“Fomento acepta a proposta da Xunta de Galicia de establecer a gratuidade da peaxe entre Vigo e Redondela vía compensación nas tarifas xerais da AP-9”. Con ese titular na súa nota de prensa confirmou este martes o Ministerio de Fomento que as peaxes de toda a AP-9 subirán aínda máis para compensar a Audasa pola gratuidade que a Xunta quere implantar para os tráficos entre Redondela e Vigo.
O ministro rexeitara que as contas estatais asumisen o pagamento a Audasa deses tráficos, como fai cos do Morrazo, e Feijóo admitira que a repercusión desa gratuidade no resto da vía era unha das posibilidades
A circulación pola AP-9 entre O Morrazo e Vigo, ao seu paso pola ponte de Rande, é gratuíta para o usuario grazas a que Fomento compensa por eses tráficos a Audasa, a concesionaria, a través dos orzamentos estatais e cun cálculo polo que esta estivo a obter un enriquecemento inxusto, segundo admitiu o propio ministerio. Porén, a circulación entre Redondela e Vigo, nun traxecto máis curto que non emprega a ponte, segue a ter unha peaxe de 0,90 euros para os turismos e de 1,95 euros para os vehículos de maior tamaño. Iso fai que moito tráfico, especialmente o pesado, opte por circular nese treito pola estrada convencional, que na práctica converteuse nunha rúa máis da cidade de Vigo.
O Concello de Vigo quere que tanto ese tráfico como outros procedentes dos peiraos situados ao norte da cidade empreguen a autoestrada e non as rúas da cidade, que está restrinxindo progresivamente aos vehículos pesados. A solución que impulsa a Xunta é a supresión da peaxe de Redondela para que parte deses tráficos se sintan atraídos a circular pola autoestrada e non polas vías convencionais. Pero Fomento rexeita asumir novamente esa gratuidade con cargo aos orzamentos do Estado, así que ou a Xunta a paga dos seus orzamentos, ou o único xeito de compensar a Audasa por esas peaxes que deixará de ingresar en Redondela é permitirlle que as suba no resto da autoestrada. E iso, como hai unhas semanas admitía Feijóo que podía suceder, é o que acaban de acordar este martes Fomento e Xunta nun encontro entre a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, no marco da comisión de seguimento da AP-9 constituída entre as dúas administracións. Nin Fomento nin Xunta concretaron aínda os detalles desa subida xeral das peaxes na AP-9, que se acorda nun ano en que esas taxas xa van subir preto dun 4%.
Fomento e Xunta deitan no Concello de Vigo a responsabilidade de deseñar o novo enlace de Teis para captar cara a autoestrada parte dos tráficos pesados aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe
Tras a reunión deste martes a Xunta tamén transmitiu que Fomento trasladará ao Concello de Vigo os requisitos que debe ter o proxecto técnico para construír o novo acceso á AP-9 que a cidade quere habilitar aínda máis preto do seu centro, en Teis, para captar a través del cara á autoestrada os tráficos aos que o acceso de Redondela lles queda moi lonxe. O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, viña reclamando a Xunta e Fomento que fosen esas dúas administracións as que ofrecesen unha solución, pero estas respóndenlle que debe ser el quen deseñe ese novo enlace.