Fronte á hipótese dunha futura liña de AVE moito máis cara e polo tanto de máis difícil concreción, Lugo aposta agora por varias melloras puntuais na liña actual a Ourense que permitan, con transbordos ou trens híbridos, reducir nun prazo de cinco anos as viaxes a Madrid á contorna das tres horas e media e, ao tempo, mellorar os servizos de media distancia. Esa é a proposta presentada este xoves en Monforte polo Eixo Atlántico co aval da Deputación e dos concellos de Lugo, Monforte e Sarria, os principais beneficiados da medida.
Deputación e Concello asumen a proposta do Eixo Atlántico de mellorar a liña actual con dúas novas variantes en Rubián e Os Peares que permitan conectar con Ourense nunha hora, 40 minutos menos que agora
Segundo a proposta do Eixo Atlántico, elaborada polo ex-director xeral de Transportes da Xunta Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático experto en ferrocarrís, sería posible conectar por tren Lugo con Ourense en 60 minutos (agora tardan unha hora e 40 minutos) coa execucións de diversas variantes da vía actual que sumarían preto de 30 quilómetros e que suporían un investimento de 650 millóns de euros. Os impulsores da proposta consideran a cantidade viable en comparación cos miles de millóns de euros investidos no resto de liñas de AVE. Tamén salientan que, fronte ao AVE, a mellora da liña convencional permitiría ofrecer servizo ás vilas intermedias.
De feito, a primeira desas melloras da liña actual xa está case rematada. É a coñecida como variante da Pobra de San Xiao, só pendente da instalación dos equipos técnicos, pero cuxa posta en servizo Fomento vén adiando sen explicacións malia que permitiría reducir uns cantos minutos de viaxe e mellorar a seguridade. A segunda actuación sería a construción dunha variante en Rubián (Bóveda) duns 13 quilómetros. A terceira variante realizaríase nos Peares para mellorar o complexo cruce dos ríos Miño e Cabe.
Os impulsores piden que Lugo non quede á marxe das melloras ferroviarias do resto de Galicia
Tanto o presidente da Deputación, Darío Campos, como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, salientaron que a proposta limítase a pedir para a provincia uns servizos ferroviarios similares aos que xa ten ou vai ter en breve o resto de Galicia. Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, insistiu en que a proposta é viable e evitará “un país a dúas velocidades”.