A Xunta avisa a Facultade de Medicina: ou acordo ou menos prazas e recursos

Román Rodríguez diríxese ao reitor da UDC, Antonio López, en presenza dos reitores da UVigo e da UDC CC-BY-SA Xunta

Ata en cinco ocasións advertiu este martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que o proceso para a descentralización dos estudos de Medicina en Galicia se atopa "en tempo de desconto". Fíxoo en clara alusión á Universidade de Santiago (USC) e, máis concretamente, á súa facultade, logo de que o seu rexeitamento ao acordo para repartir a docencia clínica coa Coruña e Vigo botase abaixo un pacto que agora pende dun fío pero que —cre— aínda se pode "salvar".  

Por primeira vez desde que se abriu o debate, o Goberno galego sinala a Universidade de Santiago e á Facultade de Medicina, á que pide "responsabilidade" e ser "consciente" do que supón o seu 'non' ao acordo

Logo de que a Xunta fose case sempre da man da USC no debate aberto, desta vez Rodríguez sinalou con claridade a Facultade de Medicina, á que pediu ser "consciente" das consecuencias das súas decisións e "responsabilidade". Todo tras lembrarlle que a súa negativa ao aval supón atrancar un acordo "formulado e aceptado polas tres universidades públicas galegas e dúas consellerías da Xunta" logo dun longo e duro traballo que implicou "cesións" de todas as partes. 

"Somos institucións públicas que xestionamos recursos públicos e que nos debemos a Galicia", aclarou nunha intervención buscada e preparada na que non só meteu presión á USC senón que, ao contrario doutras veces, abriu con claridade a porta á creación de novas facultades—aínda que non sexa o desexado, aclarou— e a que se consumen demandas "tamén lóxicas". "Todos os escenarios están abertos", dixo, logo de que nos últimos días tanto a UDC como UVigo confirmasen que seguen adiante cos seus plans para ter título propio. 

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, dirixíndose aos medios de comunicación este pasado martes CC-BY-SA Xunta

Rodríguez quixo, ademais, deixar claro que se non se logra un acordo para a descentralización de Medicina e se abren novas facultades "vai haber as mesmas prazas e unha repartición do financiamento" porque cos actuais 400 alumnos que cada curso entran en 1º no grao da USC cúmprese cos "arredor de 300-40" que o Sergas determina como necesarios para cubrir a demanda de profesionais sanitarios. 

Rodríguez advirte de que a apertura de máis facultades non aumentaría as prazas nin os recursos: 400 alumnos e repartición do financiamento

"Non tería sentido que para formar o mesmo número de profesionais, os galegos teñan que poñer máis recursos porque simplemente unha parte non está de acordo. Queremos ser moi claros e nítidos neste aspecto porque estamos en tempo de desconto", insistiu. En resumo: ou hai un acordo de descentralización ou se abren novas facultades que acollerían parte do alumnado da USC, que non só perdería estudantes senón cartos. 

"Estamos xa formando os médicos precisos; vai haber as mesmas prazas e unha repartición do financiamento", insistiu o conselleiro, que levou máis aló a ameaza ao lembrar que a hipotética chegada de dúas novas facultades suporía tamén que o alumnado que actualmente "fai a docencia práctica" en hospitais de todo o país "tería que centrarse en Santiago", unha posibilidade imposible ante a saturación do CHUS neste ámbito. 

"Non é só dar clases nunha aula, senón docencia nos hospitais, o que supón unha complexidade organizativa e técnica grande", alertou Rodríguez, que insistiu na súa aposta pola "facultade de Galicia", tal e como definiu o que el cre que sería o resultado dunha "descentralización que vaia a máis". 

Malia todo, o conselleiro de Educación insiste en que percibe unha "visión xeral de que é necesario chegar a un acordo", pero non dubida en advertir que perder "esta oportunidade porque a xunta de facultade da USC presente unha posición contraria..." "Creo que o futuro nos poñería a cadaquén no seu sitio", rematou, antes de aclarar que a creación de novas facultades de Medicina "non é unha cousa automática" senón que require dun longo proceso. 

A facultade con máis prazas do Estado

Todas as advertencias de Román Rodríguez chegaron un día despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurase que para Galicia era "moito mellor unha facultade grande que tres facultades pequenas". Agora, o seu conselleiro avisa de que esas posibles tres novas facultades terían que repartir as 400 prazas actuais da USC. Con todo, o reitor da universidade coruñesa, Ricardo Cao, insistiu en que a súa aposta é a dunha titulación especializada e con poucos alumnos e lembrou, nunha entrevista en RadioVoz, que "hai modelos exitosos no mundo adiante con facultades de Medicina non con 400 estudantes, senón cun número bastante inferior"

De feito, tal e como se detallaba nesta análise en Praza.gal, a Facultade de Medicina da USC é a que conta no Estado cun maior número de alumnado por curso (403 prazas este ano), unha cifra á que só se achegan os da Universitat Autònoma de Barcelona (385) ou o da Universidad de Sevilla (352). En Andalucía, por exemplo, hai unhas 1.500 prazas repartidas en dez facultades, dúas privadas e oito públicas. En Castilla y León, os dous novos graos de Medicina que se prevén o vindeiro ano en Burgos e León terán 72 e 80 prazas de novo ingreso respectivamente. 

Inés Rey volve criticar a posición "arcaica, egoísta e case de privilexios medievais" da USC

En medio do debate, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, volveu aludir ao conflito para asegurar que "non hai ningunha xustificación para que non se poida implantar a facultade de Medicina na Coruña, onde hai un hospital de referencia como o CHUAC". Ademais, criticou a posición da USC, que definiu como "totalmente arcaica, egoísta, case de privilexios medievais, que primar sen ningún motivo obxectivo" o seu grao "en detrimento do sistema universitario galego". 

Facultade de Medicina e Odontoloxía en Santiago de Compostela CC-BY-SA Santi Alvite

Respecto á falta de acordo na descentralización pola negativa da xunta de facultade, Rey cre que "é evidente que caeu ese castelo de naipes que montaran arredor dunha posición tremendamente egoísta que deixa fóra do sistema milleiros de estudantes que queren facer Medicina e non teñen a onde ir na universidade pública na nosa comunidade". Ademais, acusou a Xunta de "gobernar de costas ás cidades cando é A Coruña quen está a impulsar o desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.