“Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense”, dicía tal día coma hoxe de 2009 o daquela candidato ante a indecisión do ministerio sobre unha conexión na que agora si está a investir 550 millóns de euros
Desde este luns 10 de xaneiro e ata o 10 de maio, durante catro meses, na estación de Lugo non sairán nin chegarán trens. Así o obrigan as obras de renovación e mellora integral da liña con Ourense que se están a realizar por preto de 550 millóns de euros e que ao actual corte entre Lugo e Monforte sumará a finais de ano outro similar entre Monforte e Ourense.
O corte total da liña chega xusto un 10 de xaneiro como o que hai hoxe 13 anos, en 2009, viu ao daquela candidato do PP á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometer nun mitin en Lugo que se o ministerio non facía unha liña de alta velocidade ata a cidade sería el a través do Goberno galego quen a impulsase. “Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense”, anunciaba.
A historia do AVE a Lugo é a dunha sucesión de promesas que nunca se concretaron mentres se ían adiando melloras nunha liña convencional cada vez máis obsoleta
A historia do AVE a Lugo é a dunha sucesión de promesas que nunca se concretaron mentres se ían adiando melloras nunha liña convencional cada vez máis obsoleta. O anuncio lanzado polo candidato popular hai agora 13 anos foi arrombado cando chegou á presidencia e non foi ata oito anos máis tarde, en 2017, cando a Xunta asumiu publicamente que o ministerio non ía construír unha liña de novo trazado.
O que comezou a pasar a finais do Goberno de Mariano Rajoy foi que os sucesivos ascensos en Adif da lucense Isabel Pardo de Vera, agora secretaria de Estado de Transportes, impulsaron primeiro os estudos e proxectos que nin se encargaran previamente e posteriormente as obras para mellorar a liña convencional.
Entre Ourense e Monforte a liña forma parte da principal conexión de mercadorías entre Galicia e a Meseta, pero de Monforte a Lugo non estaba nin electrificada
Entre Ourense e Monforte a liña forma parte da principal conexión de mercadorías entre Galicia e a Meseta, a través de Ponferrada, pero entre Monforte e Lugo, treito que agora a UE vén de aumentar de nivel na súa planificación da rede europea, as vías nin sequera estaban electrificadas. Agora os traballos xa en marcha suporán unha renovación integral da liña, con melloras de todo tipo (electrificación, renovación das vías, modernización dos sistemas de seguridade e control do tráfico, mellora de pontes e túneles, apartadeiros que permitan a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude ou supresión de pasos a nivel).
Lugo e o Eixo Atlántico insisten en que aínda que non se faga unha liña de novo trazado completa si se constrúan variantes puntuais que eviten os treitos máis lentos
As previsións de Adif son que as obras estean rematadas en 2024, o que deixará ata ese momento unha sucesión de etapas boas e malas para os servizos ferroviarios de Lugo. A entrada en servizo da liña de alta velocidade entre a Meseta e Ourense o pasado 21 de decembro permitiu que Lugo se beneficiase apenas tres semanas das rebaixas de tempos que supuxo tamén para as súas conexións. Agora durante catro meses os viaxeiros serán desviados en autobuses pola estrada, situación que se repetirá novamente noutro período similar pero aínda non concretado cando previsiblemente a finais deste 2022 se teña que cortar tamén o treito Monforte-Ourense.
A expectativa final é que cando rematen os traballos unha vía completamente renovada mellore a fiabilidade e prestacións da actual e poida ser empregada de xeito moito máis rendible polos trens de alta velocidade, sexan os actuais Alvia ou os Avril de aínda mellores prestacións que se están a probar e polos que agardan o resto de cidades máis alá de Ourense para recortar outros 20 minutos os tempos de viaxe coa Meseta.
Porén, a renovación da liña non impide que a cidade de Lugo e o resto das súas socias no Eixo Atlántico de urbes de Galicia e o Norte de Portugal sigan a insistir na posibilidade de construír variantes puntuais que eviten os treitos actuais máis sinuosos, lentos ou con rodeos. Unhas actuacións que se calculan nuns 650 millóns de euros e que permitirían reducir tempos de viaxe moito máis alá das melloras de fiabilidade que se lograrán coas obras xa en marcha.