A plataforma de afectados quere que o novo ente de investigación de sinistros teña máis en conta os riscos de erro humano
A dez días do oitavo aniversario do accidente de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas, a plataforma de vítimas do sinistro vén de enviar unha carta á nova ministra de Transportes, Raquel Sánchez, a cuarta titular que ten ese departamento desde hai oito anos tras os populares Ana Pastor e Íñigo de la Serna e o socialista José Luis Ábalos. Á nova ministra reclámanlle, como aos anteriores, que se reúna con elas e cumpra coa obriga establecida na normativa europea e reclamada pola Comisión Europea desde hai anos de que se realice unha investigación técnica independente do accidente.
Na investigación penal do sinistro vén de rematar a fase de instrución e está pendente de fixarse a data para xulgar o maquinista do tren Alvia por despistarse e o daquela director de seguridade de Adif por non habilitar medidas fronte ao erro humano previsible do condutor. Porén, a investigación técnica que no seu momento realizou a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio centrouse só no maquinista e obviou outras causas do sinistro, segundo constatou en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea, que tamén certificou a súa falta de independencia por estar os seus membros nomeados polo ministerio.
A CIAF, que se nega a reabrir a investigación como lle reclamou a Comisión Europea, foi reformada neste tempo e os sucesivos ministros de transportes argumentan que non poden ordenarlle que faga unha nova investigación porque suporía atacar a súa independencia. Ante esta situación, as vítimas abriron unha nova causa xudicial, neste caso na vía contencioso-administrativa, na que esta mesma semana formalizan o seu escrito de demanda, para tentar que a xustiza obrigue ao ministerio e á CIAF a realizar esa investigación de acordo coa normativa europea. Esta mesma semana formalizan o seu escrito de demanda
Na carta que agora remiten á nova ministra, á que felicitan polo seu nomeamento, os afectados sinalan que “non facer esta investigación é poñer en risco a seguridade de toda a cidadanía; se non se investiga correctamente non se poden tomar as medidas adecuadas para evitar que feitos tan terribles poidan repetirse, un dos principais obxectivos destas investigacións”.
Xunto coa petición dunha investigación técnica independente, as vítimas solicitan unha reunión coa ministra para expoñerlle a súa preocupación polo nomeamento como directora de seguridade de Adif dunha técnica que foi perito de parte da empresa pública na causa penal sobre Angrois, na que declarou que a liña era segura e cumpría a normativa de seguridade. Igualmente queren trasladarlle as súas consideracións sobre o novo ente independente de investigación de accidentes ferroviarios, aéreos e marítimos que está a impulsar o ministerio. Sometido a exposición pública o proxecto de decreto que regulará o ente, as vítimas veñen de presentar alegacións reclamando que se poña máis énfase na análise dos factores humanos e dos “comportamentos organizativos e as decisións que se tomaron tempo antes” dos accidentes, cuestións claves no caso de Angrois.