 20% nas viaxes de ida. Para o cómputo só se terán en conta dúas viaxes ao día, unha en cada sentido da circulación, e aínda que inicialmente se cobren integramente, "a final de mes Audasa realizará un abono polo importe correspondente", segundo indica o ministerio.
- Rebaixa a maiores do 50% da ida en viaxes de ida e volta entre Vigo e Tui como alternativa á A-55: De xeito adicional aos descontos anteriores, nos treitos da AP-9 entre Puxeiros, en Vigo, e Tui rebaixarase a peaxe nun 50% tamén nas viaxes de ida que formen parte de idas e voltas con menos de 24 horas de diferencia. Isto é, se entre Vigo e Tui a peaxe son 2,80 euros, e a ida e volta actual polo tanto 5,60 euros, coas novas rebaixas pagarase por toda a ida e volta só 1,40 euros. A medida pretende incentivar que o tráfico empregue a autoestrada como alternativa á autovía A-55, especialmente perigosa entre Vigo e O Porriño.
- Gratuidade do treito Redondela-Vigo para as viaxes de ida e volta: O treito Redondela-Vigo, que aínda ten peaxe (un euro para os vehículos lixeiros) malia ter inferior recorrido que O Morrazo-Vigo xa liberado del, deixará de tela para as viaxes de ida e volta que se fagan nun prazo de 24 horas. Pola contra, seguirase a cobrar peaxe se só se fai unha viaxe de ida pero sen volta. O ministerio responde así á reclamación da veciñanza da zona cuxa alternativa para entrar en Vigo é unha estrada nacional convertida na práctica nunha travesía urbana moi lenta e sobrecargada de tráfico. No seu momento o PP prometera quitar a peaxe nese treito a cambio de subilas no resto da autoestrada.
Vehículos pesados
As bonificacións para os vehículos pesados non precisarán de sistema de telepeaxe.
As rebaixas para os vehículos pesados non precisarán de dispositivo de telepeaxe, como si será necesario para outros descontos:
- 20% de desconto en todos os recorridos da autoestrada e calquera día da semana
- Gratuidade do treito Redondela-Vigo: Neste treito, que dá acceso a unha boa parte do porto de Vigo, tamén os vehículos pesados terán unha bonificación do 100% da peaxe, co que se pretende desviar o tráfico da estrada convencional á autoestrada.
Estas rebaixas tanto para vehículos lixeiros como para pesados súmanse ás xa existentes, tamén sufragadas con cargo aos orzamentos do Estado, que supoñen a gratuidade entre O Morrazo e Vigo e entre A Coruña e A Barcala. Os outros dous grandes treitos sen peaxe da autoestrada, entre Fene e Ferrol e na circunvalación de Vigo, son froito da ampliación da concesión da autoestrada ata o máximo legal, ata o 18 de agosto de 2048, decidida hai dúas décadas polo Goberno de José María Aznar antes de privatizar o que daquela era unha empresa pública.