O tren de altas prestacións galego entrará en servizo dúas décadas despois da colocación da súa primeira pedra. Durante as cinco fins de semana de agosto repasamos o que quedou polo camiño neste tempo máis alá do investimento.
Antes de seren condenadas a pagar a un obreiro mil horas extra por xornadas de 12 horas seis días á semana, en 2013 as empresas construtoras do treito Campobecerros-Portocamba do AVE entre Galicia e a Meseta, no Macizo Central ourensán, fixeron desaparecer por completo un río ao longo de varios centos de metros. A multa que recibiu a unión temporal de empresas (UTE) foi de 7.588 euros, o 0,009% dos 84 millóns de euros polos que se adxudicara a obra.
Esa multa, en todo caso, é superior á maioría das sancións por danos ambientais a ríos que recibiron nestes anos as construtoras da liña de alta velocidade, cando menos 45 multas que apenas suman uns 84.000 euros, menos do 0,003% dos máis de 3.000 millóns de euros de investimento nos treitos do AVE galego incluídos dentro das confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro só na obra civil (desmontes, túneles ou viadutos, sen ter en conta as vías e equipamentos técnicos posteriores).
Nesta análise dos outros custos do AVE galego que estamos a facer durante as cinco fins de semana de agosto, que na primeira entrega repasou as 13 mortes de traballadores durante a súa construción e as súas condicións de traballo, Praza.gal obtivo a través de varias peticións de transparencia o listado das sancións impostas polas confederacións hidrográficas do Miño-Sil e do Douro por danos das construtoras ao dominio público hidráulico.
No primeiro caso, desde a primeira sanción incoada en novembro de 2012 ata comezos deste ano son un total de 27, mentres que no caso do Douro esa confederación informou en xuño de 2018 dun total de 18 sancións desde abril de 2011 ata novembro de 2015, pero malia solicitárselle por varias vías tanto de transparencia como a través do seu departamento de comunicación, non foi quen de informar se houbo algunha sanción máis desde 2018 ata comezos deste ano. Ademais, os datos facilitados pola Confederación do Douro son menos detallados que os da Miño-Sil e presentan diversas eivas.
A media das multas é de menos de 1.900 euros cada unha e entre as sancionadas están as principais construtoras españolas
Os datos dispoñibles das dúas confederacións sitúan a media das sancións en menos de 1.900 euros, malia que haxa casos significativos nos que a cifra aumenta. As empresas, como reflicten os listados facilitados polas confederacións hidrográficas, que se poden consultar máis abaixo nesta información ou neste enlace, clicando sobre cada documento para amplialo, son máis dunha vintena de construtoras entre as que están todas as principais do sector en España que participan na construción dos diversos treitos do AVE galego a través de unións temporais de empresas (UTE).
En Campobecerros un río desapareceu por completo entubado ao longo de varios centos de metros por unha obra iniciada sen permiso e a construtora foi sancionada con 7.588 euros
A sanción máis elevada foi unha imposta pola Confederación do Miño-Sil en agosto de 2017 por uns feitos dun ano antes á UTE Túnel O Cañizo, de 16.534,45 euros de multa máis 8.267,23 euros por danos, por “incumprir os parámetros autorizados de vertido, causando danos ao dominio público hidráulico” no regueiro do Val da Xoana, na Gudiña. No caso do Douro, a multa máis alta, de 10.001 euros, foi imposta en Cerdedelo, no termo municipal de Laza, tras unha toma de mostras en abril de 2015 que amosou un incumprimento dunha autorización de verteduras ao regato Teixeiras, no que tamén houbo outros danos reiterados. Malia ser un dos danos máis rechamantes, coa desaparición por completo do río ao longo de varios centos de metros en outubro de 2013, o “desvío e entubado do cauce Foxo Vello, causando danos ao dominio público hidráulico, en Campobecerros” saldouse cunha multa de 7.588 euros á UTE Portocamba.
Os concellos da Gudiña e Castrelo do Val rexistraron nove sancións en cada termo municipal
A maioría das sancións concéntranse en Galicia nos concellos da Gudiña e Castrelo do Val (9 sancións en cada termo municipal), seguidos de Laza (5), Vilar de Barrio (4), Vilariño de Conso (3), Baños de Molgas (2) e Xunqueira de Ambía, A Mezquita e Taboadela (1). Canto aos ríos ou regatos afectados, destacan o Regueiro Foxo Vello e o Regueiro de Valcovo (os dous en Castrelo do Val) e o Regato Val de Parada (Vilariño de Conso), os tres con tres sancións en cada un.
A información dispoñible permite comprobar que as empresas tardan un ano en seren sancionadas polos danos cometidos. Por outra banda, a maiores das 45 sancións impostas hai un caso, na confederación do Douro, dunha denuncia de derivación de augas rexistrada en xuño de 2012 en Otero de Bodas (Zamora), que foi sobresido, mentres que entre os expedientes que remataron con multa outro na confederación do Miño-Sil, dunha vertedura producida no río Val de Parada, en Vilariño de Conso, o 15 de xuño de 2017 na que a resolución sancionadora non foi emitida ata o 19 de xuño dun ano máis tarde, o seu resultado foi a prescrición.
Non todas as denuncias acaban en sanción malia que si se producise un efecto comprobado das obras sobre os ríos
Ademais, non todas as denuncias acaban en sanción malia que si se producise un efecto comprobado das obras sobre os ríos. En 2014, por exemplo, a Plataforma Ciudadana Ríos Limpos denunciara as cores laranxa, marrón e gris que presentaba o río Támega ao seu paso por Verín (as denuncias nese concello foron múltiples e reiteradas). A contestación que lles deu a Confederación do Douro foi a de explicarlles a orixe das cores da auga: o laranxa pola “forte carga de óxido de ferro” da xeoloxía da zona, o marrón por “arrastres” provocados pola chuvia daqueles días e o gris “si que provén das obras do AVE, pero polo mesmo motivo, cando chove moito prodúcense arrastres dos camiños de acceso aos distintos treitos das obras”. Malia admitir ese efecto das obras do AVE sobre o río, a Confederación do Douro argumentaba que “en base ao exposto, non procede a incoación de expediente sancionador”.
Próxima entrega: