Transportes promove un ente de investigación de accidentes de tren, barco e avión que supere eivas como as de Angrois

Reunión en 2018 do ministro Ábalos coa plataforma de vítimas de Angrois Dominio Público Ministerio de Fomento

A nova autoridade única dependerá máis do Congreso e menos do Goberno, deberá ter en conta ás vítimas e analizar tamén nos sinistros “os aspectos organizacionais e relacionados co factor humano” 

O Ministerio de Transportes vén de someter a exposición pública o seu anteproxecto de lei para a creación dunha única autoridade administrativa independente para a investigación dos accidentes ferroviarios, marítimos e aéreos que supere a actual división en tres entes distintos. O seu obxectivo, di, é fortalecer a súa independencia, e entre a regulación contemplada no articulado aparecen varias medidas que evitarían eivas como as rexistradas na investigación técnica do accidente de Angrois por parte da anterior Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que se nega a volver a analizar o sinistro como reclama a UE. O propio ministro, José Luis Ábalos, avanzara á plataforma de vítimas de Angrois hai máis de dous anos a súa intención de impulsar esta reforma que aínda terá que ser tramitada no Congreso.

O proxecto de lei prevé unha maior intervención do Congreso en detrimento do Goberno no nomeamento da presidencia e dos membros da nova autoridade, fronte á situación anterior, levemente mudada neste tempo, que fixo que a CIAF fose un órgano dependente do daquela Ministerio de Fomento cando investigou o accidente de Angrois e puxo o foco só no maquinista, como fixeran desde un primeiro momento as autoridades públicas. Actualmente a causa xudicial está pendente da apertura do xuízo oral non só ao condutor senón a un cargo de Adif por non habilitar medidas que evitasen ou paliasen o previsible erro humano do primeiro.

Normativa proposta para a composición da nova autoridade única de investigación de accidentes CC-BY-SA Praza Pública

En 2016 a Axencia Ferroviaria Europea criticou que a anterior comisión de accidentes ferroviarios non fose independente do ministerio cando investigou Angrois e se centrase só no maquinista

En 2016 a Axencia Ferroviaria Europea criticou aquela falta de independencia da CIAF cando investigou Angrois, pero tamén que puxese o foco só no maquinista e non noutras causas subxacentes máis alá do seu despiste. Agora a nova norma en tramitación, en liña coa normativa europea e con cambios que xa se viñeran introducindo no sistema tras a censura de 2016, sinala que as investigacións deberán contemplar “todas as posibles causas do accidente ou incidente, incluídas as relativas aos aspectos organizacionais e relacionados co factor humano”.

Igualmente, e malia así requirilo xa a normativa europea, na investigación do accidente de Angrois non se tivo en conta ás vítimas, que durante o proceso xudicial achegaron información relevante para destapar as eivas de seguridade que tiña a liña de AVE Ourense-Santiago. As mudanzas xa realizadas neste tempo plásmanse tamén na nova normativa, que sinala que a nova autoridade única deberá manter informadas ás vítimas da evolución do caso e analizar as súas posibles achegas á investigación.

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratificou en 2016 que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente Dominio Público Praza Pública

Para mellorar a súa independencia, a nova autoridade única de investigación financiarase directamente, ademais coas achegas do ministerio, con porcentaxes das taxas existentes aos transportes aéreo, marítimo e ferroviario. Ademais os seus membros serán nomeados para períodos de seis anos (superiores á duración dunha lexislatura) sen posibilidade de reelección e con renovacións parciais da composición cada dous anos. E as súas investigacións deberán estar rematadas “en principio, no prazo máximo de 12 meses desde a data do accidente”, prazo que ata agora a CIAF viña incumprindo reiteradamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.