Fomento xa permite que vítimas de accidentes de tren participen na investigación pero só se o piden nun prazo

Web da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) co proceso para que as vítimas participen CC-BY-SA Praza Pública

As vítimas de accidentes de tren xa poden ter acceso directo e opinar sobre as investigacións oficiais dos sinistros que realiza a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento. Así o obriga unha directiva europea de 2004 que o Estado español non traspuxo completamente á normativa estatal ata 2014, dez anos despois, o que provocou duras críticas da UE ao Goberno central por como os investigadores de Fomento deron de lado ás vítimas do accidente de tren de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas. O accidente de tren do Porriño no que o pasado 9 de setembro morreron catro persoas e outras 48 resultaron feridas é o primeiro con danos persoais no que se abriu a posibilidade de que as vítimas participen na investigación. Porén, os afectados teñen que comunicar de xeito activo que queren participar no proceso nun prazo de 21 días do que a CIAF informa súa web. No caso do Porriño, ninguén o fixo.

O sinistro do Porriño do pasado 9 de setembro, con catro mortos e 48 feridos, primeiro no que se dá voz aos afectados dez anos despois de que o obrigase a UE

A Directiva europea 2004/49/CE di que a investigación técnica dos accidentes ferroviarios debe realizala un organismo independente do Goberno “coa maior apertura posible, oíndo a todas as partes e compartindo os resultados. Informarase periódicamente da investigación e dos seus avances [entre outros] ás vítimas e os seus parentes [...] e brindaráselles, sempre que sexa factible, a oportunidade de expor as súas opinións e puntos de vista durante a investigación e a posibilidade de facer observacións”. A norma europea nada di de prazos para esa participación das vítimas.

Esa Directiva de 2004 non foi trasposta por completo á normativa española ata dez anos despois, a través do Real Decreto 623/2014, de 18 de xullo, no que se recolle unha formulación similar co engadido de que, no caso de que haxa abertas tamén dilixencias xudiciais, esa participación dos afectados quedará supeditada “ao establecido na lexislación procesal”. A norma española engade tamén un prazo de 15 días para realizar alegacións á investigación, pero nada di de ningún prazo para previamente ter que persoarse como afectado.

A Axencia Ferroviaria Europea, nun duro informe feito público o pasado xullo, criticou que a CIAF non dese voz ás vítimas de Angrois

No accidente de tren de Angrois, ocorrido antes da transposición da normativa europea á española, a CIAF non facilitou a participación das vítimas na súa investigación. Nela concluíu que o maquinista do tren Alvia fora o único responsable do descarrilamento do tren malia as decisións de Adif, a empresa pública xestora do AVE Ourense-Santiago, de reducir a súa seguridade, algo co que non están de acordo as vítimas. A Axencia Ferroviaria Europea, nun duro informe feito público o pasado xullo, criticou que a CIAF non dese voz ás vítimas de Angrois e que se limitase a culpar o maquinista sen analizar as eivas de seguridade da liña. A UE tamén certificou que a investigación da CIAF non era independente xa que os seus membros foran nomeados discrecionalmente por Fomento.

En 2014, logo da transposición da normativa comunitaria, os membros da CIAF pasaron a ter que contar co visto bo do Congreso para garantir a súa independencia do Goberno. E agora, logo das críticas da UE por non dar voz ás vítimas de Angrois, a CIAF mudou o seu proceder nas súas investigacións. O primeiro sinistro ferroviario con danos persoais logo da divulgación en xullo do informe europeo sobre Angrois foi o do Porriño do pasado 9 de setembro, no que morreron catro persoas e 48 resultaron feridas logo de que un tren Vigo-Porto que circulaba a 120 quilómetros por hora fose desviado a unha vía secundaria na que non podía superar os 30 sen que o maquinista frease, descoñecéndose aínda os motivos.

Os interesados teñen que pedilo dentro dun prazo de 21 días que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) dá a coñecer na súa web

Mes e medio despois do accidente, o pasado 25 de outubro a CIAF publicou no apartado da súa web dedicado ás súas investigacións en curso a apertura dun prazo para que as vítimas amosasen o seu interese por participar: “Aquelas persoas e entidades que se consideren que poden estar incluídas nalgún dos colectivos [aos que a directiva europea pide dar voz] e estean interesados en ter acceso á información relativa sobre os feitos acaecidos e as investigacións efectuadas, dispoñen de 21 días naturais para rexistrarse como tales a partir da data de publicación”. E facilita unha dirección de correo electrónico na que facelo. A CIAF tamén indica que a información será facilitada cando avance a investigación e que se abrirá un novo prazo “de quince días hábiles para que, no seu caso, se formulen observacións ao respecto”.

Este diario preguntou directamente á CIAF, que se presenta agora como independente de Fomento, se a apertura dese prazo na súa web estivo acompañada de algún contacto directo e activo coas vítimas ou os seus representantes e se alguén se acolleu efectivamente a esa posibilidade no caso do accidente do Porriño. A resposta íntegra da CIAF é a seguinte: “Ningunha vítima se personou na investigación da CIAF do accidente do Porriño, non existindo polo momento ningún contacto entre as vítimas ou os seus representantes e a CIAF. Non obstante, desde esta comisión solicitáronse os datos das vítimas e resto de viaxeiros co fin de poder contactar coas mesmas”.

Á marxe das investigacións técnicas, nos accidentes de Angrois e do Porriño hai investigacións xudiciais abertas. No caso do sinistro de Santiago, a Audiencia Provincial da Coruña, que tamén cualificou á CIAF como non independente na súa investigación sobre Angrois, pediu que se determinara mellor se Adif analizou correctamente o risco que supuñan as súas decisións de reducir a seguridade no AVE Ourense-Santiago e deitar toda a responsabilidade no maquinista.

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratifica que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente Dominio Público Praza Pública
O tren descarrilado na estación do Porriño Dominio Público Marcos U. Pérez - Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.