- Fomento dáse medio ano máis para actualizar os límites de velocidade da rede ferroviaria
- Leiceaga mete a investigación política sobre Angrois na campaña electoral
Vítimas do accidente de tren de Santiago, do que o próximo domingo día 24 se cumpren tres anos e no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, abandonaron na tarde deste martes o Ministerio de Fomento logo de non poderse reunir coa xa ex-ministra Ana Pastor, coa que tiñan concertada unha cita. As vítimas criticaron fortemente o que consideran un “plantón” e un novo desprezo de Pastor que se produce logo de que o pasado día 7 a Axencia Ferroviaria Europea criticase a investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento por non ser independente e ter responsabilizado do sinistro só ao maquinista. O Ministerio de Fomento no quixo dar a súa versión dos feitos.
Os afectados critican o “plantón” logo de serlles ratificado o encontro e limítanse a entregarlles aos presidentes de Adif e Renfe un escrito coa súa reclamación dunha investigación independente do sinistro
Ao coñecerse o informe europeo crítico con Fomento, as vítimas solicitaron unha reunión coa ministra. Foron citadas a semana pasada para un encontro na tarde deste martes con Ana Pastor. Pero malia que desde esta mañá Pastor xa non é ministra, as vítimas aseguran que ninguén lles comunicou ningún cambio. Cando chegaron ao ministerio, quen recibiu aos tres representantes dos afectados foron o actual secretario de Estado de Infraestructuras e presidente de Renfe cando o sinistro, Julio Gómez-Pomar, e os presidentes de Adif e Renfe, Gonzalo Ferre e Pablo Vázquez. As vítimas, segundo o seu relato, limitáronse a amosarlles o seu malestar e a lerlles e entregarlles un escrito coas súas peticións antes de abandonar o ministerio.
As vítimas reclaman unha nova investigación técnica independente, unha investigación política parlamentaria e que Pastor lles pida perdón
As vítimas acudían ao encontro con tres grandes reclamacións: que se volva facer unha nova investigación técnica do accidente como pide a UE, que se cree unha comisión parlamentaria de investigación política no primeiro trimestre logo da formación dun novo Goberno e que a ex-ministra Pastor lles pida perdón por mentir dicindo que a CIAF era independente. Na primeira petición, as vítimas queren un equipo investigador formado por catro técnicos propostos pola Axencia Ferroviaria Europea, dous por Fomento e dous polas propias vítimas.
Desde esta mañá, coa publicación no Boletín Oficial del Estado da súa renuncia para asumir a presidencia do Congreso dos Deputados, Pastor xa non era ministra e o presidente Rajoy traspasara “o despacho ordinario dos asuntos” correspondentes a Fomento ao ministro do Interior, Rafael Catalá. Antes de chegar a Interior en setembro de 2014, Catalá era secretario de Estado de Infraestruturas e as vítimas tamén o critican pola súa xestión do accidente, na que o acusan de tentar silencialas desde o primeiro momento.
Fomento ten dúbidas legais sobre a posibilidade de realizar unha nova investigación técnica mentres que a Audiencia Provincial da Coruña xa reabriu a instrución xudicial do caso
Este mesmo martes, ao rematar a votación que confirmou a elección de Pastor como presidenta do Congreso, un invitado presente na tribuna da cámara baixa, familiar dunha vítima do accidente, increpouna dicindo que non era solidaria cos afectados. A semana pasada, ao coñecerse que a UE criticaba a investigación realizada por Fomento, o ministerio argumentaba que tiña dúbidas legais sobre o procedemento para a apertura dunha nova análise do sinistro, xa que a súa comisión investigadora considérase agora xa independente e polo tanto o ministerio non pode darlle a orde de volver investigar o accidente porque atentaría contra esa independencia. Mentres, a xustiza si vén de reabrir a investigación xudicial do accidente, logo de que a finais de maio a Audiencia Provincial da Coruña así llo ordease ao instrutor, que pretendía xulgar ao maquinista como único responsable restando relevancia penal ás eivas de seguridade que presentaba o AVE Ourense-Santiago.