Adif segue reaxustando as súas previsións sobre os efectos que terán nos servizos as obras en marcha na liña para a súa “adecuación para a alta velocidade”
Desde a noite do venres 17 de decembro e ata a madrugada do luns 20 non haberá trens entre Lugo e Ourense e Renfe prestará os seus servizos en autobuses, segundo se fixo oficial este martes. É un máis dos sucesivos cortes puntuais que vén sufrindo o servizo ferroviario entre as dúas capitais interiores galegas para facilitar as obras de mellora da liña que xa están en marcha e que durante 2022 suporán o seu corte total durante medio ano.

O pasado marzo, ao tempo que presentaron os traballos de mellora que se realizarán na liña e que cuantificaron en 546 millóns de euros, o Ministerio de Transportes e Adif xa avanzaran que os traballos requirirían de cortes totais da circulación durante tres meses primeiro entre Lugo e Monforte e posteriormente outros tres meses entre Monforte e Ourense. Pero Adif vai actualizando o documento oficial co que comunica as súas previsións de restricións nas súas liñas e o actual fai lixeiras mudanzas a respecto das anteriores estimacións.
Se inicialmente a previsión era que xa a finais deste ano se cortase o tráfico tres meses entre Lugo e Monforte e na segunda metade de 2022 sucedese o mesmo entre Monforte e Ourense, agora a previsión máis concretada de Adif é que entre Lugo e Monforte a liña estea cortada tres meses entre febreiro e abril do próximo ano, mentres que entre Monforte e Ourense o corte sería doutros tres meses entre agosto e outubro.
Pero antes de chegar aos cortes totais a empresa pública xestora da rede ferroviaria xa vén facendo cortes puntuais nalgunhas xornadas como os que agora anuncia para a fin de semana de decembro previa ao Nadal.
Adif ten en marcha obras de mellora entre Lugo e Ourense que cuantifica en 546 millóns de euros e que prevé rematar en 2024, pero Lugo xa se verá beneficiada antes das progresivas postas en servizo de novas infraestruturas e trens no marco da alta velocidade coa Meseta
As obras de mellora da liña Ourense-Lugo para a súa “adecuación á alta velocidade”, como as identifica Adif, pero que tamén mellorarán a circulación de mercadorías entre Galicia e o resto da península a través do Corredor Atlántico ferroviario que pasa por Ourense e Monforte, comezaron a executarse máis dunha década despois de que o daquela candidato Alberto Núñez Feijóo prometese o 10 de xaneiro de 2009 que, se o Goberno central non construía un AVE a Lugo, faríao el desde a Xunta e despois pasaría “a factura”.
Malia á promesa, e como se confirmou durante os gobernos centrais de Mariano Rajoy, Lugo non terá unha liña de alta velocidade de nova construción senón unha liña renovada con melloras de todo tipo (electrificación, renovación das vías, modernización dos sistemas de seguridade e control do tráfico, mellora de pontes e túneles, apartadeiros que permitan a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude ou supresión de pasos a nivel) cuxos principais proxectos comezaron a encargarse coa chegada da lucense Isabel Pardo de Vera en 2016 á Dirección Xeral de Explotación e Construción de Adif e aceleraron ao ser nomeada presidenta da empresa pública dous anos despois.
Adif prevé rematar os traballos de mellora da liña en 2023 entre Lugo e Monforte e en 2024 entre Monforte e Ourense, pero xa o próximo ano, cando os cortes polas obras así o permitan, Lugo podería ver reducidos os tempos de viaxe dos trens de longa distancia. A entrada en servizo da liña de alta velocidade entre Galicia e a Meseta o próximo 21 de decembro fará que os tempos de viaxe entre Lugo e Madrid se reduzan en arredor dunha hora, ata as 4 horas e 45 minutos de viaxe. Pero o ministerio engade a promesa de que a entrada en servizo o próximo ano de novos trens de alta velocidade con ancho de rodadura variable reducirá eses tempos noutros 20 minutos.