A media das sancións, de 1.650 euros, é aínda inferior ás impostas na demarcación Miño-Sil a construtoras que recibiron contratos millonarios e cuxos nomes agora se ocultan
A Confederación Hidrográfica do Douro impuxo desde 2011 ás construtoras do AVE entre Galicia e a Meseta un total de 18 sancións por danar ríos nas provincias de Ourense e Zamora por un importe que suma uns 30.000 euros, a pouco máis 1.650 euros de media por sanción. A media é aínda inferior aos 2.000 euros por multa das 24 sancións impostas no mesmo período na demarcación Miño-Sil a unhas construtoras que recibiron contratos millonarios do Ministerio de Fomento e cuxos nomes agora oculta a Confederación do Douro.
Praza.gal formulou hai varios meses unha petición de transparencia ao anterior Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente que foi á súa vez remitida ás confederacións hidrográficas do Miño-Sil e Douro. A primeira contestou ás poucas semanas detallando cada sanción que impuxo mentres que a segunda só o fai agora despois de que na última semana este diario, superados os prazos legais para esa contestación, publicase os datos de Miño-Sil e intervise o novo Ministerio de Transición Ecolóxica.
Os datos agora facilitados pola Confederación do Douro detallan 19 expedientes sancionadores incoados desde 2011, dos que un acabou sobresido. Os outros 18 (10 en Zamora e 8 en Ourense), un deles aínda pendente de recurso, recollen multas que suman pouco máis de 30.000 euros, o que supón unha media de pouco máis de 1.650 euros por sanción. A maioría das multas impuxéronse por verteduras a ríos, seguidas de derivacións de auga non autorizadas e incumprimentos de autorizacións, pero o listado facilitado pola Confederación do Douro é bastante menos detallado que o da Miño-Sil. Nel non se indican os nomes das construtoras sancionadas nin se detalla o tipo de dano, como si fai Miño-Sil. Igualmente, o listado non detalla coa mesma precisión o lugar dos danos e ten erros en datas.
Laza, con cinco, é o concello no que máis sancións impuxo a Confederación do Douro, seguido de Lubián e Otero de Bodas, xa en Zamora, con dúas multas en cada caso
A sanción máis cuantiosa, de 10.001 euros, foi imposta en Cerdedelo, no termo municipal de Laza, tras unha toma de mostras que amosou un incumprimento dunha autorización de verteduras ao regato Teixeiras, no que tamén houbo outros danos reiterados, pero a maioría das multas non superan os mil euros. Na provincia de Ourense, é Laza o concello con máis sancións, cinco, seguido de Castrelo do Val, A Gudiña e A Mezquita, con unha sanción en cada termo municipal e cuxos nomes a confederación deturpa denominándoos Castrillo del Val, La Gudiña e La Mezquita. Na provincia de Zamora, Lubián e Otero de Bodas, con dúas sancións en cada caso, van seguidos por Padornelo, Requejo, Coreses, Asturianos, Roales del Pan, Toro e a propia cidade de Zamora, cunha sanción en cada municipio.