Fomento dixo que non podía pedir unha nova investigación técnica de Angrois antes de que a Avogacía do Estado avalase esa conclusión

Feijóo con Ana Pastor nunha imaxe de arquivo © PPdeG

O ministerio argumentou en 2016 dificultades legais para pedir unha nova análise do sinistro á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios cinco días antes de que así o establecese un informe da Avogacía do Estado

En 2016, despois de que a Axencia Ferroviaria da Unión Europea dixese que a análise técnica do accidente de Angrois que realizara a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento poñendo o foco no maquinista do tren Alvia non fora independente, o ministerio argumentou dificultades legais para pedir unha nova investigación porque a CIAF xa si era independente. Tras avanzala Feijóo, Fomento esgrimiu esa argumentación o 14 de xullo, antes de que así llo certificase a Avogacía do Estado cinco días máis tarde, o 19 de xullo.

Informe da Avogacía do Estado asinado o 19 de xullo de 2016, cinco días despois de que Feijóo e Fomento avanzasen a súa argumentación CC-BY-SA Praza Pública

Tras o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, en 2014 a CIAF emitiu o informe da súa investigación, no que puxo o foco no despiste do maquinista, que non freou antes da curva e descarrilou. Ese informe técnico influíu na investigación xudicial ata o punto de que un perito designado pola Xunta plaxiou varios parágrafos, pero foi desmontado dous anos despois pola Axencia Ferroviaria da Unión Europea. 

As "dificultades legais" foron reveladas por Feijóo e confirmadas polo ministerio antes de que o avogado do Estado asinase o informe

O 7 de xullo de 2016 varios medios, entre eles Praza.gal, revelaron un informe remitido pola axencia ferroviaria comunitaria ao xulgado no que se di que a investigación da CIAF non fora independente e incidira no maquinista sen analizar outros factores que puideron contribuír ao accidente. Aquela crítica europea provocou que o PP galego, que ata daquela incidira na responsabilidade do maquinista propuxese unha declaración institucional reclamando unha nova investigación técnica. 

Informe da Axencia Ferroviaria Europea revelado o 7 de xullo de 2016 que di que a investigación da CIAF non foi independente Dominio Público Praza Pública

Preguntado por aquel movemento na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 14 de xullo, o presidente Feijóo revelou que ademais de enviarlle a reclamación dunha nova investigación falara persoalmente coa daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, que lle trasladara “dificultades legais” que lle impedían reclamar á CIAF unha nova investigación. O propio ministerio confirmou aquel mesmo día a Praza.gal e outros medios o revelado por Feijóo, que a CIAF fora reformada desde que emitira o seu informe sobre Angrois para mellorar a súa independencia, polo que xa non podía pedirlle que volvese a investigar o accidente porque suporía atentar contra a súa independencia.

Porén, aquelas “dificultades legais” reveladas por Feijóo e confirmadas por Fomento non serían certificadas formalmente pola Avogacía do Estado ao ministerio ata cinco días máis tarde. O 19 de xullo de 2016 é a data na que o avogado do Estado xefe do ministerio asina o informe, solicitado polo ministerio, no que conclúe que a CIAF “ten ‘independencia funcional plena’ respecto do Ministerio de Fomento” e por iso o ministerio “non pode legalmente ordenarlle que deixe sen efecto dito informe e elabore outro novo”. 

A UE vén reclamando desde hai cinco anos unha nova investigación, pero o ministerio argumenta que xa non llo pode pedir á CIAF porque agora é independente e esta négase

Ese argumento de que a CIAF xa é independente e o ministerio non pode pedirlle unha nova investigación vén sendo esgrimido desde aquela polos sucesivos ministros, mentres sucesivas comisarias de Transporte da UE veñen reiterando que España segue sen cumprir a súa obriga de facer unha investigación técnica independente do sinistro como esixe a normativa comunitaria. Pola súa banda, a propia CIAF insiste en negarse a cumprir coa petición da UE.

Carta da comisaria de Transportes da UE ás vítimas na que indica que pediu á CIAF que reabrise a súa investigación, algo ao que se vén negando CC-BY-SA Praza Pública

Ante este bloqueo da investigación técnica, a plataforma de vítimas do accidente iniciou unha causa contencioso-administrativa contra o Estado para tentar que a xustiza o obrigue a realizar a nova análise. Mentres, a instrución da causa penal vén de darse por rematada e xunto co maquinista será xulgado tamén un ex-cargo de Adif por non avaliar o risco do previsible despiste do condutor e habilitar medidas que o paliasen, medidas que o informe da CIAF non tivo en conta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.