Os servizos aumentarán dos 6 Alvia diarios actuais en cada sentido que tardan catro horas entre Ourense e Madrid a 8 Alvia en menos de tres horas e 2 AVE en dúas horas e cuarto
Este martes 23 de novembro Renfe porá á venda os primeiros billetes para a entrada en servizo comercial do AVE entre Galicia e a Meseta o vindeiro 21 de decembro. Así o anunciou este luns a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, tras unha viaxe de probas con distintas autoridades entre Madrid e Ourense, cidades que pasarán a estar unidas en tan só dúas horas e cuarto fronte ás preto de catro horas que se tardan actualmente.
A entrada en servizo do AVE tras dúas décadas de proxectos, obras e promesas incumpridas permitirá non só reducir os tempos de viaxe senón que tamén aumentarán as frecuencias. Dos seis servizos Alvia diarios en cada sentido existentes actualmente que tardan catro horas entre Ourense e Madrid pasarase a partir do 21 de decembro a oito Alvia diarios en menos de tres horas e dous AVE en dúas horas e cuarto.
Os tempos ao resto das cidades galegas veranse reducidos noutros vinte minutos o próximo ano, cando entren en servizo os novos trens Avril, e a medio prazo cando se execute a variante de Taboadela
Os tempos ao resto das cidades galegas veranse aínda máis reducidos o próximo ano, noutros vinte minutos, cando entren en servizo os novos trens Avril actualmente en construción que poden chegar ata os 330 quilómetros por hora e cuxo ancho de rodadura pode variarse permitindo así circular no interior de Galicia máis alá de Ourense, onde rematan as vías de ancho internacional para non obstaculizar a circulación de mercadorías no actual ancho ibérico do resto da rede galega.
O aumento de servizos diarios coa Meseta nótase especialmente en Ourense ao pasar por esta cidade todas as circulacións, pero tamén repercutirá no resto grazas aos enlaces que se facilitarán. Segundo detallou a ministra, grazas a eses enlaces en Ourense tamén A Coruña e Santiago pasarán de seis a dez servizos diarios, Vigo aumentará de catro a oito, Pontevedra de cinco a sete, e Lugo de tres a catro.
Na viaxe de probas deste luns a ministra subiu a un AVE en Madrid ao que se foron incorporando en distintas paradas outras autoridades, como fixo o presidente Feijóo en Pobra de Seabra. Desde alí ata Ourense, ao longo do treito máis complexo da liña de alta velocidade coa Meseta, cunha trintena de túneles e outros tantos viadutos ao longo de 119 quilómetros que por si só custaron preto de 3.000 millóns de euros, o AVE deste luns, que acadou os 299 quilómetros por horas, tardou 40 minutos exactos, menos da metade que ata agora.
E os tempos non só mellorarán cando entre en servizo o novo tren Avril que evite o lento cambio de ancho dos Alvia ao chegar a Ourense, senón que o seguirán facendo a medio prazo cando se execute a variante desta cidade, desde a localidade de Taboadela, desde onde os trens actuais seguen a usar a vía convencional adaptada para os dous tipos de ancho.
A entrada en servizo do AVE entre Ourense e a Meseta chegará 20 anos e 5 meses despois da que os daquela presidentes Fraga e Aznar presentaran o 21 de xullo de 2001 como primeira pedra da alta velocidade en Galicia. No Eixo Atlántico entre A Coruña e Ourense os treitos foron poñéndose en servizo a medida que se foron rematando, completándose en 2015, mentres que cara ao interior a primeira gran inauguración chegou hai xusto dez anos, cando en decembro de 2011 se puxo en servizo a liña entre Santiago e Ourense.
Na comunicación con Madrid xa se lograran melloras de tempos antes -coa apertura en 2007 da liña con Valladolid, compartida ata Olmedo coa galega- e seguiron producíndose despois, cos seguintes treitos ata Zamora e Pobra de Seabra.
Xunto co custo económico duns 9.000 millóns de euros, o AVE deixou cando menos 14 mortes na súa construción e 80 no accidente de Angrois, ademais de danos ambientais e irregularidades na súa xestión
Foron dúas décadas de proxectos e obras que supuxeron investimentos estimados nuns 9.000 millóns de euros: uns 2.600 no Eixo Atlántico e o resto ata a provincia de Valladolid -este luns a propia ministra cifrou en 9.040 millóns o gasto, pero sen detallar os treitos-. Pero houbo máis custos que Praza.gal vén analizando nestes anos, como as cando menos 14 persoas mortas nas obras de construción, os ríos danados ou desaparecidos con eses traballos, as irregularidades na súa xestión, as supresións e carencias de servizos que implicaron as mudanzas ferroviarias dos últimos anos ou as 80 persoas falecidas no accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, cuxa plataforma de vítimas entregou a varias das autoridades presentes na estación madrileña de Chamartín unha carta reclamando a investigación independente sobre o sinistro que España aínda non realizou.