A súa necesidade apenas foi posta en dúbida e ata hai menos dun ano non xurdiran plans alternativos. A conexión de Lugo e Ourense a través dunha liña de alta velocidade ferroviaria estivo incluída no paquete de promesas electorais para Galicia dende, cando menos, os últimos anos do século XX. O proxecto transitou por múltiples programas electorais e foi protagonista dun dos anuncios de campaña máis pirotécnicos de Alberto Núñez Feijóo en 2009, cando asegurou que esa liña se construiría con fondos da Xunta "e despois xa lle pasaremos a factura a Fomento", dixera. Os últimos Orzamentos Xerais do Estado certificaron que o Ministerio de Fomento abandona sen prazo o anunciadísimo proxecto e agora é o propio Goberno galego o que asume que non se fará.
Despois de anunciar tras 11 anos de obras para este 2017 a apertura do primeiro treito do que ía ser ese AVE a Lugo, os 7 quilómetros da variante da Pobra de San Xiao, o gabinete de Mariano Rajoy substituíu nas súas contas os créditos para unha eventual construción da liña de alta velocidade por fondos para "estudos das actuacións" que "permitirán o traslado dos beneficios da liña de alta velocidade Madrid-Galicia nas conexións con Lugo". Isto é, traballos de electrificación e modernización nun sentido semellante ao formulado polo Eixo Atlántico co apoio do Concello e da Deputación lucense, pero nunca un AVE.
Nunha resposta oficial o Goberno galego obvia o AVE, incluído no último programa electoral do PPdeG, e limítase a comprometer o impulso a unha "conexión ferroviaria de calidade"
Tras esta constatación o grupo do PSdeG no Parlamento galego dirixiuse por escrito á Xunta para preguntarlle polos datos que manexa sobre "a sitaución das obras nos tramos de alta velocidade na provincia de Lugo". Esta resposta chegou á Cámara a principios deste mes de setembro e nela a Consellería de Infraestruturas vén asumir que a promesa presidencial non se vai cumprir. "Un dos principais obxectivos do Executivo autonómico en relación coas infraestruturas do Estado en Galicia é impulsar e garantir unha conexión ferroviaria de calidade para Lugo" e "así o ten trasladado, cada vez que tivo ocasión, ao Ministerio de Fomento", coemza o escrito.
Feijóo chegara a prometer a construción desa liña ferroviaria con fondos da Xunta
O departamento de Ethel Vázquez cita a modo de "exemplo" o encontro do pasado xullo entre Feijóo e o titular de Fomento, Íñigo de la Serna, "no que se ten renovado o compromiso do Ministerio coa mellora das conexións ferroviarias internas da comundiade galega", entre elas "a modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense". Trátase, afirman, de "dotar os cidadáns da provincia de mellores prestacións e de servizos máis útiles, eficientes e competitivos, mellor adaptados ás súas necesidades". Ademais, agregan, a Xunta "trasladou" a Fomento a petición que neste sentido aproobu o Parlamento a finais de 2016.
Fomento inclúe partidas nos Orzamentos de 2017 para iniciar traballos de modernización da liña convencional
A Xunta evita xa mencionar a conexión de alta velocidade que mesmo foi incluída no programa co que o PPdeG concorreu ás eleccións galegas de hai un ano nun contexto no que, mantiñan, "os lucenses non poden quedar ás portas da alta velocidade e deben darse os pasos precisos para que a alta velocidade chegue dende Ourense a Lugo". Mentres, insta a "lembrar" as partidas incluídas no orzamento estatal para a "renovación e variantes da liña Monforte-Lugo e para a electrificación de Monforte-Lugo-Ourense". O primeiro proxecto está dotado con 13,5 millóns de euros, se ben Fomento estima un custo global de 600 millóns; o segundo ten 500.000 euros de orzamento para 2017 e o Ministerio calcula que custará un total de 40,5 millóns.
Unha vez desbotada a recorrente promesa do AVE a Xunta suxire ademais aos socialistas que poñan o foco nas actuacións que a Xunta está a desenvolver "no uso das súas competencias en transporte terrestre" para "o fomento da intermodalidade entre modos de transporte" coa "construción de terminais de autobuses conectadas coas novas estacións ferroviarias, creando así centros intermodais de primeira orde". No caso das dúas principais cidades do interior galego o proxecto da intermodal de Ourense está a avanzar -no medio da polémica polas alegacións de arquitectos e cidadáns, que foron desbotadas-, mentres que a de Lugo continúa en fase de estudos previos.