A renovación integral da liña entre Ourense e Lugo por 546 millóns de euros obriga a interromper xa o tráfico no treito máis setentrional que irá seguido máis adiante doutro corte similar pero aínda non concretado entre Monforte e Ourense
Entre o 10 de xaneiro e o 10 de maio non circularán trens entre as estacións de Lugo e Monforte polas obras de renovación integral de toda a liña ata Ourense que se están a realizar. Así o veñen de confirmar oficialmente a primeira hora deste martes Adif e Renfe. Suporán un investimento de 546 millóns de euros e permitirán mellorar a fiabilidade e prestacións da liña convencional unha vez descartada a promesa nunca concretada dunha nova liña de alta velocidade entre as dúas capitais.
Durante o corte do treito entre Lugo e Monforte os pasaxeiros serán trasladados por estrada entre as estacións do recorrido. E para os trens entre Ourense e A Coruña será Rábade a estación que pasará a suplir á de Lugo, con traslados por estrada ata ou desde ese lugar. Renfe ofrece a posibilidade de anular ou cambiar os billetes sen custo adicional.
O pasado marzo, ao tempo que se presentaron os traballos de mellora que xa se están a realizar na liña por 546 millóns de euros, o Ministerio de Transportes e Adif xa avanzaran que requirirían de cortes totais da circulación durante tres meses primeiro entre Lugo e Monforte e posteriormente outros tres meses entre Monforte e Ourense. Posteriormente Adif foi actualizando o documento oficial co que comunica as súas previsións de restricións nas súas liñas. Se inicialmente a previsión era que xa a finais de 2021 se cortase o tráfico tres meses entre Lugo e Monforte e na segunda metade de 2022 sucedese o mesmo entre Monforte e Ourense, posteriormente anunciouse unha nova previsión de que entre Lugo e Monforte a liña estaría cortada tres meses entre febreiro e abril de 2022, mentres que entre Monforte e Ourense o corte sería doutros tres meses entre agosto e outubro. Ao tempo, xa a finais do pasado ano houbo cortes puntuais.
Finalmente esa previsión de tres meses de corte entre febreiro e abril vén de ser aumentada a catro meses entre o 10 de xaneiro e o 10 de maio. Porén, Adif e Renfe non concretan aínda a segunda previsión similar de corte entre Monforte e Ourense inicialmente fixada para finais deste ano.
As obras de mellora da liña Ourense-Lugo para a súa “adecuación á alta velocidade”, como as identifica Adif, pero que tamén mellorarán a circulación de mercadorías entre Galicia e o resto da península a través do Corredor Atlántico ferroviario que pasa por Ourense e Monforte, comezaron a executarse máis dunha década despois de que o daquela candidato Alberto Núñez Feijóo prometese o 10 de xaneiro de 2009 que, se o Goberno central non construía un AVE a Lugo, faríao el desde a Xunta e despois pasaría “a factura”.
A renovación integral da liña convencional chega tras descartarse hai tempo a construción dunha nova liña de alta velocidade entre Ourense e e Lugo
Malia á promesa, e como se confirmou durante os gobernos centrais de Mariano Rajoy, Lugo non terá unha liña de alta velocidade de nova construción senón unha liña renovada con melloras de todo tipo (electrificación, renovación das vías, modernización dos sistemas de seguridade e control do tráfico, mellora de pontes e túneles, apartadeiros que permitan a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude ou supresión de pasos a nivel) cuxos principais proxectos comezaron a encargarse coa chegada da lucense Isabel Pardo de Vera en 2016 á Dirección Xeral de Explotación e Construción de Adif e aceleraron ao ser nomeada presidenta da empresa pública dous anos despois.