Transportes abre a porta a ampliar a AP-9 en Vigo pola conxestión que poden producir a gratuidade de Redondela e Vialia

Inicio do ramal da AP-9 que dá acceso ao centro de Vigo ao remate do cal está a piques de rematarse a intermodal con centro comercial vialia e que o ministerio xa admite que sufrirá conxestións pola gratuidade da autoestrada desde Redondela © Google

O ministerio prevé construír apartadeiros para posibles incidencias de tráfico no acceso a Vigo, no que xa admite que se reducirá o nivel de servizo da autoestrada en horas punta

Desde este xoves 29 de xullo xa estarán en vigor as rebaixas de peaxes na AP-9, tras a publicación este mércores no Boletín Oficial del Estado do decreto que as autoriza. Un texto no que ademais de concretar tecnicamente como vai o Estado a pagar á concesionaria, avánzanse algúns efectos no tráfico que pode ter a medida. En particular, o decreto advirte da “conxestión” que pode producir o aumento de tráfico pola gratuidade da autoestrada entre Redondela e Vigo e a inminente apertura da estación intermodal co seu centro comercial Vialia ao final do ramal de entrada á cidade.

Recreación da estación intermodal de Vigo-Urzáiz co acceso á autoestrada ao seu carón Dominio Público Praza Pública

O decreto admite que esas dúas circunstancias “incrementarán a intensidade de tráfico no acceso a Vigo desde a autoestrada AP-9V”, como se denomina o ramal duns 4 quilómetros e dous carrís por sentido que conecta o tronco principal da vía co centro da cidade. “Actualmente xa se produce durante algunhas horas ao ano conxestión en dito treito”, di o decreto, que engade que “esta situación é compatible coa normativa de aplicación sen que, ata a data, resultase necesaria a ampliación da autoestrada nese treito”. Pero insiste en que “a gratuidade na peaxe de Redondela, xunto coa posta en servizo dos centros de xeración de tráfico anteditos, incrementará o número de horas ao ano en que se produce esta circunstancia, reducindo o nivel de servizo en horas punta nalgunhas seccións da AP-9V e da AP-9”, co que apunta a conxestións tamén no tronco principal da autoestrada que circunvala a cidade.

No treito en que se prevén conxestións o Concello quere ademais crear un novo enlace, en Teis, que permita circulara desde alí cara ao centro da cidade, e no treito previo desde Redondela están aínda pendentes obras tres anos e medio despois da ampliación de Rande

Para paliar ese incremento de tráfico o decreto contempla a instalación de paneis informativos sobre o estado do tráfico para que os usuarios poidan elixir outras entradas á cidade e a “construción de apartadeiros para incidencias de tráfico no treito Redondela-Vigo”. E engade que “no caso de que xurda a necesidade de aumentar a capacidade da autoestrada aos efectos de minorar os tempos ou treitos de conxestión e recuperar niveis de servizo desta, ou de executar calquera outra actuación nos treitos de acceso á vía ou no tronco da mesma, elaborarase por parte de Audasa un estudo de alternativas que permita avaliar a súa execución”. 

O treito de acceso a Vigo no que xa se avanzan posibles problemas polo aumento do tráfico inducido pola gratuidade en Redondela é o que o Concello de Vigo quere converter en urbano e crear un novo enlace, en Teis, que permita a circulación cara ao centro da cidade, o que aínda sumaría máis tráfico. Tamén é a continuación cara ao centro da cidade do treito previo xa ampliado a catro carrís por sentido entre a ponte de Rande e a bifurcación cara a Tui no que aínda están pendentes obras tres anos e medio despois de que Mariano Rajoy inaugurase a ampliación do viaduto.

Decreto de rebaixa das peaxes da AP-9 que admite a conxestión do acceso a Vigo pola gratuidade en Redondela e a nova intermodal CC-BY-SA Praza Pública

O decreto agora publicado no BOE tamén establece que no prazo de tres anos realizarase un estudo sobre os posibles tráficos inducidos -vehículos que antes non usaban a autoestrada e agora o si o farán- que as rebaixas e gratuidades poidan xerar na autoestrada para así axustar á baixa o pagamento do Estado á concesionaria. Un tráfico inducido que, no caso dos vehículos pesados, cunha rebaixa de só o 20%, o propio texto admite que será “despreciable” en comparación coas rebaixas superiores dos vehículos lixeiros, agás no treito de Redondela, onde a gratuidade tamén para camións fai que o ministerio poña o foco da súa preocupación.

O texto tamén contempla que se a partida orzamentada polo Estado para pagar as rebaixas de cada ano é superior ao efectivamente gastado, o ministerio poderá decidir se traslada o sobrante á partida do ano seguinte ou o emprega para rebaixar a suba aprobada polo PSOE e ratificada polo PP da tarifa ordinaria da autoestrada nun 1% adicional á inflación ata 2036 como compensación da ampliación da ponte de Rande.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.