Lugo, 10 de xaneiro de 2009. Restan algo máis de dous meses para as eleccións autonómicas e Galicia vive unha fin de semana de plena precampaña. Para o domingo, día 11, estaba previsto un mitin de José Luis Rodríguez Zapatero en Ourense para apoiar a Emilio Pérez Touriño e, vinte e catro horas antes, o PP fixo o propio en Lugo. Os conservadores fixeron un esforzo de mobilización para encher de militantes o auditorio Gustavo Freire da cidade da Muralla con Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy como cabezas de cartel. No ardor do mitin, quentado previamente por José Manuel Barreiro con munición dialéctica de calibre groso, quen aspiraba a desbancar o bipartito deu en prometer que, ao chegar á Xunta, garantiría a chegada do AVE a Lugo con fondos autonómicos. Cinco anos despois, o proxecto esmorece nos Orzamentos do Estado e, como era de agardar, nin apareceu polos do Goberno galego.
"Levaremos o AVE de Lugo a Ourense co diñeiro da Xunta", asegurou Feijóo o 10 de xaneiro de 2009
A pirotecnia preelectoral daquel 10 de xaneiro de hai media década levou o actual presidente a aproveitar o desdén cara a Galicia de quen daquela era ministra socialista de Fomento, Magdalena Álvarez, para lanzar unha aposta tan rechamante como dificilmente realizable. O "pesadelo" da coalición de PSdeG e BNG estaba a piques de rematar e, cando iso acontecese, o retorno do PP a San Caetano ía permitir que a Xunta "suplise" a Fomento, poñendo os cartos para construír unha liña de alta velocidade entre Lugo e Ourense sobre cuxa necesidade ou oportunidade non cabía debate ningún.
"Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", garantiu literalmente Feijóo mentres o auditorio lucense se desfacía en aplausos. A infraestrutura de alta velocidade era "básica" para Lugo e provincia, subliñaba o líder da dereita galega e, por iso, o PP ía "asumir, comezar e rematar" o proxecto. Íao facer, ademais, porque lle "sobraban" ganas de facelo. A promesa copou os titulares de diversos xornais ao día seguinte. "Levaremos o AVE de Lugo a Ourense co diñeiro da Xunta", proclamaba o aspirante popular. Pero ese "compromiso real co reequilibrio territorial" semellou ficar soterrado cando, contra diversos prognósticos, o 1 de marzo dese ano as urnas lle deron a maioría absoluta.
A realidade orzamentaria
Como adoita acontecer, a foguetaría electoral ficou, pouco despois, humedecida pola realidade do goberno e das cifras. No verán do propio 2009 Feijóo asinaba xunto co novo ministro de Fomento, José Blanco, o alcumado como Pacto do Obradoiro, chamado a garantir que o tren rápido estaría circulando entre Madrid e Galicia, Lugo incluído, a finais do ano 2015. Pero a crise económica agudizouse e a concordia entre o presidente e o ministro foi desaparecendo, especialmente cando Zapatero iniciou a vaga de recortes e, acto seguido, deu en adiantar as eleccións xerais para novembro de 2011. Daquela a Xunta xa metera a luva branca nunha gabeta e defendía abertamente que os seus propios estudos indicaban que o AVE non chegaría ao país ata 2018.
O AVE lucense nunca figurou nos Orzamentos da Xunta e nos do Estado só aparecen escasas cantidades para estudos previos
Dende 2012 o que antes estaba en mans de Blanco é responsabilidade de Ana Pastor, zamorana integrada nas listas electorais do PP galego e que vén de confeccionar o seu cuarto orzamento como ministra de Fomento. O tren a Lugo nin sequera apareceu polos Orzamentos Xerais da Xunta do PP, que está a piques de presentar as súas sextas contas públicas, e nas do Estado, que son as que lle corresponden, vén figurando con escasísismos fondos para a realización de estudos previos.
No ano 2014 o Ministerio dotou estes estudos cuns 700.000 euros e no 2015, dez anos despois do seu teórico inicio, quedan en algo menos de 240.000 mentres na explicación dos obxectivos orzamentarios o AVE lucense nin sequera é mencionado malia que, cando menos oficialmente, ninguén con poder o cuestionou. Pola banda de Adif, que sería o organismo encargado de asumir o groso das obras, a dotación é cero.